Cynthia, Clara e Sabela ocupáronse de introducir a lectura. A súa presentación (vid. enlace) deu lugar a un interesante coloquio no que se trataron diferentes aspectos, uns deles relacionados co formato da presentación (boa elección, PowToon) e outros coa lectura en si mesma.
A ambientación, os páramos, as zonas
pantanosas, cans "fantasmagóricos" (o punto gótico), o papel de Watson, o xénero (diferenza entre novela de enigma, novela negra...) e o método de Sherlock Holmes
foron aspectos tratados nesta sesión. A lóxica, a análise de datos concretos, a dedución (como chega Sherlock á
conclusión), foi o que máis interesou a varios membros do club. Mencionáronse
outras obras que encontran explicación racional a fenómenos aparentemente
paranormais (a relación de Sherlock co Auguste Dupin de Poe, O castelo
dos Cárpatos, recomendado por Emilio), a proxección de Sherlock
Holmes na cultura contemporánea (desde Scooby Doo ata a tecnoloxización extrema en produtos como CSI). Son estas opinións dos membros
do club que aquí, unicamente, recollemos. E, unha vez máis, Sabela veu acompañada dunha das súas "Joyas literarias juveniles" (xa sabedes, adaptacións de clásicos a banda deseñada), neste caso, da obra que ocupou a sesión de hoxe.
E pasamos xa á próxima lectura, unha
novela do ano 2008: O curioso
incidente do can á media noite de Mark Haddon. Elemental,
querido Watson. Seguimos co misterio. Aínda máis: seguimos con Sherlock. Esta
novela parece ser un homenaxe a "Lucero de Plata",
o relato curto publicado no 1892 por Conan Doyle, relato que algúns de vós
estades a ler para a materia de Lingua Castelá e Literatura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario