domingo, 29 de setembro de 2013

AGORA SI QUE COMEZAMOS


Ola rapaces:

Xa sei que me botabades de menos. A mín e ás nosas sesións do Club de Lectura. Pois estades de sorte. Xa non tedes que agardar demasiado. O vindeiro martes, día 8 de outubro, ás 15,30, daremos o pistoletazo de saída a nova tempada, a que fai o número catro. E por suposto, os que queirades quedar a xantar vémonos ás 14,10 na biblio. 
Así que vos agardo a todos, en especial aos novos -a ver eses pequenos de 1º de ESO con cara de ler moito-, aqueles que teñades interese polas boas historias. 
E unha mensaxe especial para os meus benqueridos veteráns que xa estades en 2º de BAC (Claudia, Andrea, Carolina, Elisa, Borja, Luis, Silvia, Irene, Isabel, María, Christian, Gonzalo). Xa sei que tedes por diante un curso moi esixente. Pero me gustaría pedirvos que cando menos no primeiro trimestre non esquezades a nosa cita co club. Xa son tantos anos convosco que non quero perdervos.
E para todos en xeral, recordade a nosa xuntanza mensual cos libros e con outros lectores, para poñer en común vivencias e opinións. Non vos arrepentiredes.
Estou desexando volver vervos a todos e que me contedes cal foi o voso libro de cabeceira durante as pasadas vacacións.
Apertas:
SOCAS

domingo, 1 de setembro de 2013

A PIQUES DE COMEZAR

Ola de novo, rapaces!
Seguro que xa me botabades de menos. Eu a vós si, dende logo. A miña biblio andaba un pouco amortecida de máis. E non porque os meus colegas de ficción e máis eu non celebraramos as nosas canfurnadas estivais. Senón porque me faltabades vós, os lectores e lectoras. Pero o bo é que xa esta semana comezarei a vervos pouco a pouco por aquí. Cando rematedes os vosos exames, vide visitarme, non si? Tedes que comentarme que estivestes lendo estes meses. Eu xa vos seguirei recomendando boas historias.
Pero, sobre todo, temos que celebrar como se merece a nova deste verán: xa temos o famoso PLAMBE. Que que é iso? Pois en definitiva cartiños para gastar e facer a reforma da miña casa pero ao grande: mesas e cadeiras, máis equipamento, e sobre todo, máis libros, revistas e DVD. E unha programación atractiva e variada para fomentar o pracer de ler. Coas nosas actividades habituais: Club de Lectura, Día do Libro, Cumpren anos... E todas aquelas que se nos ocorran: Club de Lectura de Adultos, Hora de Ler, Boletíns ou Exposicións, por exemplo.
En fin, rapaces, que vos auguro un bo curso, cheo de experiencias lectoras emocionantes. Vémonos
Socas