PROXECTO LÓVA

domingo, 31 de marzo de 2013

DENDE O MEU RECUNCHO

Ola rapaces!

Hoxe levanteime cedo -por fin un día soleado logo destas pertinaces choivas- e púxenme a navegar un pouco pola rede. Deime conta de que está a piques de rematar o mes de marzo e non vos escribín ningunha mensaxe no noso blog en todo este mes. Teño disculpa. Estiven tan atarefado colocando mobles e libros na miña casa -a nosa biblio- que esquecín darvos noticias de mín. Aínda non rematei as reformas (sábese cando comezan, pero non cando rematan), como podedes comprobar, pero estou máis preto de facelo. Moitos de vós axudáchedesme cos cambios na biblio e teño que darvos as grazas. E coido que no vindeiro mes, no que celebramos o Día do Libro, teremos bastante adiantado. Mentres, tede paciencia conmigo.


Falando do vindeiro mes, aproveito para anunciarvos algunhas novas:

  • O día 9 teremos a sesión do Club de Lectura correspondente ao libro de Khaled Hosseini: Cometas en el cielo, que espero que estedes a disfrutar. Tocábanos unha novela realista, e penso que a historia de Amir e Hassan profundiza dun xeito conmovedor nos sentimentos, ás veces duros, do ser humano nun marco tan convulso como o Afganistan dende a dominación soviética ata o rexímen talibán. Emplázovos ata entón.

  • O día 23, co gallo do Día do Libro, teremos unha celebración sorpresa da que só podo adiantar que terá que ver co pasado aniversario do célebre escritor británico Charles Dickens (1812-1870) do que xa falamos noutra entrada do blog, nos seu momento. Penso que contarei coa vosa colaboración.
  • Dentro de pouco, presentarémosvos os nosos 13 cumpreanos do 2013. Alí mesturaremos escritores, pintores, músicos, presidentes, cidades, apóstolos... E non dou máis pistas, que todo o pillades.
E nada máis polo de agora. Sabedes que xa se pode consultar os  nosos fondos na rede porque estamos no programa Meiga. Seguro que alí atopades moitos tesouros que vos poden descubrir mundos que pagan a pena. 

Así pois, no formato que queirades, do xeito que prefirades, na lingua que desexedes, no momento por vos escollido..., non deixedes de LER!