PROXECTO LÓVA

martes, 10 de decembro de 2019

VISÍTANOS O POETA MARIANO DURÁN

Ola rapaces!
Hoxe tivemos unha xuntanza do Club de Manga e Poesía moi especial. Tivemos a honra de contar connosco cun verdadeiro poeta, o profesor xa xubilado deste centro Mariano Durán, do que Emilio fixo a presentación como "o último Leonardo". 
Ademais de ser un dos mellores profesores de Física e Química que tivemos durante máis de 20 anos, Mariano ten publicados dous poemarios. 

Hoxe estivo compartindo con nós a lectura de textos do seu segundo libro de poemas, Radiografía bárbara. Tamén departiu amigablemente respondendo a todas as nosas preguntas. Grazas ás súas respostas, enterámonos que o gusto pola poesía lle vén dende os 13 ou 14 anos coa lectura e as clases de literatura dos seus profesores do IES Concepción Arenal. Comezou a escribir por entón, e xa non parou. Pero ía gardando timidamente no caixón as súas creacións ata que, logo da súa xubilación, animouse a compartilas. Soubemos tamén que os seus poetas favoritos son Juan Ramón Jiménez, Luis Cernuda, Rimbaud, Rainer Mª Rilke, e os clásicos Propercio e Catulo, dos que traduciu algúns textos, ademais de moitos outros. Tamén que lle gusta escribir de todo, do amor, da dor, do paso do tempo...

Dedicounos dous exemplares do seu libro, un para o Club de Poesía e outro para o Obradoiro de Microescritura. 
Grazas Mariano polo teu tempo e polos teus versos!


Ningún comentario:

Publicar un comentario