Así, ben grande. Porque nos alegramos. Moito. Porque tiñan razón os alumnos de 1º ESO C e Laura, a súa profesora: Neira Vilas recupérase na casa. Sabedes que estaba previsto que conectase con nós por Skype na semana das Letras Galegas, pero tivo que ingresar no hospital. E agora, aínda en recuperación, contesta ao correo que os alumnos de Laura enviaron. Por certo, Ana o único que fixo foi servir de intermediaria a través da Biblioteca (enviou o correo de Laura á Fundación Neira Vilas). Parabéns, a seguir así, recuperándose. E graciñas, Xosé, por acordarse de nós. Cuídese moito! Moito, moito!
PROXECTO LÓVA
▼
mércores, 27 de maio de 2015
mércores, 20 de maio de 2015
ITINERARIO LETRAS GALEGAS 2015: PONTEVEDRA-CAMBADOS.
- 2015, Letras Galegas Filgueira Valverde.
- 2015, 100 anos de Vento mareiro, poemario de Cabanillas.
A conexión:
- Filgueira Valverde: relación co Museo de Pontevedra.
- Vento mareiro, augada de Castelao que ilustrou o poemario Vento mareiro de Cabanillas, está no Museo de Pontevedra.
Entón...
Continuamos as actividades do "Mes das Letras no Sofía" con esta viaxe cultural que nos leva a Pontevedra para ver no Museo da cidade -tan ligado a Filgueira Valverde e Castelao-, a exposición sobre Filgueira Valverde e a sala Castelao, e saír logo ás rúas seguindo o roteiro "A Pontevedra de Castelao". Despois percorreremos "O Cambados de Cabanillas" para conmemorar os 100 anos de Vento mareiro (Cabanillas: 1915). E como fondo, como un "vento mareiro", eses poemas de Cabanillas (podes ver aquí unha selección) e esa augada de Castelao ubicada hoxe no Museo de Pontevedra: recordade que Vento mareiro, o cadro de Castelao, serviu no seu momento para ilustrar a portada da obra de Cabanillas do mesmo nome.
Castelao: Vento mareiro. Augada, 1921. Museo de Pontevedra. |
Pretendemos aproveitar esta actividade para que os alumnos fagan un uso responsable do móbil como ferramenta de consulta, busca, captación e transmisión de información. Para facilitar o labor, deseñouse o sitio informativo itinerarioletrasgalegas2015, que servirá como punto de partida da actividade; inclúe información básica, tríptico, planos e uns itinerarios ("A Pontevedra de Castelao" e "O Cambados de Cabanillas") que os alumnos terán que completar tras a visita.
O sitio tal como se vería no móbil |
venres, 15 de maio de 2015
ENCONTRO CON XAVIER ALCALÁ II: LER NA ERA DIXITAL / ENTREVISTA
Ben. Información procesada. 17 de maio: Día das Letras Galegas, Día da Sociedade da Información e das Telecomunicacións. Xavier Alcalá: escritor e enxeñeiro de telecomunicacións. Pensabamos achegar aquí o que comentou Xavier Alcalá o martes 12, pero non. Decididamente, non. É mellor que o escoitedes a el, coas súas propias palabras. En breve teremos editado o vídeo e poderedes velo nesta mesma entrada. Procede, iso si, que apuntemos algunhas das cuestións que tratou Xavier Alcalá en "Ler na era dixital". Algunha vez vos preguntastes...
- Como chegou un escritor vocacional a Enxeñería de Telecomunicacións?
- É correcto, na sociedade da información globalizada, separar ciencias e letras?
- Estamos na era dixital. Que cambiou con respecto á anterior? Como cambiou?
- Falamos ou fabulamos? Desaparecerá a literatura? Está en crise o sistema literario? Realmente? Ata que punto? E que hai da autopublicación?
- Hai traballo no campo da Telemática? Pode ser divertido o traballo de captación, procesado e difusión da información?
- É importante ler? Por que? Para que? Que ler?
- É importante redactar correctamente? Por que? Para que?
- Que soportes lectores se utilizan actualmente?
- Para escribir na era dixital, hai que escribir doutra maneira?
E recordade:
“Nunca chegaredes a nada se non ledes moito”.
Xavier Alcalá dixit, aquí, no Sofía, o 12-5-2015.
Xavier Alcalá dixit, aquí, no Sofía, o 12-5-2015.
E chegou o momento da entrevista: "Irene Alcalá entrevista a Xavier Alcalá". Pois o mesmo de antes: mellor coas súas palabras (poderedes ver aquí o vídeo). Pero adiantamos as preguntas de Irene (á persoa e ao escritor; faltou tempo de preguntar ao enxeñeiro de telecomunicacións):
- Que recordas do ano 1963 (ano en que nace o “Feminino” (actual Sofía Casanova) separándose do “Masculino” (o instituto de A nosa cinza)?
- Que hai de autobiográfico en A nosa cinza?
- Escribir en galego na época franquista, facer letras de cancións… Por que? Tiveches problemas?
- Que significaron para ti estes lugares? O areal de Cabanas; Ferrol; América, Arxentina, A Patagonia.
- E estas persoas? Ramón Piñeiro e Andrés do Barro.
O lector / escritor.
- Cóntanos. Coñeciches moitos escritores?
- Como escribes? Por que? Que é o "laboratorio"?
- Que significan para ti estes nomes? As chisterías de Ferrol, O Capitán Trueno, Xulio Verne, Salgari. Os clásicos da literatura española, os libros das aventuras amazónicas brasileiras. Eça de Queiroz. George Orwell. A literatura arxentina. A literatura de viaxes. A literatura con toques científicos.
- Que che queda por contar?
- Qué opinas do uso do móbil nas aulas?
Ao enxeñeiro de telecomunicacións (que fai e le ciencia), quedounos
por preguntar…
- Por que un enxeñeiro de telecomunicacións decide ser profesor?
- É posible facer ciencia en galego?
- Cantas linguas utilizas?
- Serviuche o galego para aprender outras linguas?
- Como ves o futuro do galego?
- E para rematar, que pregunta non che fixeron e che gustaría que che fixeran?
Outro día preguntaremos...
martes, 12 de maio de 2015
ENCONTRO CON XAVIER ALCALÁ
Xavier Alcalá, Irene e Roberto na Biblioteca do Sofía, 12-5-2015 |
Parabéns a Irene e a Roberto. Graciñas, Irene, polo traballo e pola entrevista. E graciñas, Xavier, pola túa xenerosidade e entrega, por compartir con nós moito do que sabes. Por contárnolo. Por ser. Por estar. Por todo.
mércores, 6 de maio de 2015
BANDA DESEÑADA: CONTINÚA...
Na entrada anterior, a nosa cincuentona favorita, Mafalda, advertía: "Continuará". E continúa.
Segue o itinerario banda deseñada e chega agora o tríptico "Lemos cómic" coas recomendacións de Diego Pereda, Cecilia Ramil e Emilio Saldaña, as frases seleccionadas de Mafalda e a contribución de Laura e María (Nómades: Club de lectura). Podes velo neste enlace ou tamén -se a vista cho permite- a continuación.
Segue o itinerario banda deseñada e chega agora o tríptico "Lemos cómic" coas recomendacións de Diego Pereda, Cecilia Ramil e Emilio Saldaña, as frases seleccionadas de Mafalda e a contribución de Laura e María (Nómades: Club de lectura). Podes velo neste enlace ou tamén -se a vista cho permite- a continuación.
Socas! Xa o sabemos, que si, que este é o teu sitio, a túa biblioteca. Sabemos que estás, sempre estás aínda que non fales. Ti es a alma da Bibliotecasofía. Pero tes que comprendelo: hai momentos en que tes que adicarte a facer o que mellor fas, mergullarte nos libros que che dan vida e deixar que traballen outros... Deixa que falen Mafalda, Astérix, Mortadelo, Sasha, Tintín, o Capitán Trueno, Sir Tim O´Theo, Carpanta, Batman, Superman, Spiderman, El Jabato, Capitán América, Wonder Woman, Scott Pilgrim, Ramona Flowers, mesmo Joker, Lex Luthor, Pingüino e tantos outros... E ti, a ler; dicía Xavier Alcalá citando a un Menéndez Pidal xa velliño:
"Ai, que pena, ter que morrer, habendo tanto libro por ler".
Pois iso. Por certo, Xavier Alcalá estará o martes, 12 de maio, no Sofía. Pero esa é outra historia que -tamén- continuará na Bibliotecasofía.
venres, 1 de maio de 2015
ENCONTRO CON XOSÉ TOMÁS. ITINERARIO BANDA DESEÑADA.
O martes 28 de abril, no marco das actividades do “Mes das
Letras no Sofía”, estivo connosco Xosé
Tomás.
Primeiro reuniuse cos seus lectores, os membros do Club de Lectura, para comentar
Nómades.
Con todo detalle explicou o proceso de elaboración e creación e puidemos ver os seus cadernos coas notas e imaxes que foron dando forma a Nómades. Por que unha historia de mulleres e de emigración? Dous anos estivo apuntando ideas en pouco espazo (tiña que adaptarse ao que logo sería o formato de banda deseñada) e deseñando pequenos bocetos que reflectisen os trazos principais -unha parte que define como “un sufrimento”- necesario para pasar logo á parte “divertida”, a ilustración. Puidemos ver as ilustracións orixinais de Nómades, fantásticas, cheas de forza, feitas a lapis e logo escaneadas e coloreadas no ordenador, un traballo –este último- que Xosé Tomás cualificou de “artesanal”.
Con todo detalle explicou o proceso de elaboración e creación e puidemos ver os seus cadernos coas notas e imaxes que foron dando forma a Nómades. Por que unha historia de mulleres e de emigración? Dous anos estivo apuntando ideas en pouco espazo (tiña que adaptarse ao que logo sería o formato de banda deseñada) e deseñando pequenos bocetos que reflectisen os trazos principais -unha parte que define como “un sufrimento”- necesario para pasar logo á parte “divertida”, a ilustración. Puidemos ver as ilustracións orixinais de Nómades, fantásticas, cheas de forza, feitas a lapis e logo escaneadas e coloreadas no ordenador, un traballo –este último- que Xosé Tomás cualificou de “artesanal”.
Pasou logo a relatar anécdotas das mulleres ás que deu forma en Nómades: Fátima, unha historia real, Sasha, Ghalia… E con el puidemos reflexionar sobre o feito
de ser ou sentirse “nómade”, sen hogar, diferente, sobre os valores –ou a falta de valores- humanos… Pode que sexa
verdade que unha imaxe vale máis que mil palabras: relede Nómades, volvede ao
libro e mirade esas caras, pensade como se senten… E seguro que non moi lonxe
hai alguén moi similar aos personaxes deste libro. Non esquezades a cita de J.
Donne con que Hemingway comeza Por quen
dobran as campás:
Ninguén é unha illa, completo en si mesmo; cada home é
un pedazo de continente, unha parte da terra; se o mar leva unha porción de
terra, toda Europa queda disminuída, coma se fose un promontorio, ou a casa dun
dos teus amigos, ou a túa propia. A morte de calquera home redúceme porque
estou ligado á humanidade; polo tanto nunca preguntes por quen dobran as campás:
dobran por ti.
Despois do encontro co Club de Lectura, Xosé Tomás impartiu
un obradoiro sobre banda deseñada a un grupo de alumnos de 3º ESO que estaban
acompañados da súa profesora de EPV, María Lanza.
A denominación… Cómic? Banda
deseñada? Novela gráfica? Outras? Quedámonos con banda deseñada ou novela
gráfica, tras descartar outras opcións. Presentounos a Yellow Kid, o primeiro personaxe “oficial” de banda deseñada (1895), para pasar á relación cine-banda
deseñada (paralelos tamén no seu nacemento) e entrar xa no que é o deseño de
personaxes, os planos, os diálogos, a localización… Fíxonos reparar na
importancia dos silencios e no feito de que para ler banda deseñada, para
apreciala, hai que coñecer (e recoñecer) os seus códigos. Veu logo a viñeta, a
experimentación coa viñeta, as onomatopeias, as liñas cinéticas, o globo
(bocadillo) e o delta… E niso estabamos cando recordamos aquelas miniaturas medievais de T.L.M. que “rescatamos” polo Día da Árbore e as das Cantigas de Santa María
que rotulan a nosa biblioteca.
Toda unha lección, a de Xosé Tomás, que despois os alumnos tiveron
que poñer en práctica, e que parece que continuará na clase de Debuxo con María
Lanza… De ser así, seguiremos informando.
Non remata aquí o noso “Itinerario banda deseñada”, hai
máis. Xa vos contaremos. De momento, visitade a Biblioteca:
- Os fondos de banda deseñada saíron do seu curruncho para ocupar lugares máis visibles.
- Ao "Itinerario A Metamorfose" sumáronse dúas adquisicións relacionadas coa banda deseñada: o cómic de Peter Kuper e Kakfa de Robert Crumb, recomendados ambos pola libreria Kómic, de Santiago.
- Reparastes na contribución dos alumnos de 1º ESO A e B con material sobre Mafalda? Porque aí comezou todo: recordade que Mafalda cumpriu 50 anos neste curso académico, o 29 de setembro de 2014. Celebrámolo, aínda o seguimos celebrando e máis que o imos celebrar. De feito, Mafalda comezou este “Itinerario banda deseñada”, que…
MES DAS LETRAS NO SOFÍA
O Equipo de Biblioteca do IES Sofía Casanova decidiu adicar
un mes ás letras no Sofía e… Que mellor que as datas comprendidas entre o 23 de
abril (Día do Libro) e 17 de maio (Día das Letras Galegas) para facelo? Pois
niso estamos…
Non tedes máis que ver o cartel: obradoiro con Xosé Tomás o
28 de abril, encontro con Xavier Alcalá o 12 de maio, itinerarios lectores, autores
e obras que “cumpren anos”… Desexamos desde aquí a Neira Vilas que siga mellorando: a semana do 23 de abril ía falarnos da súa vida e dos seus encontros con tantos e tantos persoeiros do século XX (conexión por Skype) pero está recuperándose dunha doenza; non
deixedes de ler este fragmento da carta que lle enviaron os alumnos de 1º ESO C:
Querido Xosé, dende aquí queremos darche unha aperta. Sobreviviches á Guerra Civil, isto non é nada. (...)Comezamos o MES DAS LETRAS co itinerario A metamorfose, 100 anos: encontro dos clubs de lectura, o do "Feminino" e o do "Masculino", os dous institutos xuntos de novo 50 anos despois da súa "dramática separación". O 23 de abril entregáronse os premios dos relatos "Personaxes do bosque", o tríptico ALFIN5 Sofía, as pegatinas-calendario cos itinerarios lectores "Cumpren anos"...
Itinerario lector "Personaxes do bosque": relatos e ilustracións. Premiados no concurso. |
Calendario "Cumpren anos": Itinerarios lectores Quixote II, Emma, Alicia, A Metamorfose, Vento mareiro, Dante, Teresa de Ávila, Kipling, Yeats, Ramón Piñeiro, Álvarez Blázquez. |
Se non o estades facendo xa, ¿queredes participar nalgún dos itinerarios lectores? Vide á Biblioteca do Sofía e seredes informados.