PROXECTO LÓVA

mércores, 29 de maio de 2013

A CRÓNICA DA HOMENAXE A ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Ola rapaces! Si, xa ben sei que isto que vos conto agora xa hai uns días que foi. Pero o prometido é débeda. E recordo que vos prometín falar dos actos en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño impulsados dende a Vicedirección e a biblio. E así que, que mellor que sexa a propia Vice a que tome a palabra para facernos revivir esa celebración. Deixoume no meu saquiño de suxestións unha mensaxe con esta crónica:

"Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas e dentro das actividades encamiñadas ao fomento da lectura, o 15 de maio, mércores, en dúas sesións pola mañá (de 09.00 a 10.00  e de 11.00 a 12.00), no salón de actos, Naya Vidal (4ºB), Álvaro Flores (1ºD) e Elena Ramil (1ºD) presentaron  os actos preparados polo alumnado de 1º D e de 4º A e B para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano estivo adicado ao dramaturgo santiagués Roberto Vidal Bolaño.
En primeiro lugar vimos unha presentación, realizada por Roberto Losada García e Héctor Vilar Carpente, alumnos de 1º D, sobre a vida e a obra do escritor homenaxeado, e, a continuación, Andrea Rivera, Jorge Trillo, Laura Freire e Inés Falcón de 4ºA e Elina Bardanca e Alicia Bugallo de 4ºB fixeron unha lectura dramatizada de fragmentos seleccionados das seguintes obras do autor: Criaturas, A burla do galo, Animaliños e Ledaíñas pola norte do Meco.






  • O texto de Criaturas fíxonos reflexionar sobre as desigualdades, as inxustizas sociais, as incomprensións e mesmo a xenofobia que, na sociedade actual, moitas veces teñen que  soportar os máis desfavorecidos.
  • N’A burla do galo  de Vidal Bolaño, baseada na historia “O galo de Portugal” do libro Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro, don Esmeraldino devece por conquistar mulleres casadas e mozas virtuosas, ten por costume marcar el mesmo cunha aspa nunha táboa cada un dos seus triunfos e remata convertido en galo e comido asado con castañas por pecar contra o sexto mandamento, é dicir, por cometer adulterio.No salón de actos, e antes de producirse o fatal desenlace, puidemos escoitar ao galo de Portugal como concertaba un encontro amoroso coa súa nova conquista.
  • O texto seleccionado de Animaliños propoñía un programa cultural alternativo ao consumo de alcohol. A obra está protagonizada por uns propietarios obsesionados por liberar os xardíns das súas casas adosadas dunha praga de caracois.
  • O Meco é un personaxe do Entroido que, ao final desta festa tradicional, é xulgado e condenado a morrer queimado por mor das súas malas accións. En Ledaíñas pola norte do Meco, como puidemos comprobar, esta figura tradicional representa as inxustizas que galegos e galegas teñen que aturar: a emigración, o conflito lingüístico e os abusos de quen ostenta o poder, como o alcalde, o alguacil, o crego, o burgués, a xustiza ou o concelleiro. O texto seleccionado referiuse a estas inxustizas e tamén a como a xente que as tiña que soportar estaba disposta a dar morte aos moitos mecos que asoballan ao pobo galego.
 Laura Suárez"

Pois si. Isto sucedeu no salón de actos e agora coa nosa nova pantalla e proxector estou modernizando a miña casa. Así que calquera día poñemos a presentación de Roberto e Héctor que estou desexando vela. Aproveito para invitar a todos a estrear estes dous aparellos que están á vosa disposición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario