PROXECTO LÓVA

sábado, 20 de febreiro de 2016

UMBERTO ECO

EL PAÍS, El Mundo, ABC, La Voz de Galicia.



5-1-1932 / 19-2-2016
"Fai frío no scriptorium, dóeme o polgar. Deixo este texto, non sei para quen, este texto, que xa non sei de que fala: stat rosa pristina nomine, nomina nuda tenemus". Adso de Melk, final de O nome da rosa (Umberto Eco).
"Ensinanza: hai ideas obsesivas, pero nunca son persoais, os libros falan entre si, e unha verdadeira pesquisa policíaca debe probar que os culpables somos nós". Umberto Eco, final das Apostilas a O nome da rosa.

martes, 16 de febreiro de 2016

SESIÓN CLUB DE LECTURA, 16 F: O CAN DOS BASKERVILLE

Cynthia, Clara e Sabela ocupáronse de introducir a lectura. A súa presentación (vid. enlace) deu lugar a un interesante coloquio no que se trataron diferentes aspectos, uns deles relacionados co formato da presentación (boa elección, PowToon) e outros coa lectura en si mesma.


A ambientación, os páramos, as zonas pantanosas, cans "fantasmagóricos" (o punto gótico), o papel de Watson, o xénero (diferenza entre novela de enigma, novela negra...) e o método de Sherlock Holmes foron aspectos tratados nesta sesión. A lóxica, a análise de datos concretos, a dedución (como chega Sherlock á conclusión), foi o que máis interesou a varios membros do club. Mencionáronse outras obras que encontran explicación racional a fenómenos aparentemente paranormais (a relación de Sherlock co Auguste Dupin de Poe, O castelo dos Cárpatos, recomendado por Emilio), a proxección de Sherlock Holmes na cultura contemporánea (desde Scooby Doo ata a tecnoloxización extrema en produtos como CSI). Son estas opinións dos membros do club que aquí, unicamente, recollemos. E, unha vez máis, Sabela veu acompañada dunha das súas "Joyas literarias juveniles" (xa sabedes, adaptacións de clásicos a banda deseñada), neste caso, da obra que ocupou a sesión de hoxe.

Lectura totalmente recomendada. Gustounos a todos.

E pasamos xa á próxima lectura, unha novela do ano 2008: O curioso incidente do can á media noite de Mark Haddon. Elemental, querido Watson. Seguimos co misterio. Aínda máis: seguimos con Sherlock. Esta novela parece ser un homenaxe a "Lucero de Plata", o relato curto publicado no 1892 por Conan Doyle, relato que algúns de vós estades a ler para a materia de Lingua Castelá e Literatura.


xoves, 11 de febreiro de 2016

XUNTOS DE NOVO: TEMOS UNHA CITA O DÍA 15

Érase unha vez...

Érase unha vez un Instituto de Ferrol. Nos anos 50 do século pasado alí estudaban -xuntos- os rapaces e rapazas da comarca. Alguén, hai xa moitos anos, alá polo 1963, decidiu separalos: os rapaces a un lado, as rapazas a outro. Eles quedaron nese instituto, que pasou a coñecerse como o Masculino; elas foron apartadas, dando orixe ao Feminino, actual IES Sofía Casanova. 

Unha "tráxica separación" que, de seguro, conlevaría algún que outro "corazón roto". Pois ben, agora, máis de 50 anos despois, chegou o momento de volver. E que mellor forma de facelo que cantando ao amor?

https://www.youtube.com/watch?v=atMSLD9YIkU
Encontro dos clubs de lectura do Concepción Arenal e do Sofía Casanova
Pois niso estamos. Invitados polo Club de Lectura do Masculino, organizador desta actividade, o Sofía regresará á súa orixe o día 15. Estaremos xuntos de novo, como hai máis de 50 anos, para recitar poemas. Xa tivemos un encontro no Sofía; podedes velo neste pequeno álbum de fotos.

A poesía todo o pode conseguir. Xa o dicía Pimentel: 

"A  poesía é o gran milagre do mundo". 

Escolma de poemas. Escolma elaborada co Equipo de Dinamización Lingüística do Sofía. Con ela contribuiremos ao traballo que están facendo desde o Club de Lectura do Concepción Arenal
https://es.calameo.com/read/002420622948c9b1c4e5f

Recitaremos recordando a aqueles rapaces e rapazas que hoxe terán 70 anos. Dicía Cabanillas (ano 1927) no prólogo do seu poemario A rosa de cen follas, Breviario dun amor:

"É unha mociña en flor que nun balcón de peitoril abombado, feito camarín por unha roseira, na soidade da noite, bicada por un raio de lúa, está lendo un libriño de amor e dolor. Alguén deixou ao pé do debuxo, tremendo como dúas bágoas, estas dúas liñasMais ve que o meu corazón / é unha rosa de cen follas... 

Por se aínda queda algún balcón florido...! 
Por se a mociña de entón ten unha neta...!"
Quedará aínda algún balcón florido? Haberá entre vós algunha neta (ou neto) daqueles rapaces e rapazas de 1963? Se "A poesía é o gran milagre do mundo" podemos volver atrás, para recordar; aínda que pasaran tantos anos, estamos a tempo de facer que se reencontren -no recordo- aqueles corazóns separados no 1963.

Graciñas aos membros do club de lectura do Masculino, por organizalo todo para que poidamos... Volver (Estrella Morente) / Volver (Carlos Gardel).

venres, 5 de febreiro de 2016

DOCENCIA DE CARLOS L. ARDAO

Onte, 4 de febreiro, estivo connosco Carlos López Ardao para contarnos as novidades no mundo do libro dixital. As ferramentas para a creación de contidos (a plataforma E-DIXGAL), as ferramentas xenéricas: Ardora, Exe, Edilim), as ferramentas na nube e os distintos formatos (ePub3, SCORM...)  e outros aspectos que foron saíndo no coloquio formaron parte da súa exposición. Como hai dous anos, foi un pracer e un luxo recibilo na Biblioteca do Sofía e aprender del. Quédanos agora unha longa aprendizaxe para poder trasladarvos estas novidades a vós, os alumnos do IES Sofía Casanova.