martes, 18 de febreiro de 2014

ANTÍA NA NOSA BIBLIOTECA

Aquí de novo convosco.
Onte Marcos, hoxe Antía.
Falo agora desta última, que tivo a amabilidade de compartir cos rapaces e profes do Club de Lectura a súas emocionantes experiencias viaxeiras -e ten moitas- por Irán, a patria reflectida no cómic que lemos na sesión de febreiro, Persépole.

Logo doa boa presentación de Diego Pereda -parabéns polo teu esforzo en falar galego-, Antía tomou a palabra e guiounos nunha interesantísima viaxe pola xeografía, historia, cultura, relixión, costumes, forma de vestir e de relacionarse deste país asiático.
Foron moitas as cousas que nos relatou, moitas as súas impresións, moitas as excelentes fotografías que compartiu con nós.
Grazas, Antía. Agora entendemos un pouco máis a historia de Marjane Satrapi na súa impactante novela gráfica. 


Ao final tivemos a visita de dous profes do IES Ferrolterra, interesados en aprender da nosa experiencia como Club de Lectura.
Marcamos estilo, rapaces!
Con agarimo,
SOCAS

MARCOS CALVEIRO NA NOSA BIBLIOTECA

Ay que se me acumula o traballo! Onte Marcos, hoxe Antía. Dúas excelentes conferencias tan seguidiñas que deixáronme abraiado. Vou pouco a pouco.
Lucía recibindo o seu premio

Onte Marcos. Foi moi intenso e moi interesante o seu obradoiro de escrita que leva por título o mesmo dunha das súas novelas: Rinocerontes e Quimeras. Fíxonos traballar arreo primeiro debuxando unha quimera e poñéndolle nome, logo inventando palabras e a súa orixinal definición dun novo diccionario, despois comenzando un relato, rematándoo, facendo un microrelato, e, por último, creando un nome e un eslogan publicitario para un produto. O que máis me gustou foi que soubo transmitir a idea de que as palabras e a forma de contar as historias non son só cousa dos escritores ou dos profes de lingua. Todos temos a obriga e a necesidade de saber empregar ben as verbas.
Firnando libros para os do Club

Tamén tivo Marcos un oco para falar cos rapaces de 1ºA que leron a súa novela Palabras de auga. E tamén para algúns do Club de Lectura que se achegaron para que lles firmase o seu exemplar do Pintor do Sombreiro de Malvas. Por certo, quedou encantado co libro que fixeron Ana Seco e os seus tutorandos. Todo un prodixio de bo gusto.
Traballando arreo


Está ben rapaces, que teño que pasar a Antía. Vémonos na seguinte entrada.
SOCAS

venres, 14 de febreiro de 2014

MARCOS CALVEIRO NO NOSO CENTRO

Pois si, rapaces, esa é a boa nova. 


A semana que vén está chea de acontecementos. Temos o martes a nosa sesión de cómic sobre Persépole, na que falará a nosa profesora Antía, gran viaxeira por Irán. 
Pero o día anterior, a gran sorpresa, a visita do escritor de Vigo, Marcos Calveiro, do que lemos no trimestre anterior, O pintor do sombreiro de malvas
Imos agasaiar ao noso convidado cun libro moi especial. Pinchade neste enderezo. Coido que vai quedar abraiado, non si?

Disfrutade!

sábado, 8 de febreiro de 2014

SOCAS INFORMA: APLÁZASE A NOSA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA

Ola rapaces!


Unha nota rapidiña para decirvos que a nosa vindeira xuntanza do Club de Lectura, correspondente ao cómic Persépolis, se aplaza para a semana seguinte. Así que temos unha cita o martes 18 pero esta vez as 15, 30. Non nos quedamos a xantar porque algúns profes teñen compromisos xusto ao mediodía. Pero esta circunstancia non será impedimento, espero, para que todos nos vexamos as cariñas logo de comer en casa un día máis.
Así que, ata pronto.
Socas

xoves, 6 de febreiro de 2014

O ÚLTIMO NÚMERO DA NOSA REVISTA "PLANETA LINGUA"

Ola rapaces!


Hai uns días, Antía, a profesora de Galego que dirixe o Equipo de Dinamización Lingüística, tivo o detalle de darme un exemplar do último número da revista que dito Equipo promove, o que fai o número 15. Certo é que levo xa un par de cursos colaborando con ela, cousa que me encanta. E teño que dicir que me sorprendeu a calidade da revista, tanto no seu contido coma na súa presentación. Gustáronme especialmente os artigos adicados a asuntos literarios, por algo son un trasno de biblioteca, como o monográfico tan documentado sobre os vampiros, no que colaboraron dúas coñecidas miñas que levan moitos anos no noso Club de Lectura -do que se deduce que as personas que valen ten tempo para moitas actividades-. Refírome ás alumnas de 3º, Antía Casal e Míriam Hidalgo. Tamén me interesou o artigo adicado ao poeta Xosé María Díaz Castro, ao que se lle dedica o próximo Día das Letras Galegas. A través deste artigo, podemos coñecer algunhas das súas poesías. 
Pero tamén vexo moi interesantes outros artigos de asuntos diversos: deportivos (a entrevista co o adestrador de rugby Alejandro Segura e cun alumnos que é xogador); económicos (o dossier que Iñaki e algúns dos seus alumnos fan sobre a empresa Zara); históricos (como o relato da viaxe a Atenas completado cun artigo sobre as mulleres na Antiga Grecia) e moitos outros.
Así que non me queda máis que reiterar os meus parabéns a Antía e ao seu equipo de colaboradores e animar a todos a ler e desfrutar desta revista.
Aburiño!

SOCAS