sábado, 23 de abril de 2022

Día do Libro 2022

Nesta xornada de festa do Día do Libro, queremos desexarvos que as boas lecturas vos acompañen cada día. Sendo este un ano especial polos moitos e significativos aniversarios literarios que enchen o 2022, quixemos facer unha pequena invitación a coñecer algún destes autores e obras con esta presentación: Aniversario de Xigantes, que podedes ver no blog de Titorías. Con este mismo obxectivo fixemos a nosa tradicional exposición na entrada do centro.

Ferrol esta semana está inundada de ofertas culturais, das que imos destacar as protagonizadas polos profesores  ligados ó noso instituto.

O xoves, 21 de abril, tivo lugar a presentación oficial e firma do libro da nosa compañeira Pilar Berrio, Se llamará Magadalena, na Central Librera Real.
Na que estiveron presentes moitos membros do Club de Lectura de Adultos, que en breve lle van dedicar unha das súas reunións, e tamén outros compañeiros do centro, como podedes ver nas imaxes.


obra de Benito Mauleón de la Parte


O Venres 22, no kiosko do Cantón de Molíns tivo lugar o recitado de «poemas de combate» en homenaxe ao 50 aniversario do 10 de marzo e da revolución portuguesa do 25 de abril, dentro das actividades propostas polo colectivo impulsor da Semana da Poesía Salvaxe, denominada ahora  «A Palavra Encarnada» ,do que o exprofesor do noso instituto, Guillermo Ferrández forma parte importante.

Ese mismo día, na caseta de Pedreira, da Feira do Libro de Ferrol presentaba outro excompañeiro do noso claustro, Guillermo Llorca, Memoria Histórica do Ferrol de fóra de portas, editado por Embora, como podedes ler aquí.

venres, 8 de abril de 2022

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

O 7 de abril celébrase o Día Mundial da Saúde para lembrar o aniversario da fundación da Organización Mundial da Saúde (OMS) en 1948. Despois de ter pasado estes anos por un longo período de pandemia e inmersos como estamos en varios conflitos bélicos no planeta , pode parecer que deberiamos falar de medicina, descubrimentos científicos e outros logros importantes da humanidade. Sendo moi importantes estes temas, hoxe queremos facer mención dunha cuestión que nos afecta a toda a comunidade educativa e que non se pode visibilizar con máscaras, nin facer prevención con vacinas, que é a saúde mental.
Na nosa contorna vemos compañeiros, traballando, estudando, facendo deporte, todos parecen saudables e felices. Pero o certo é que: se nos afecta un problema e nos desequilibra mentalmente, non levamos unha escaiola que faga visible a nosa dor; por iso faise difícil identificar estas doenzas nos outros, incluso podemos chegar á convicción de que somos os únicos que experimentan a angustia, o medo ou o sufrimento interior. Nesta sociedade da comunicación, curiosamente, só se publican contidos divertidos, compoñendo un calidoscopio de risas e poses falsas que nos dan a entender que todos viven unha realidade mellor que a nosa. Non se fala do sufrimento, dos medos e sentimentos que nos afogan. Se alguén ten algún problema, sentenciamos que o fale cos amigos, cos profesores, coa orientadora, ou cun especialista. En fin, que o comparta con calquera pero que non sexa connosco. Dicimos que non estamos preparados para axudar. Sen minimizar o problema e recomendando que se acuda ós profesionais da saúde, o certo é que todos podemos abrir os ollos e tomar conciencia da dor dos semellantes. Non se trata de facer grandes xestos pero saudar, acompañar, comentar en positivo, sorrir, felicitar, escoitar, poden ser para un compañeiro ou compañeira, unha luz de esperanza que nos alumee no túnel da desesperación. Son moitos os aspectos conectados coa saúde mental e unicamente deixamos unhas pinceladas no blog das titorías para iniciar o diálogo nas aulas, que podedes ler se picades na primeira  infografía.
Gustaríanos presentar tamén un proxecto pioneiro en Saúde Mental que se está a desenvolver no instituto. Debido á preocupación por estes aspectos que se viña recollendo desde diversos ámbitos da comunidade educativa, por parte do Departamento de Orientación e da dirección, pensouse en ofertar un obradoiro de Atención Emocional ao alumando que se ven celebrando desde o 17-3-2022. (Pica na imaxe para ler) .
A prensa local tamén se fixo eco desta actividade, sinalando Teresa Sebio, a directora, que esta inquietude lle fora comunicada tanto polo alumnado coma polos profesores, este foi o motivo que os impulsou  na creación da actividade de Benestar Emocional, que está dirixido ós grupos de 4º da ESO e Bacharelato. O profesional encargado das sesións é Carlos de Francisco Moure, terapeuta que forma parte da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar da Universidade da Coruña, e que ten acreditada unha longa experiencia neste ámbito, tal como se recolle nos artigos de www.ferrol360.es, do 15-3-22, e de La Voz de Galicia ,do 24 mar 2022 . Nos que se relata que esta actuación ten por obxectivos desenvolver habilidades para identificar e expresar as emocións para que o alumando sexa quen de recoñecer as súas cualidades persoais e os apoios externos, a fin de lograr unha vida sa. Nunha primeira fase falouse co alumnado voluntario e informouse ás familias da relevancia de acompañar aos fillos neste momento do seu ciclo vital.  A segunda consiste na formación e o traballo grupal que se realizará ó longo de seis sesións. 
Foto de La Voz de Galicia 

Este será un programa susceptible de ser ampliado o outros cursos, unha vez se teña avaliado a experiencia. Na Aula Virtual do centro no
Curso de Convivencia podemos atopar máis información.
Para rematar, so nos resta invitarvos a pasar pola biblioteca na que podemos atopar información de utilidade na sección, Biblioteca de Familia, así como lecturas na que os protagonistas están a sufrir na adolescencia diveresas formas de desequilibrio emocional.


venres, 1 de abril de 2022

DÍA DAS ARTES GALEGAS 2022

 

O 1 de abril celebramos o Día das Artes Galegas e a Real Academia Galega de Belas Artes dedica este ano ó pintor Laxeiro. Unha figura moi importante da cultura galega do século XX pola súa achega á renovación e á vangarda nas artes. O seu impacto no mundo da creación artística segue a ser incuestionable, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Este prolífico autor pertence a un grupo de novos artistas que reaccionaron contra o costumismo rexionalista e conectaron coa arte internacional do momento, dirixindo a súa mirada cara ás culturas do norte de Europa, dende unha idea de Galicia entendida como o límite cara ao sur da Europa atlántica, conectada por séculos de intercambio a través do Camiño de Santiago. En palabras de Antón Castro “Un punto de encontro  maduro do tradicional co moderno”. A súa pintura mestura influencias das Pinturas negras de Goya e o cubismo para expresar a súas preocupacións polos temas telúricos, a medio camiño entre a Galicia máxica, o esperpento.

Podemos ler aquí a súa biografía, a cronoloxía e ver a súa obra.