PROXECTO LÓVA

sábado, 23 de decembro de 2023

ACTIVIDADES DE NADAL!

Ola rapaces!

Achégase a Noiteboa e teño moitas cousas que compartir. Estivemos tan absorbidos polas tarefas que  non falamos de tantas actividades realizadas nesta última semana. 

Aquí resúmovos algunhas delas, esperando ter máis tempo para ir ampliando a información.


O Equipo de Dinamización Linguística, coa colaboración dos Departamentos de Orientación, Plástica, Relixión e da Biblioteca conmemorou o 75 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos celebrado o 10 de decembro.


Os diferentes departamentos propuxeron diferentes actividades como a decoración da árbore de Nadal con material reciclado e adornos con citacións dos distintos artigos da Declaración.



Esta semana tamén tivemos diversas sesións do Club de Lectura tanto de Narrativa Xuvenil como de Novela Gráfica. Sobre eles comentaremos en próximas entradas.


Disfrutamos dun Festival de Nadal, preparado por Rosa e Almudena, coas actuacións de rapaces de 1º e 4º de ESO e coa colaboración de moitos profesores. Foi un remate privilexiado deste primeiro trimestre.


Non queremos rematar estas líñas sen desexarvos a todos o mellor para estas festas e un gran comezo de ano.

Bo Nadal e Feliz 2024!

mércores, 29 de novembro de 2023

NOVA XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

 Ola rapaces!



Durante esta semana e a pasada tivemos as catro xuntanzas do noso Club de Novela Gráfica. 



  • Os grupos A e D leron Harley Quinn. Cristales rotos, a historia dunha rapaza de quince anos moi descarada que na soidade dunha cidade difícil como Gotham, atopa forza nun grupo de drag queen onde aprende a loitar polo verdadeiramente importante. Xentrificación, amizade, solidariedade, son os temas que atopamos nesta obra de Banda Deseñada da autora gañadora dos premios Eisner e Caldecott Mariko Tamaki, e do artista nomeado ao Eisner Steve Pugh. 



  • O grupo B e C lemos El juego de las golondrinas de Zeina Abirached. Narra unha noite no Beyrouth dos anos 1980, na que os veciños dun edificio se atopan pechados polos bombardeos. Dous rapaces esperan a chegada dos seus pais no medio dun deles. Non obstante, a compañía dunha galería de veciños pintorescos fanlles tomarse dun xeito cotiá e cómico esa dificultade. 



En entradas vindeiras falaremos do arranque da nova sección do Club de Lectura, a de Narrativa Xuvenil en Lingua Galega. Xa tivemos dúas sesións e o vindeiro luns día 4 estreamos a sección de 3º, 4º e 1º de BAC.

Grazas a todos por participar!


xoves, 2 de novembro de 2023

HEARTSTOPPER

 Ola rapaces!

Case a mediados do trimestre, estamos moi ledos porque os  nosos Clubs de Lectura van adiante! Respecto ao Club de Narrativa Xuvenil, falaremos noutra ocasión. Esta vez queremos salientar a alta participación da rapazada nas sesións de outubro do Club de Novela Gráfica. Case rondamos a cincuentena de persoas interesadas nas nosas actividades, polo que tivemos que dividirnos en catro grupos. 



A novela de outubro foi elixida por Bea, alumna de 3º de ESO, que nola recomendou a fines do pasado curso. A biblioteca mercou varios exemplares do tomo primeiro así como uno dos tomos seguintes (ata o cuarto). 



Na novela The Heartstopper obra de Alice Oseman, se relata a relación entre dous adolescentes, Charlie e Nick, no marco dun instituto. Por debaixo da trama amorosa, os lectores poden atopar problemas que preocupan e moito, a verdadeira amizade e o mal que fan certas persoas tóxicas. 



Gustounos moito escoitar as vosas opinións nas xuntanzas, a favor e en contra da novela. Houbo quen quedou entusiasmado e houbo quen a tildou de romanticona e tópica. Outros aplicaron a súa vida algunhas das relacións que veñen reflectidas na novela. 



Grazas por vir!

luns, 2 de outubro de 2023

REUNIÓN CLUB DE LECTURA XUVENIL

Este mércores, 4 de outubro, teremos a primeira reunión para apuntarse ó Club de Lectura Xuvenil, na biblioteca durante o segundo recreo, 12'10-12'30. Este club estará coordinado por Lucía, a profesora de L. Galega e por Vily, como a súa axudante. Se queredes  inscribirvos está dispoñible unha folla no mostrador da biblioteca. En calquer recreo podedes pasar para ter máis información.
Desexando que disfrutedes deste club e que vos apuntedes moitos a esta experiencia, só nos resta desexarvos unhas boas lecturas.
Tedes carteis da reunión na biblioteca e nos corredores do centro.
CLUB DE LECTURA XUVENIL




luns, 25 de setembro de 2023

PRIMEIRA REUNIÓN DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

O Club de Novela Gráfica que dirixe Patricia Martínez, a profe de Mates que é unha apaixoada deste tema, vai comezar as súas reunións este mércores 27 de setembro na biblioteca, no segungo recreo. Estará acompañada por outros profes como Daniel e Pilar  do Departamento de Lingua Española, xunto con  Alberto e Raquel do Departamento de Matemáticas e Emilio do Departamento de Filosofía. Aquí vos deixamos o cartel da primeira sesión, se vos animades a participar podedes informarvos durante os  recreos na biblioteca.  Nos vindeiros días tamén vos falaremos do Club de Lectura Xuvenil e do Voluntariado, estade atentos aos carteles que van aparecendo nos corredores do centro e ás noticias neste blog. 




xoves, 22 de xuño de 2023

TRÍPTICO DAS RECOMENDACIÓNS DE LECTURA PARA O VERÁN

Como cada ano, cando chegan  o fin do curso e as vacacións, temos preparado para toda a comunidade educativa o noso folleto coas recomendacións de lectura que podedes atopar na nosa biblioteca para animarvos a pasar un tempo de lecer coa compañía de unha boa lectura. Se queredes saber algo máis dos libros picade  aquí:
Desexámosvos a todos un bo verán e unhas felices lecturas!

mércores, 21 de xuño de 2023

CLUB DE NOVELA GRÁFICA. FESTA DE DESPEDIDA

Ola rapaces!

Onte celebramos a festa de despedida do noso Club de Novela Gráfica. Tras unha comida preparada con moito agarimo por Gloria, tivemos a última xuntanza na que botamos de menos a Lucía, e a Raquel e Sergio, que están na excursión de 4º.



Falamos da nosa lectura do mes, Maus, Relato dun supervivente de Art Spiegelman (1992), primeira novela gráfica en acadar un Premio Pulitzer. Os estudosos falan de que esta novela inicia una das dúas vías do xénero da novela gráfica contemporánea, a independente e autobiográfica, fronte a de superheroes, que se nutre da ficcionalidade. 



Patricia falou da importancia desta novela, para preparar o terreo.  Dani contounos canto lle axudou a súa lectura en momentos complicados da vida. Ruán relatou a dificultades que atopou con ela e a súa satisfacción en poder rematarla. Samrai, que non a rematara e que a leva para o verán, non quere deixar de coñecer o que lle pasou ao pai e ao fillo, protagonistas. Todos salientan como as ilustracións conmoven ao lector. 



Logo de rematar o comentario sobre Maus, fixemos un repaso a todas as lecturas do curso, suliñando as ideas fundamentais de cada unha, cales foron as favoritas, e as menos aprezadas. De todas aproveitamos unha fermosa lección: Persépolis, Los dioses mienten, V de Vendetta, Orgullo e prexuizo, ¿Me estás escuchando?

Bea, de segundo ESO B, aportou a recomendación da saga Heartstopper de Alice Oseman, que trouxo para que a viramos. Moitos non a coñecíamos, pero quedamos en pedirlla para o vindeiro curso. Ruán insistiu na defensa de The Walking Death. E Emilio animounos a mercar todo o lote completo das sete novelas.



Falamos de novos proxectos para o vindeiro curso, de como animar a máis xente a vir ás xuntanzas, de posibilidades de ampliar o horario...

E como fin de festa, Patricia agasallou aos rapaces cuns marcapáxinas moi xeitosos.

Realmente, pasamos unha experiencia moi grata. E agradecemos a todos a vosa presencia e as diferentes aportacións.

Que descansedes moito no verán, sen esquecer a lectura!



domingo, 18 de xuño de 2023

SESIÓN EXTRAORDINARIA DO CLUB DE LECTURA DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces! 

O pasado venres tivemos unha curiosa xuntanza no club de novela gráfica. En vez de falar os profes, escoitando os alumnos, dous rapaces expuxeron a súa sabiduría a seis profesores. E de que nos falaron? Pois dunha longa saga de novela gráfica que lles apaixona. The Walking Dead. 



Sergio e Ruán, alumnos de 4º de ESO e membros activos do noso Club de Novela Gráfica, quixeron despedir esta tempada do Club cunha moi completa exposición acerca deste cómic apocalíptico que ten tantísimos seguidores, tanto na banda deseñada, como no xogo e na serie televisiva.



Falaron, sen facer espoiler, do argumento, do deseño de personaxes, das diferenzas coa serie televisiva. Responderon as preguntas feitas polo oíntes, que concluíron dicindo que teñen moito que seguir aprendendo!



Parabéns a Ruán e Sergio!



luns, 22 de maio de 2023

OBRADOIRO CO ILUSTRADOR BRAIS FIERRO (SEGUNDA PARTE)

Ola rapaces!

O pasado martes día 16 tivemos a visita do ilustrador coruñés Brais Fierro. Primeiro fixo unha sesión cos alumnos de Literatura Universal no que nos ensinou o proceso de transformación dun relato nunha obra de banda deseñada, dende o guion ata o resultado final.

Sorprendeunos coa súa grande imaxinación cando un de nós lle pediu que deseñara un sol e un ovni. En dous minutos xa tiñamos na pizarra o seu debuxo. 



Tamén nos relatou detalles do seu álbum de Roxín Roxal. A daga do conde. Trátase dun texto no que Manel Cráneo aproveita una lenda medieval, ambientada en Pontedeume, sobre os amores dun escudeiro coa filla do conde de Andrade. A partir do guion, Brais tivo que ilustralo. Contounos moitas anécdotas, por exemplo, como logo de ter deseñadas casi corenta imaxes do conde, ningunha foi a definitiva. 

Desde logo a todos quedounos claro que é un oficio apaixonante, pero que require moito esforzo.



Nunha segunda sesión máis íntima, Brais quedou cos participantes do Club de Novela Gráfica. Dedicounos o seu álbum cun debuxo especial para a nosa biblioteca. E sacounos de cantas dúbidas se nos foron ocorrendo a propósito da banda deseñada, da arte en xeral, do  seu método de traballo.


Pensamos que o vindeiro curso pode vir facer un obradoiro máis longo. Tal vez algúns de vós atoparedes o voso futuro profesional.

 

luns, 15 de maio de 2023

OBRADOIRO CO ILUSTRADOR BRAIS FIERRO



Imaxe de https://biblosclube.com/

Roxín Roxal, é o protagonista da lenda medieval galega do Eume, que conta un tráxico suceso acontecido na coñecida Ponte do Porco, sobre o río Lambre. A narración está protagonizado por un doncel ao servizo de Don Nuno Freire de Andrade, tercer señor de Pontedeume, que se enamora da filla pero este obriga á rapaza a casar con outro home de maior rango. O esposo quere impresionala e invitaa a presenciar unha cacería de xabaril, pero el fuxe deixando que o animal mate á súa esposa, o día seguinte o porco apareceu morto na ponte con un puñal de prata que fora o que o Señor de Andrade lle regalara a Roxín Roxal.
Imaxe de www.komic.es
A historia conservouse oralmente e foi recollido e reformulado por literatos como Benito Vicetto, Uxío Novoneyra ou Leandro Carré Alvarellos. Precisamente a través da obra deste último chegou ata  Manuel Cráneo que quedou fascinado coas andanzas deste intrépido escudeiro. Facendo un relato particular da lenda misturando feitos históricos e ficticios, apoiado na obra gráfica de Brais Fierro. O ilustrador amosa cun debuxo sinxelo, unha imaxe fresca e colorida que fai máis fluido o relato.
Mañá teremos ocasión de escoitar a súa conferencia desde as 11’20- 12’30 na biblioteca do noso centro. Tamén podedes votar un ollo a este precioso álbum que está dispoñible para todos.

xoves, 27 de abril de 2023

ORGULLO E PREXUIZO E ¿ME ESTÁS ESCUCHANDO?

Ola rapaces!

O pasado 26 de abril tivemos a sesión correspondente a dous lecturas xa que a primeira tivemos que adiarla por exames. Comentamos a versión de novela gráfica da novela Orgullo e prexuizo, pedida sobre todo polas lectoras de Literatura Universal.



Patricia aproveitou para mercar moitas adaptacións de novelas decimonónicas que estamos a traballar na optativa de 1º de BAC. A pesares de que a experiencia foi moi positiva, Teresa, Carla, Raquel e Samrae è que lles gusta moito máis a lectura das novelas directamente. 

Tamén falamos de ¿Me estás escuchando? Trátase dunha novela gráfica dunha autora nova e orixinal que utiliza moitos elementos autobiográficos para contarnos as súas historias: Tillie Walden


A través de poucas palabras, os debuxos ensinan como dúas soidades poden chegar a comunicarse nesta viaxe tipo road movie

Moitos de nós, profes e alumnos, plantexamos cuestións que a lectura suxire: o medo a dicir a verdade, a necesidade da amizade...


 

Por si queredes escoitar a propia autora pinchamos aquí a entrevista que fixo para Mundo Sonoro.



xoves, 16 de marzo de 2023

NOVA SESIÓN DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces! 

Onte tivemos finalmente a nova xuntanza do Club de Novela Gráfica tras a paréntese dos exames. Tivemos a nova de que se incorporaron dous rapaces de cuarto da ESO, Ruán e Sergio.



Tiñamos que ler V de Vendetta. Trátase dun relato de Allan Moore deseñado por David Lloyd, no que imaxina un futuro distópico tras unha guerra nuclear. O mundo queda moi reducido e en Inglaterra, que quedou en pé, goberna un partido fascista. Un personaxe disfrazado coa máscara de Guy Fawkes, o héroe que conspirou en 1605 contra a Cámara dos Lores, busca devolver a liberdade ao pobo. 



Cando se publicou a novela entre 1982 e 1985, tivo tanta repercusión que moitos lectores pensaron que a situación reflectida nun futuro 1997 tiña chiscadelas coa actuación do partido conservador de Margaret Thatcher neses anos. De feito, aínda houbo manifestacións contra o thatcherismo nas que participaron persoas co disfraz do personaxe da novela gráfica.



En 2006 estreouse a película co mesmo título que adaptaba a novela gráfica. Dirixida por James Mc Teigue con Natalie Portman e Hugo Weaving, serviu para volver poñer de moda o cómic.


Algúns leron a novela, outros soamente viron a película. Sergio contounos que lle gustara moito. Falamos tamén de distopías. Citamos títulos da historia da literatura como a de 1984 de Georges Orwell. Observamos acerca do contraste entre as distopías e a vida cotiá. 

Despedímonos coa cita para a vindeira xuntanza que será cunha versión dun clásico romántico: Orgullo e prexuizo de Jane Austen.


domingo, 5 de marzo de 2023

O DÍA DE ROSALÍA

 Ola rapaces. 

Como todos os anos, no centro celebramos o 24 de febreiro, Día de Rosalía. Un grupo de alumnos de ESO e de Bacharelato, uníronse á celebración participando coa proposta da AELG.



O lema foi "Cumpriuse a xustiza". A actividade consistía en escoller ou recrear poemas de Rosalía acompañados de fotos actuais de guerras, catástrofes, vulneración de dereitos humanos...

Os poemas deberían responder á pregunta "Que diría Rosalía?"

Os traballos expoñense no corredor principal do centro. Dende o blog da biblioteca mostramos algunhas imaxes. Podemos ver como os textos da autora aínda poden ter vixencia. Comunícanos o seu contundente rexeitamento ante calquera inxustiza que golpea á humanidade. 



Parabéns, rapaces, polo voso traballo de profundización nuns textos que poden aínda conmovernos!



mércores, 15 de febreiro de 2023

O ENTROIDO NO SOFÍA

Ola rapaces!

Xa preto estamos do antroido. Buscaches xa o voso disfraz? Moi ben. Pero mirade antes para o corredor do instituto. Vistes o gran cigarrón que vos dá a benvida? 



Trátase dun boneco que fai unha homenaxe aos personaxes do entroido galego.

Coa axuda deste interesante artigo vos deixamos unha listaxe para que os coñezades:

  • Os Peliqueiros de Laza.
  • Os Cigarróns de Verín.
  • As Pantallas de Xinzo de Limia.
  • Os Xenerais del Ulla.
  • Os Boteiros de Viana do Bolo.
  • Os Volantes de Chantada.
  • Os Merdeiros de Vigo.
  • As Madamas e os Galáns de Cobres.
  • O Oso de Salcedo.
  • O Ravachol de Pontevedra.
  • Os Felos de Maceda.
  • Os Choqueiros de A Coruña.
  • Os Vellaróns de Castrelo de Cima.
  • As mázcaras de Manzaneda.
  • Os troteiros de Bande.
  • A Pita de Eiroás.
O enorme cigarrón forma parte do traballo feito polos alumnos de 1º de ESO na materia de Proxecto Competencial. Precisaban indagar sobre o rico mundo do antroido en Galiza. E logo tiñan que inspirarse e crear o seu propio boneco con materiais de reciclaxe que traian da casa. Sobre un modelo previo, os alumnos tiñan que decorar as máscaras con diversos materiais de refugallo: cartóns, teas, botóns... E logo decoralo como os cigarróns tradicionais.



O proxecto vén da man do Departamento de Educación Plástica, en colaboración coa Biblio e o Equipo de Dinamización da lingua. 

Parabéns a estes artistas!

martes, 7 de febreiro de 2023

FESTEXANDO O DÍA DA PAZ COAS GRÚAS DE SADAKO

Ola rapaces!

O pasado 30 de xaneiro celebramos o Día da Paz. Lembramos no instituto a historia de Sadako e as Mil Grúas de Papel. Viches xa o precioso marco no corredor que tantos de vosoutros costruiches? 



A iniciativa partiu dos Departamentos de Educación Plástica, Relixión coa axuda do Equipo de Dinamización Lingüística e da Biblioteca.


Sadaki Sadako contaba dous anos cando o seu pequeno corpo sentiu a sacudida da bomba atómica lanzada sobre Hiroshima. Sadako sobreviviu e conseguiu levar a cabo un gran labor: estender polo mundo a súa visión da paz a través da confección de grúas de origami.

En 1961, o escritor alemán Karl Bruckner publicou unha novela baseada na vida da nena xaponese Sadako quere vivir!. Anos máis tarde, en 1977, a escritora canadense Eleanor Coerr escribiu o libro Sadako e as mil grúas de papel, que chegou a converterse nun clásico da literatura xuvenil.


A historia de
Sadako serviu de inspiración para reivindicar a paz no mundo, pero que é o que sabemos da súa verdadeira historia? Dende a biblioteca nos informamos da historia desta nena xaponesa no seguinte artigo de Silvia Herrero

Sadako Sasaki vivía coa súa familia en Hiroshima, cando o 6 de agosto de 1945, a uns 1700 metros de distancia do seu fogar, estalaba a bomba lanzada polo Enola Gai. Contan que a pequena saíu voando por unha das xanelas da casa. Din que a súa nai saíu correndo tras ela, aínda que se temía que lla ía a atopar xa morta. Con todo, Sadako estaba viva e sen lesións aparentes. A nai correu pola rúa chea de entullos coa súa pequena en brazos, debía regresar ao seu fogar canto antes. Lamentablemente, víronse sorprendidas pola choiva negra que seguiu á explosión e que caeu sobre elas. En agosto de 1955 trasladaron a Sadako ao hospital, ía compartir habitación con outra nena tamén enferma de cancro. Tratábase dunha rapaza dous anos maior que Sadako quen lle falou da lenda das mil grúas de papel e ensinoulle a dobralas. Quen elabore mil grúas de papel obterá a bendición dunha delas, que lle concederá calquera desexo que se lle ocorra pedir.

Sadako desexou curarse da súa enfermidade, tanto que durante os seus últimos meses de vida dedicouse con paixón a dobrar grúas de origami. Para cumprir o seu obxectivo, valeuse de todo tipo de papel, desde envoltorios de agasallos ata o prospecto dos medicamentos. De acordo con o testemuño do seu pai, a nena dobraría unhas 1400 grúas de papel en total. As súas compañeiras de escola dobrarían outras mais. A pesar da loita e o enorme desexo por seguir vivindo, Sadako faleceu o 25 de outubro de 1955. Contaba entón 12 anos.


O Childrens Peace Monument está situado no parque Hiroshima Peace Memorial. Unha estatua da figura de Sadako coroa o monumento que está rodeado por uns expositores de cristal. Dentro dos expositores consérvanse miles de grúas de origami que a xente foi doando ano tras ano. Completan o monumento unhas figuras de anxos que voan ao redor, que simbolizan aos nenos que faleceron por culpa da bomba atómica.

Grazas a Sadako, a vella lenda xaponesa de dobrar mil grúas, e a grúa de origami, convertironse nun símbolo para a reivindicación da paz mundial.

mércores, 1 de febreiro de 2023

NOVA XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces! 

Hoxe tivemos unha nova xuntanza do noso Club de Novela Gráfica no que limos Los dioses mienten, de Kaori Ozaki. Trátase dun manga que presenta a Natsuru e a Suzumura, un rapaz e una rapaza, que con once anos atopan na sua amizade o mellor dos antídotos contra a sua soidade. 



Aínda que a lectura parecía máis sinxela que a de Persépolis, xa que apenas tiña texto, a Teresa e Carla non lles convenciu demasiado a lectura ao revés. A Samrae si que lle interesou o relato, o tema da amizade entre os personaxes e como, grazas a ela, os rapaces superan os seus problemas. Patri e Dani tamén expuseron a súas opinións.  



Chegaron hoxe dous novos profes ao noso club (Raquel e Emilio), pero botamos de menos a Lucía e a Sergio. 

A próxima lectura xa non será de manga senón de un clásico V. de Vendetta.