PROXECTO LÓVA

mércores, 26 de xuño de 2019

TRÍPTICO VERÁN 2019


Ola rapaces!

Xa está aquí o tríptico de verán no que vos recomendavos lecturas para este tempo de lecer. Este curso estivemos a facer pequenas guías de lectura que acompañaban as actividades propostas para a celebración das efemérides que xa deixamos en entradas anteriores do blog: Día de Loita contra a Violencia de Xénero, o Día da Paz, o Día a Muller. Tamén se publicaron outras suxestións de lectura nos murais de exposicións como: O Día do Libro, O Día das Letras Galegas, o Proxecto Venus, etc. Por este motivo, e vendo que os lectores da biblioteca e dos distintos clubs facían recomendacións que nosoutros xa tiñamos publicadas en anteriores guías, pensamos en ofertar algúnhas novidades na estrutura do noso folleto incorporando novas categorías como, premios, humor, e outras seccións. Esperamos que sexan do voso agrado para ler neste tempo de vacacións de verán.
Pola nosa parte queremos agradecer á profesora de Inglés: TERESA CORRAL, que é unha amiga e grande lectora de esta biblioteca, a súa xentileza facendo para esta publicación unha selección de libros que a sorprenderon, gustaron e despertaron o seu interese. Graciñas por todo.
No propio tríptico hai un código QR no que podedes ler as reseñas de cada libro pois enlazan coa páxina "Socas recomenda" deste mesmo blog.
Así que xa non tedes excusa para decir. "É que non sei que ler este verán". Desexamos que teñades tempo de descanso de troula e de lectura. Graciñas por participar en todas as nosas aventuras e Bo verán a todos!


sábado, 22 de xuño de 2019

SOMOS VENUS


Ola compañeiros!
Como podedes ver na entrada do instituto hai unha exposición de traballos que son o resultado dun proxecto iniciado por os nosos veciños do IES Ferrolterra, que trataba de mostrar intuitivamente as distancias entre os planetas do noso Sistema Solar, situando cada instituto da zona, na órbita dun planeta. O noso instituto é Venus por este motivo fixéronse unha variedade de actividades desde diversos departamentos e a biblioteca, coordinados por Rocío Piñón, a profesora de Física e Química. Tamén participaron os alumnos de EPVA de 4º ESO, con a súa profesora María Lanza. Desde a biblioteca sumámonos facendo unha selección e exposición de libros, tanto científicos, como libros de arte ou de poesía sobre Venus.
Podedes ver que hai unha sección de traballos científicos realizados polos compoñentes do Club de ciencias, e unha selección de poemas relacionados con Venus que recompilou o profesor de Lingua Española, Daniel Iglesias.




venres, 21 de xuño de 2019

OS OBXECTIVOS DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE


Ola compañeiros!

Estamos seguros que estes días estades a ver a conclusión de algúns dos inovadores proxectos que se realizaron durante este curso. No corredor do primeiro andar o alumnado de 3º da ESO, colgou unha exposición de lenzos creados na área de Plástica e Visual, coa súa profesora María Lanza. Con eles tentan dar unha interpretación persoal aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Este ano estiveron a traballar nun proxecto chamado: O Mundo que Queremos, no que por medio de diversas actividades profundizaron nestos obxectivos. O que lles motivou é saber que a nosa sociedade enfróntase na actualidade a problemas sobre o futuro, a convivencia, a xustiza social e a sustentabilidade do planeta. Por esta razón, o noso alumnado achegouse a algunhas destas cuestións vendo as posibilidades de implicarse na transformación da realidade.
Desde a biblioteca colaboramos nesta reflexión coa programación das actividades sobre as efemérides que insistiron en  aspectos nos que se profundizou desde este proxecto, como a violencia de xénero, a convivencia en zonas de conflicto, o problema dos refuxiados, e a pobreza que está na orixe das guerras e as desigualdades.

mércores, 19 de xuño de 2019

IX FESTA DAS TARTAS LITERARIAS


Ola rapaces!
Onte foi a nosa "reducida" festa das tartas literarias coa que tradicionalmente despedimos o curso na biblioteca. Todo resultou xenial, como sempre, porque vosoutros ademáis dos doces traedes a ledicia e o entusiasmo con que facedes todas as actividade ás que vos convocamos desde a biblioteca.
Esta vez éramos moitos e moi entregados á festa. Xuntámonos membros de todos os clubs, o club de lectura xuvenil, o voluntariado,  o de Manga, o obradoiro de microescritura e algúns membros do de  teatro. E como cada ano, tamén nos veñen a visitar antigos alumnos dos nosos clubs, como Diego e Ana. É unha enorme alegría encontrarnos novamente e esperamos que non se cansen de vir a vernos.
Este ano fixemos entrega duns diplomas e premios ó alumnado que máis libros solicitou na biblioteca. Os máis lectores tiveron como premio: un diploma, unha axenda, un marcapáxinas e un vale para mercar nunha librería da zona.

Queremos felicitar a Xavier Vilas, Carla Neciosup, Iago Grandal, Lucas Freire, Iago González, Lucas Couce, David Franco e Aimar Moreno.  Paraben a todos eles, e que sigan a ler que é a mellor forma de diversión e aprendizaxe posible.
Desde aquí facemos a proposta para o curso que ven de establecer novas categorías para poder agradecer tanta esforzada dedicación a todos os membros dos nosos clubs.




Moitos de vosoutros sodes merecedores de premios pola vosa entrega ós demáis, con esa alegría e cariño infinito con o que tratades aos maiores da residencia Domus VI, coa que colaboramos no voluntariado. Outros porque estades dispostos a axudar en calquer tarefa ou actividade, sempre atentos ó que se move pola biblioteca. Moitas grazas voluntarios de todos os días e visitantes asiduos. Como non mencionar aos compañeiros dos clubs de lectura xuvenil, de microescritura e do club Manga que animan as reunións coas súas presentacions, cos xogos, co humor, e  o entusiasmo con o que participades en cada sesión. A todos moitísimas grazas.
Queremos facer unha mención especial para a nosa queridísima presidenta do club Manga, Carolina, que está no hospital, para mandarlle toda a nosa forza e desexarlle que teña unha pronta recuperación. 
Deixamos abaixo unhas fotos da nosa festa para que vexades por exemplo que pastéis tan bos  fixeron: Fran, Marta, Lucía, Alba, Estela, Natalia, Yanira, Daniel e Antía, e moitísimas mamás ás que lles agradecemos o excelente traballo.
En fin, como cada ano é un pracer ter contado coa vosa amizade e disfrutado da compañía dun alumnado tan excepcional. Non hai palabras para agradecer como merecedes tanta dedicación. Esperamos seguir a contar con todos vosoutros, e aos que marchades únicamente nos resta desexar que sexades tan felices nos novos centros como nos fixéstedes a nos.



venres, 14 de xuño de 2019

CARTEL FESTA DAS TARTAS LITERARIAS


Ola rapaces!

O próximo día 18 celebraremos, como todos os anos, o remate do curso na biblioteca coa nosa tradicional festa das tartas literarias. Vai xa pola IX edición. Como sabedes, a esta cita coa diversión e os doces estades todos os clubs invitados. Nesta ocasión por razón das probas de avaliación, a nosa cita será máis breve. Quedaremos a comer na biblioteca, teremos a nosa festa con postres que deben ter algún motivo literario e pola tarde teremos clase no horario de sempre. Pero como estamos seguros que a diversión está garantida, quedades todos invitados.


luns, 10 de xuño de 2019

GUÍA DE LECTURA: "TIRANDO MUROS, TENDENDO PONTES"

Ola rapaces!
Si, xa sei que "Tirando muros, tendendo pontes" foi o lema do Día da Paz. E onde quedou xa o 30 de xaneiro? Si, moi lonxe. 
Pero cómpre deixar constancia agora que acabamos de decorar o panel de exposicións interno da biblioteca con esta guía de lectura. Fíxose tarde porque tiñamos alí outra guía de lectura, a de libros contra a violencia de xénero. E como nos gustaba tanto, non a cambiamos.


Agora xa era hora de facelo.


O importante é que a biblioteca seleccionou e mercou para todos libros sobre a temática traballada con motivo do Día da Paz. Especialmente seleccionamos libros sobre tres muros: o de Berlín, o de México e os de Melilla e Ceuta, aínda que tamén hai textos sobre o holocausto como O neno do pixama de raias de John Boyne, A estepa infinita de Esther Hauzing ou o cómic Maus.
Sería bo que aproveitaramos o vindeiro verán para botar unha ollada a textos que nos fan pensar nos horrores das guerras e as inxustizas para non cometelas xamais.



domingo, 2 de xuño de 2019

O SOFÍA CASANOVA EN VENUS

Ola rapaces!
Agora quero contarvos dun proxecto intercentros onde colaboraron este curso o Club de Ciencia, a biblioteca e outros departamentos do noso IES.
A idea partiu da biblioteca e o Club de Ciencia do CIFP Ferrolterra, onde fixeron a escala o sistema solar. Decatáronse que nesa escala coincidía que varios CPI e IES de Ferrol estaban na súa órbita (a do Sol, que son eles). Así que propuxeron facer distintas actividades en cada centro nas distintas materias sobre o seu planeta correspondente. 
Ao Sofía correspondeulle, pola súa proximidade ao CIFP Ferrolterra, ser Venus, da mesma maneira que o IES Saturnino Montojo é Mercurio, o IES Catabois Saturno, etc...
Ao final o peso deste proxecto no Sofía levouno o Club de Ciencias, co apoio dos Departamentos de Física e Química, Educación Visual (para os cadros e ilustración), o Departamento de Latín (para a selección de poemas sobre Venus) e a biblioteca (para o resto de poemas).
Así, no noso Club de Ciencia fixeron unha páxina cos traballos  moi variados e interesantes que realizaron os rapaces do Club.
Nesa mesma páxina colgaron tamén os poemas sobre Venus de autores universais (Safo, Ovidio, Salinas, Cernuda, Alberti, Gerardo Diego, Leopoldo Panero, Mandelshtav...)
Podedes mergullarvos na páxina para ler todos os poemas. Soamente para abrir boca, deixámosvos aquí un pequeniño:


Desnuda, sola, bellísima
la venera, eco de mito,
de carne virgen, de diosa,
su perfección sin amante

en la arena perpetúa.
Pedro Salinas

No corredor central están algúns dos carteis realizados polos rapaces que seguiremos actualizando. 



Ademais, queda finalizar as maquetas comparativas sobre Venus e A Terra que xa as visualizaremos.