xoves, 5 de febreiro de 2026

XUNTANZA CO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola, rapazada!

Onte tivemos a nosa xuntanza coa sección do tercero e cuarto da ESO do Club de Novela Gráfica. Lemos Alison de Lizzy Stewart, libro recoñecido con moitos recoñecementos según diversos medios. 

A novela retrata como Alison escapa dunha existencia anodina nun pobo costeiro, cun marido que non lle sastisfai, e mergúllase na vida artística do Londres dos anos 80. Defende o criterio das mulleres de elixir o propio rumbo.

Houbo certas discrepancias no comentario. Antón incluso se sentira identificado con Alison. A Miguel tamén lle gustou. A Inés, en cambio, pareceulle que a vida da protagonista non amosaba ningún acontecemento salientable. A Raquel non lle gustaba que a rapaza se deixara levar sempre do criterio dos demáis: o marido, as amigas, o noivo artista...


Irene comentou que lle gustara que mestura os deseños co texto, semellando ás veces a un diario persoal, e outras a un caderno de artista. A Patricia encantoulle como reflicte a vida cotiá dunha rapaza e como mostra os pequenos detalles caseiros nalgunhas páxinas.

Esperamos que gocedes coa próxima aventura!



luns, 2 de febreiro de 2026

O CLUB DE DEBATE DEBUTA NO TORNEO DE DEBATE ACADÉMICO

Boas, rapazada!

Tras meses de traballo, busca de argumentos, evidencias e refutacións, a pasada semana os nosos equipos do Club de Debate debutaron con moita ilusión no Torneo de Debate Académico de Galicia (TDAG) da Fundación Barrié, na Coruña.

Nos días previos, as comidas no anexo da biblioteca mesturáronse cos ensaios dos discursos, as postas en escena, as preguntas sorpresa, os exordios e as improvisacións.


O xoves 29 collemos rumbo á Coruña para batermos en duelo dialéctico contra equipos de gran percorrido no mundo do debate, dos que aprendemos moito, tanto no fondo como na forma.


Por unha banda, Miguel e Lucas (2.º ESO), xunto con Lois, Inés, Eyden, Anxo e Mar (3.º ESO), tiveron que discutir se os deberes eran necesarios para unha mellor aprendizaxe. Por outra, Antón, Martín e María (4.º ESO), con Yunaisi, Noa, Isabel e Hugo (1.º Bac), debateron sobre se os seres humanos somos bos por natureza ou non.

Ambos os dous temas deron lugar a razoamentos moi ben fundamentados e a intercambios de ideas que nos removeron por dentro e nos deixaron con máis dúbidas das que levabamos.


E vós, que pensades? É mellor aprender con ou sen deberes? A bondade nace connosco ou é algo aprendido? Contádenos nos comentarios!

Para rematar, queremos darlles a noraboa a todas as integrantes do club polo seu entusiasmo, a súa implicación e o seu interese pola arte de falar en público. Moitas grazas e a seguir debatendo!

Próxima parada: Parlamento Xove!

mércores, 28 de xaneiro de 2026

XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA SOBRE "CUANDO BRILLAN LAS ESTRELLAS"

Ola rapazada! 

Hoxe tivemos a xuntanza cos máis pequenos do Club de Novela Gráfica. Reunímonos Sarah, Sergio e Vega, de 1º de ESO, Sara C., Carolina, Némesis e Emma de 2º, con Patricia, Dani, Irene e Pilar.


Lemos Cuando brillan las estrellas de Victoria Jamieson e Omar Mohamed. Conta a historia de dous irmáns que pasan moitos anos nun campo de refuxiados en Kenia. Hassán deixou de falar cando saíron do seu país natal, Somalia, e Omar debe coidalo e asistir a escola, algo que lle dá a súa dura vida un futuro con esperanza. Omar, logo de poder saír e reunirse coa súa nai, colabora na publicación desta novela, onde dá testemuño da vida dos refuxiados.


Trátase dunha historia de superación, Algúns dos nosos lectores e lectoras xa a leran anteriormente no seu colexio pero moitos deles sacan novas ideas coa súa relectura.

Irene coméntanos o debuxo tan descritivo que detalla a vida cotiá nos campos de refuxiados.

Confiamos en que a vindeira lectura vos guste tanto coma esta!




mércores, 21 de xaneiro de 2026

XUNTANZA COA SECCIÓN DE BACHARELATO DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapazada! 

Hoxe tivemos a xuntanza co alumnado de bacharelato sobre a novela gráfica  El fantasma de la fiesta del té de Reimena Yee. Cóntanos a historia de Lora, unha rapaza que tén medo a medrar. Nunha festa do té, coñece a Alexa, o fantasma que habita na súa casa, e que se converte na súa amiga imaxinaria, que a axuda a aceptar o paso do tempo e os cambios que teñen que chegar. 


Parece que volvestes con ánimo logo do Nadal, pois a sesión estivo repleta e resultou moi animada. Iria, Lucía, Adriana, Julieta e Claudia foron as máis faladoras. Discutimos un pouco sobre se a obra era máis axeitada para rapaces máis pequenos ou non. Ao final estivemos de acordo en que a calquera idade convén ser capaz de adaptarse á contorna porque sempre estamos a evolucionar. 


Logo de ler 1984, unha distopía que resultou un pouco pesimista, eliximos esta obra de cores vivos e alegres, e que transmite unha mensaxe sobre a necesidade de disfrutar do momento, aplicando o coñecido tópico literario do carpe diem

xoves, 8 de xaneiro de 2026

ÚLTIMA XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL DO PASADO TRIMESTRE

Boas, rapazada!

O pasado luns, 15 de decembro tivemos a segunda sesión do club de narrativa xuvenil. Para esta, o alumnado de primeiro de bacharelato leu O crepúsculo e as formigas, escrito por Xosé Luis Méndez Ferrín, un dos autores máis prolíficos da Nova Narrativa Galega, e publicado pola editorial Galaxia en 1961. 


A obra componse de once relatos curtos orientados cara a un realismo cru, con personaxes baseados en prototipos reais e acontecementos que rematan cunha sorpresa final. Por tanto, a obra aproxímase ao naturalismo, ás veces, de maneira esaxerada, pois, o autor adoita recrearse na descrición do sórdido e no tratamento da morte, elemento constante por considerarse a fin lóxica e natural do proceso humano. Así, acontece, por exemplo, en "O Suso" ou en "A cabeza fendida", nos que os escenarios axudan a crear o clima de agresividade, así como un ambiente de constante escuridade. Amais, é frecuente a aparición dun narrador-protagonista, que vai adentrando á persoa lectora na historia e subindo o clímax ata finalizar o narrado.


O estudantado destacou a función catafórica da portada, na que as persoas camiñan como formigas en ringleira movidas por forzas cegas que as conducen a finais tráxicos. Alén disto, sinalou as características propias da variedade sintópica empregada na obra (bloque occidental), así como o nivel popular-vulgar e o rexistro coloquial usado polos personaxes dos relatos. Finalmente, fíxose fincapé na presenza da violencia nas relacións humanas, e da infancia perdida, características propias dos autores e das autoras da NNG, e presentes en obras, como Vento ferido (Casares, 1967). 


Sen dúbida, o escrito é un referente imprescindible da literatura contemporánea e un dos títulos con que a nosa narrativa se incorporou á modernidade europea daquel momento. 

Boa volta ás aulas!

martes, 6 de xaneiro de 2026

XUNTANZA DO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Boas, rapazada!

Esperamos que esteades a pasar un Nadal estupendo e comezásedes con ilusión o novo ano. Desexámosvos o mellor para 2026.

Desculpade polo atraso, pero publicamos agora a recensión dos últimos encontros antes das vacacións. O luns, 15 de decembro tivemos a segunda sesión do club de narrativa xuvenil. Para esta, o alumnado de primeiro e segundo curso da ESO leu O misterio de Portomarín, primeira novela de Antía Yáñez e publicada en 2016. 


Nesta obra, a autora achega a historia de catro irmáns que pensan que o verán vai ser igual de monótono e gris que todos os anos. Secasí, por unha serie de casualidades, convértense no equipo idóneo par investigar un misterio que a xente coidaba esquecido, a saber: os segredos que, durante séculos, gardou a vila que descansa debaixo das augas do encoro e que agora saen á luz. 


O estudantado compartiu opinións moi positivas a respecto do libro, destacando a súa simpatía pola figura do cadelo, os xiros dramáticos do relato, os cales lle causaron unha fonda sorpresa, e os misterios que agocha o noso país, terra marcada polo sobrenatural, polo lendario e pola maxia.


Sen dúbida, unha lectura máis que recomendable se es unha persoa afeccionada á intriga, á aventura ao más puro estilo de Los Cinco de Enyd Blyton e, ao pasado das nosas vilas.