Ola rapaces!
Este ano tan atípico a causa da pandemia do Corona virus, tivemos menos ocasións de facer actividades das que temos previstas na nosa programación da biblioteca. En anos anteriores fixemos campañas para concienciar a toda a comunidade educativa da necesidade de coidar do noso medio ambiente. En ocasións incidimos na necesidade de facer un consumo responsable da auga e o ano pasado insistimos na urxencia de crear hábitos de consumo que nos alonxen do uso de plásticos, especialmente de eses obxectos de un so uso.
Este remate de curso está sendo un pouco estresante para o noso alumnado, pero falando co grupo de voluntarios da biblioteca lembramos entre todos que, maila que non fixemos unha campaña de reciclaxe como no curso pasado, si que foi un curso onde a reciclaxe estivo moi presente.
Facendo memoria empezamos reciclando sempre as decoracións das campañas da biblioteca, os adornos, os carteis e papeles. Eles sempre se rin dicindo que aquí non se tira nada, que sempre se pode reutilizar. Efectivamente así foi.
Alá polo Nadal ademais os voluntarios da biblioteca, os grupos de 1º e 2º da ESO, e os clubs de Ciencias, colaboraron para facer una gran campaña de reciclaxe propoñendo propósitos de cambios nas nosas vidas que escribiron en tarxetas e coas que decoramos os corredores e a entrada do centro.
Alí tamén puxemos unha árbore con elementos reciclados na que colaboraron o noso voluntariado en moitos Departamentos do centro como, por exemplo, o de Tecnoloxía.
Por último, os Departamentos de Linguas tamén nos axudaron a propor esta campaña en todos os idiomas do currículo.
Este espírito do coidado da natureza expresouse tamén nas lecturas que fixo o voluntariado nesas datas na visita ó centro de maiores Domus Vi, lendo varios textos que vos deixamos aquí. Continuamos reciclando e no Samaín fixemos os nosos decorados reciclando os grandes carteis da PRIMAVERA DAS LETRAS GALEGAS, do curso anterior, o atrezo do noso grupo de teatro, etc.
Con esa premisa da reciclaxe decoramos as nosas cabazas e fixemos os nosos obradoiros. En novembro reciclamos as nosas flores da campaña de anos pasados para facer unha pancarta que levaron os nosos alumnos de 1º e 2º da ESO á actividade proposta desde o concello. E seguimos a empregalas para a nosa visita ós anciáns con motivo do Día de Loita contra a Violencia de Xénero. De esta campaña titulada:”Pasos para erradicar a violencia”, fomos reciclando os elementos e fixemos a do Día da Paz: “ Pasos pola paz”, a do Día de Rosalía: “ Pasos errantes” e a do Día da Muller: “ Pasos pola igualdade”. Ten razón o noso alumnado: a nosa actitude de gardar e reciclar nas nosas actividades é a mellor campaña que podemos facer.
Ningún comentario:
Publicar un comentario