domingo, 31 de outubro de 2021

SAMAÍN 2021

 Ola compañeir@s!

Desde o equipo da biblioteca e os Departamentos de Orientación e Dinamización fixemos unha proposta de actividades, a toda a comunidade educativa, con motivo da celebración do Samaín. Nas semanas anteriores coa profesora de Ed. Plástica e Visual, María Lanza, o Equipo de Dinamización Lingüística e os Departamentos de Bioloxía e de Ed. Física, organizaron unha saída ó bosque co alumnado de 1º da ESO. Nela recolleron follas e plasmaron os seu achados nunha actividade artística á que lle sumaron, refráns, poemas e cancións do outono. Na biblioteca tamén fixeron cabazas con poemas e con todo estas producións decoraremos o interior e a entrada. 

Por outra banda temos convocados varios concursos:

 1.- Concurso de relatos de terror. 

Bases:

1-O Concurso diríxese a todas as  persoas do centro que desexen participar, cada  participante pode presentar un máximo de dúas obras.

2-Obras: O tema estará relacionado co medo.

  • -As obras deberán ser orixinais e inéditas, escritos en lingua galega.

  • -A extensión será como máximo de catro follas. 

  • -Os relatos deberán aparecer co correspondente título e asinados.

3-As achegas pódense facer  por correo electrónico nas seguintes direcións:

casanovadinamizacion2019@gmail.com soficasanovabiblioteca@gmail.com

 En formato papel pódense facer na biblioteca do centro, durante os recreos.

2.- Dúas modalidades de concurso de vídeos terroríficos:

A)-Un concurso de vídeos en Tik-tok,facendo o reto da “zoca” e mudando a roupa por un disfraz e outro reproducindo calquer baile terrorífico coa ambientación precisa.
B)-Concurso en calquer formato de vídeo onde se poden contar contos ou recrear textos literarios de terror ou facer un booktrailer dunha obra deste xénero.
Bases:
1-O Concurso diríxese a todas as persoas do centro que desexen participar, cada participante pode presentar un máximo de dúas obras.
2-Obras: O tema estará relacionado co medo.
As obras deberán ser orixinais e inéditas en lingua galega.
A extensión dos vídeos será como máximo de dous minutos.
Os vídeos deberán aparecer co correspondente título e asinados.3-As achegas serán remitidas ás direcións:

Deixamos aquí fotos dos carteis dos concursos.




EMILIA PARDO BAZÁN, DÍPTICO E CONTOS

 Ola compañeir@s!

Estamos a comprobar que o alumnado non localizaba o díptico e a presentación con contos de Emilia Pardo Bazán que publicamos o Día das Bibliotecas, o 24 de outubro, por este motivo volvemos a poñelos.


Deixamos o díptico da xornada.

Emila Pardo Bazán de Biblioteca Sofía Casanova

       Aquí tedes tamén a presentación dos contos.


mércores, 27 de outubro de 2021

EMILIA PARDO BAZÁN, LIBROS E ABANOS

 Ola, compañeir@s !


Este ano polo Día das Bibliotecas fixemos unha exposición sobre Emilia Pardo Bazán. Puxemos na entrada do centro os libros da autora ou os que tratan dela, cunha colección de abanos, porque sabemos que eran unha das súas paixóns. Na pantalla da entrada tamén reproducimos un vídeo cunha lectura de Marilar Aleixandre sobre un artigo da autora que trataba sobre o traballo das mulleres.
 Pensamos que era un xeito orixinal pechar o centenario da autora facéndoo coincidir co inicio en Santiago do congreso internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois, que nestes días podedes seguir en directo en You Tube  

Deixamos aquí fotos da actividade.

LECTURAS DO ALUMANDO DO DÍA DAS ESCRITORAS


Ola compañeir@s!

Nesta ocasión queremos deixar as lecturas de algúns dos membros máis valentes do noso alumando que nos permitiron publicar as súas lecturas do Día das Escritoras.

domingo, 24 de outubro de 2021

24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES



Ola compañeir@s!
O 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas impulsado pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil e o Ministerio de Cultura. O lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir", quere destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos.

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, publicouse o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia do curso 2021/2022, que leva por título:A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA". Insistindo tamén na biblioteca como espazo diverso onde teñan cabida distintas experiencias relacionadas coa lectura, a palabra e a oralidade. Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca en obras de ficción ou de información axudan ao alumnado a medrar sendo donos da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as bibliotecas escolares son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os recitais, a lectura en voz alta.”

sábado, 23 de outubro de 2021

REUNIÓN CONXUNTA DE TODOS OS CLUBS DA BIBLIOTECA

 Ola Compañeir@!

O martes 26 de outubro teremos  unha reunión conxunta de todos os clubs de lectura. Como sempre ás 14'10 horas, ó rematar as clases, reunímonos a comer xuntos na biblioteca e a continuación cada club xuntarase cos seus membros para realizar as súas actividades.  Finalizamos a sesión cinco minutos antes das 16'30 para o inicio das clases da tarde. Deixamos  aquí o cartel da reunión.


REUNIÓN CLUB DO SOFÍA de Biblioteca Sofía Casanova

sábado, 16 de outubro de 2021

DÍA DAS ESCRITORAS

Ola compañeir@s!
O Día das Escritoras celébrase  o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús (1515-1582), o 15 de outubro. Polo tanto, para este luns 18, desde o equipo da bibioteca e os Departamentos de Dinamización e Orientación, queremos facer chegar unha proposta de lectura de textos de varias autoras en galego e en castelán. Nesta semana leranse en voz alta, nas clases de Lingua Española e Lingua Galega, textos de varias autoras que publicou a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia. Baixo o lema "Ler as idades da vida" Marifé Santiago Bolaños, que é a comisaria esta VI Edición do Día das Escritoras 2021, fixo unha escolla de textos e autoras ós que nosoutros lles puxemos imaxes para poder proxectalas nas aulas.

ESCRITORAS EN GALEGO
DÍA DAS ESCRITORAS IES SOFÍA CASANOVA de Sofía Casanova Biblioteca

ESCRITORAS  EN CASTELÁN
DÍA DAS ESCRITORAS, Cas. IES SOFÍA CASANOVA de Sofía Casanova Biblioteca

domingo, 3 de outubro de 2021

ÁNGELES ALVARIÑO, CIENTÍFICA DA NOSA CIDADE

 

Ola compañeir@s!

Queremos darvos a benvida a este novo curso e ir contando polo miúdo as actividades e propostas que estamos a preparar para as que necesitaremos a  vosa colaboración e participación como cada ano. Debullaremos estes proxectos  noutras entradas.

Hoxe 3 de outubro, queremos facer memoria do nacemento dunha científica galega do máis alto nivel, e que ademais é da nosa cidade.

Estamos a falar de María de los Ángeles Alvariño González, (3/10/1916-29/5/2005) a gran oceanógrafa que era natural de Serantes, Ferrol. Filla dun médico e dunha profesora de piano, estudou na nosa localidade e completou o bacharelato en Santiago de Compostela, trasladándose a Madrid para facer a súa carreira de Ciencias Naturais en 1934, estudos interrompidos pola Guerra Civil que remata en 1941. Doutorouse no 1951 en Psicoloxía Experimental, Química Analítica e Ecoloxía Vexetal. Neste tempo traballa como bióloga mariño-oceanógrafa no Instituto Español de Oceanografía en Vigo. En 1953 o British Council concédelle unha bolsa no Laboratorio de Plymouth para a investigación do zooplancto, entón María Ángeles, converterase na primeira muller en subir a bordo dun barco británico de investigación en calidade de científica. Desde 1956, nos Estados Unidos, realizou investigacións do zooplancto que a levan ó descubrimento de 22 novas especies, dúas das cales levan o seu nome. Conta con centos de publicacións nas máis prestixiosas revistas científicas que a consagran coma unha figura científica internacional e unha autoridade nesta materia. A súa traxectoria está chea de recoñecementos a nivel internacional. Na nosa terra, en 1993, recibiu a Medalla de Prata de Galicia e foi a figura elixida pola Real Academia Galega de Ciencias para conmemorar o día 1 de xuño, o Día da Ciencia en Galicia, do 2015. O Instituto Español de Oceanografía púxolle o seu nome ó seu buque de investigacións oceánicas, que tristemente estivo de actualidade este verán, tratando de localizar os restos de dous meniños nas costas Canarias.

Neste vídeo tedes máis datos desta gran científica de Ferrol.