PROXECTO LÓVA
sábado, 31 de outubro de 2020
SAMAÍN 2020
sábado, 24 de outubro de 2020
24 DE OUTUBRO DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS
Ola rapaces!
Velaiquí o día 24, o noso, o da casa común, o das bibliotecas. Normalmente ao chegar esta data, se ben recén comezado o curso, atopábamonos xa inmersos na voráxine de poñer en marcha todas as nosas actividades. Para entón xa teriamos feita a nosa primeira xuntanza común, as xornadas de acollida nos cursos de primeiro. Xurdirían xa os diferentes grupos. Os de manga, tan alborotados xa terían falado dos seus animes favoritos e terían colgado no seu blog as primeiras presentacións. O club de lectura tería posto no taboleiro as datas de xuntanza para cada segundo martes do mes cos seus títulos escollidos. Sonche tan organizadiños... Os de obradoiro, con aquilo de terse xuntado cada semana no despacho de Emilio, xa escribiran unha ducia de microrrelatos por cabeza. O club de adultos xa estaría a funcionar coa súa cadencia habitual dos últimos martes de mes. E normalmente aproveitabamos esta data do Día Internacional das Bibliotecas, para a nosa primeira visita á residencia de maiores.
Porén, polas razóns que todos coñecedes, este ano apenas temos espazo propio, apenas temos presenza nos carteis do centro, apenas teñen difusión as nosas actividades. Actividades que, por certo, xa comezaron. Con outro ritmo, si, pero nós non nos rendimos. Os de obradoiro xa van pola segunda xuntanza, os segundos recreos dos vernes na biblioteca. Os de club de lectura, este ano de novo adicado á poesía, uniron forzas cos anteriores e vense un vernes ao mes ao mesmo tempo que eles. Os de manga están á espera de atopar un bo momento e sobre todo un espazo onde collan todos. Tivemos que adiar o comezo do club de adultos. E o voluntariado? Iso está máis dificil. Os maiores son moi delicados e está complicado ir alí. Pero temos idea de facerlles os nosos vídeos. Para que vexan que non os esquecemos.
Cada ano adicabamos esta data do 24 de outubro a un autor concreto: Lorca co seu discurso na inauguración da biblioteca do seu pobo natal, Fuentevaqueros, Borges co seu soño dun paraíso en forma de biblioteca. E hoxe queremos lembrar ao gran Quino, de cuxo pasamento falabamos non hai moito. Por iso deixamos aquí o cartel que fixo Vily, co que, agora si, queremos forrar as paredes do centro, na medida que sexa posible.
O importante é que aprendamos de Mafalda, Manolito, Libertad, Felipe, Susanita... o seu sentido crítico, a súa ironía e que entre todos fagamos un mundo con un pouco mái
s de sentidiño.
luns, 19 de outubro de 2020
CENTENARIO DO NACEMENTO DE MIGUEL DELIBES
No medio de tantas e tan dolorosas noticias, unha lembranza pon un fío de esperanza. A da chegada ao mundo dun dos grandes, do escritor don Miguel Delibes Setién.
A súas novelas dende La sombra del ciprés es alargada ata El hereje acompañáronnos tanto tempo e quedarán connosco para sempre. Personaxes inesquecibles como Daniel El Mochuelo, Germán el Tiñoso e Roque el Moñigo; Quico; El Nini; Don Eloy e Desi; Mario e Menchu; Paco el Bajo; Cipriano Salcedo... E tantos outros.
A súa mensaxe en prol da conservación da terra, dos usos e costumes ancestrais, a favor dos pequenos e desfavorecidos... é hoxe máis necesaria que nunca.
E o mellor xeito de non esquecela e seguir lendo as súas páxinas. Atoparedes moitas delas aquí, na vosa biblioteca. Están esperándovos.
mércores, 14 de outubro de 2020
REUNIÓN CLUB DE LECTURA E OBRADOIRO DE ESCRITURA
Ola rapaces!
Logo da xuntanza informativa do pasado mércores, xa estamos listos para comezar os CLUBS propiamente ditos. Por iso, vos esperamos a todos o vindeiro vernes no segundo recreo na BIBLIOTECA.
De momento imos xuntar o OBRADOIRO DE ESCRITURA co CLUB DE POESÍA porque temos intereses comúns. O escritor soe ser un bo lector. E como o obradoiro está especializado en microescritura, que mellor xénero en miniatura que un poema?
Animádevos a vir!