PROXECTO LÓVA

xoves, 7 de febreiro de 2019

DÍA DA PAZ. TRABALLOS DO ALUMNADO

Con motivo da celebración do Día da Paz, dende a biblioteca coa colaboración do Equipo de Dinamización Lingüística, o Departamento de Orientación e o Equipo de Actividades Extraescolares, realizamos una campaña que leva por título Construír a Paz; tirando muros, tendendo pontes. Sumámonos así a un proxecto xa existente, pero dándolle a nosa orientación. O traballo nas titorías e nas áreas que colaboraron fíxose en torno a dous núcleos: muros e pontes. Estes dos elementos arquitectónicos serven perfectamente para visibilizar a separación e a unión, a discriminación e a acollida. Os muros que esconden os medos e xeran conflito e as pontes que serven para mediar e buscar solucións. 
Deste xeito, en 1º e en 3º da ESO traballaron en torno á idea dos muros que nos dividen. O alumnado de 1º centrouse en reflexionar sobre aquelas actitudes que poñen pedras no muro da paz e da convivencia, aspectos negativos que expresaron nunha soa palabra, en distintos idiomas, e que representaron como pedras coas que fixeron un muro, na entrada do instituto. 



Pola súa banda, o alumnado de 3º fixo fincapé no trixésimo aniversario da caída do Muro de Berlín en 1989, comprobando con tristura como moitos outros muros se continúan erguendo no mundo dende entón para impedir o paso de emigrantes e refuxiados. Estes traballos recóllense mediante unha aula virtual que se creou en Google Classroom, e mediante murais nos corredores.



O alumnado de 2º e 4º centrouse no tema das pontes, buscando información sobre persoas, asociacións e particulares que loitan por construír pontes para reducir as desigualdades e inxustizas creadas pola violencia, a guerra, os desequilibrios económicos e sociais, etc.

Os grupos de 2º profundizaron nas fórmulas que favorecen o diálogo e a convivencia pacífica, tratando de sintetizar esas ideas en palabras que representaron como tramos dunha ponte colgante que se puxo no hall do instituto. 




  Nesta ponte colaboraron activamente tamén os de 4º. Estes, pola súa parte, fixeron aportacións de xeito variado, traballaron sobre personalidades que destacaron na loita pola paz, coma Gandhi; lembrando que a data do seu pasamento é a elixida para facer esta celebración do Día da Paz. Tamén informaron que o 27 de xaneiro é o Día Internacional en memoria das vítimas do Holocausto, e recolleron datos sobre a liberación de Auschwitz-Birkenau.
Outros alumnos participaron facendo campañas pola paz en forma de infografías e de carteis que tamén se colocaron no muro da entrada. Cos traballos fíxose un vídeo para poder difundir estes contidos a toda a comunidade educativa mediante os diferentes blogs e na pantalla da entrada do instituto.


Ningún comentario:

Publicar un comentario