PROXECTO LÓVA

venres, 30 de xaneiro de 2015

O DIARIO DE ANNA FRANK NO DÍA INTERNACIONAL DA PAZ

A lectura (ou relectura) desta obra non pode deixar indiferente a ninguén. Dende logo, non estamos ante un libro máis dos que lemos mensualmente no noso Club. Por iso, saltándome esta vez o costume de falar a través de Socas, quixera abrir o meu corazón. 
Estes días, preparando a vindeira sesión do 10 de febreiro, mergulleime no universo desta rapaza que morreu coa idade que ten a miña filla e moitos de vos. Lín de novo o Diario, devoreime unha nova versión en cómic que vos recomendo e que recorre os antecedentes da historia así como o triste final da mesma. 


E, por último, voltei ver a película dirixida por George Stevens en 1959. O pai de Anna, o único supervivente dos oito agochados, quixo que a protagonizara Audrey Hepburn polos paralelismos vitais entre a súa filla e a actriz, así como o seu parecido físico. Pero entón a actriz xa contaba con 30 anos... e, con gran pesar, declinou a invitación de meterse na pel dunha moza que sufriu o mesmo inferno, na mesma cidade que ela, e coa súa mesma idade. 


A miña filla viaxa dentro de pouco a Amsterdam e, por suposto, ten moitas ganas de visitar "a Casa de atrás", que é como chamaban os alí agochados ao piso onde permaneceron a salvo durante máis de dous anos. Non esquecemos que oito persoas poideron estar alí (en menos de 70 m2) grazas a axuda dos chamados "benfeitores", holandeses non xudeus que, con grande risco das súas vidas, alimentábanos e mantíñanos ao tanto dos avances da guerra. 


Cando pensas que foron delatados e, por conseguinte, apresados e levados a campos de concentración, onde sufriron todo tipo de pensalidades e acabaron morrendo (todos menos Otto) case a piques de ser liberados, podes pensar que todo o seu sacrificio e todas as súas vivencias na Casa de atrás foran inútiles. Como ás veces dicía Margot Frank, moi desanimada, case era mellor que os colleran e todo rematara. Pero logo me paro a pensar que se non, non habería Diario, e que pagou a pena permanecer agochados, tentar de sobrevivir, mirar ao futuro con esperanza. Así o encarou a propia Anna, así o quixo transmitir no seu libro, unha verdadeira testemuña de que no medio das peores situacións, o ser humano aférrase a vida. E sempre os xoves teñen algo que dicir. Ela queixábase de que os maiores da Casa xa tiveron a súa oportunidade de disfrutar da vida, do amor, da natureza, dos libros. E que tanto a súa irmá, como Peter, o seu descuberto amor, non a tiñan. Pero as súas palabras dirixidas a Kitty, o seu diario, nos animan a todos a vivir máis e mellor, Aproveitando os agasaios da vida e loitando para facer deste mundo un sitio onde xamais poidan repetirse holocaustos coma este. É unha feliz coincidencia que hoxe sexa o Día Internacional da Paz.



Sinto poñerme tan solemne. Pero espero con afán que o Diario vos remova por dentro tanto coma a mín. E que poidamos ter unha fantástica sesión, da que espero que logo saian máis lecturas, nun itinerario lector sobre a deportación e o holocausto do que xa iremos falando. 
Pilar

1 comentario: