martes, 29 de marzo de 2016

ANDREA MACEIRAS NO SOFÍA

Hoxe estivo connosco a escritora Andrea Maceiras. Abriu a sesión cun spin off da súa novela Europa Express (premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, 2015) para logo dar paso ás preguntas dos alumnos de 1º bacharelato. Achegounos datos da obra en si (personaxes, voz narrativa, elaboración, estrutura, tempos, etc.) e da súa experiencia como escritora. 

Graciñas, Andrea, por visitarnos e por contarnos todo tan ben contado.



Andrea Maceiras con Natalia e Rubén, firmando exemplares do seu libro



mércores, 16 de marzo de 2016

15 MARZO: CLUB DE LECTURA. O CURIOSO INCIDENTE DO CAN Á MEDIANOITE.

Un cadáver (o caniche Wellington), un rapaz con Asperger, a afección ás matemáticas, unha extraña viaxe, relacións familiares, referencias a Sherlock Holmes… Podedes velo na presentación de Laura e Sabela, que se ocuparon de introducir esta sesión do club.




Un libro que gustou a todos os membros deste club de lectura.
Cartel de Inés M. Quintanilla


E nas recomendacións, Diego con Don Quijote de la Mancha (el manga); Sabela, Hija de humo y hueso, Los gatos guerreros, Yaruki, La memoria del agua; Laura, El resplandor. E máis…

luns, 14 de marzo de 2016

CHARLOTTE BRONTË

O martes, 8 de marzo, nunha clase de 1º ESO estivemos vendo esta imaxe (cumpren anos 2016):




Pulsa na imaxe para ampliala.

Entra no Pinterest "2016: Cumpren anos" desde o menú do blog ou por aquí.

- Só unha muller en 900 anos. Por que? -Dixo a profesora.
- Non lles deixaban -contestaron uns alumnos.

Efectivamente, así de triste: 
Non lles deixaban. Non lles deixaron.

Pois ben, rindamos homenaxe á única muller que figura nese cartel, Charlotte Brontë. Que ela represente a todas aquelas mulleres que quixeron ser filósofas, científicas, pintoras, escritoras, inventoras, compositoras e "non lles deixaron", por aquelas que quixeron ser e non foron. E por Charlotte que, a pesar das circunstancias adversas, loitou por ser o que quería ser.


Os alumnos de 1º ESO inician un traballo de investigación e tratamento da información no que teñen que xogar con estes parámetros:
  • Charlotte Brontë, como representante das mulleres escritoras ás que "non lles deixaban".
  • A prensa, como única fonte para buscar esa información.
  • A guía ALFIN5 Sofía, para organizar o proceso.




xoves, 3 de marzo de 2016

ÉRASE UNHA VEZ...

Érase unha vez un libro, Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. 

Inés Martínez Quintanilla, 1º ESO A

Lucía Toval, 1º ESO A

Queredes ver máis? Entrade neste enlace.

Isto é un avance do que están a facer os alumnos do Sofía. Porque estamos convencidos de que hai que "recoñecer e aproveitar a transmedialidade" (vid. Pérez Tornero en V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia):

Diapositiva da presentación de Pérez Tornero


E niso estamos.

CONTINUARÁ...

martes, 1 de marzo de 2016

ESTABAMOS ESPERANDO...

Estabamos esperando a ter todo o material, as fotos, o vídeo, a unidade didáctica sobre a poesía... Pero xa non podemos esperar máis. O tempo pasa, e é moita hora de contarvos -aínda que sexa brevemente- o que aconteceu o día 15 de febreiro no Concepción Arenal. Vid. entrada anterior: "Temos unha cita o día 15".

Fomos moi ben recibidos, a verdade. Todo estaba marabillosamente organizado (Ana Vizoso á fronte)  e decorado (carteis dos alumnos de Artes). E recitaron, claro que recitaron. Se xa o dicía o mestre: "A poesía é o gran milagre do mundo".

Pasémoslle a palabra aos do Masculino, que recolleron o evento no seu blog:



Se ata La Voz de Galicia deu conta da noticia…



Continuará...