mércores, 30 de xaneiro de 2019

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ CANTANDO AOS MAIORES

Ola rapaces! 
O de onte foi un deses días inesquecibles que de vez en cando acontecen. Fomos ver aos maiores para celebrar o Día Internacional da Paz, que é precisamente hoxe. Recitamos dous poemas. A muralla de Nicolás Guillén e Irmáus de Celso Emilio Ferreiro que din:


Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.

Si é túa a miña noite,

si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,

e tí negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.

Por enriba de tódalas fronteiras,

por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.

Común temos a patria,

común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.

Longa noite de pedra 1962

Tamén lles deixamos o noso simbólico muro, no que precisamente as palabras de Celso Emilio oradan un oco de esperanza.

Pero o prato forte chegou despois: o noso coro. Ben dirixido por Almudena (a quen agradecemos que viñera con toda a familia) e Daniel, axudados por Alberto, o coro do IES Sofía Casanova, que cada vez medra máis en cantidade e calidade, interpretou catro temas. Entre outros Matriarcas de Guadi Galego, Mad World, unha versión de Believer realizada por Lucía Toval e Lucía Hermida. O piano, o violonchelo, a guitarra eléctrica trasladáronse a Domus Vi sen ningún problema. Particularmente, a min encantoume a última canción que non oíra noutras das súas actuacións. Unha de orixe africana que acompañaron con bailes.
Todo gustou moito aos maiores, e houbo quen se emocionou e ata botou algunha bágoa.

Dende a biblioteca queremos darvos as grazas a todos poque coma sempre, SODES XENIAIS.

Por certo, tamén saímos na prensa.

Vémonos.

xoves, 24 de xaneiro de 2019

VOLUNTARIADO DÍA DA PAZ

Ola rapaces!
Polo de agora soamente quero aproveitar está ventá para convocar a todos os nosos voluntarios a unha próxima visita ao xeriatro. Os datos concretos témolos no cartel de abaixo.

O motivo da mesma será a conmemoración do Día Internacional da Paz.
Esperámosvos a todos!

martes, 15 de xaneiro de 2019

NOVA XUNTANZA DOS NOSOS CLUBS

Ola rapaces!
Hoxe, como todos os segundos martes de mes, tivemos xuntanza dos Clubs. O club de Manga vai xenial pero o outro... ¡mi madriña! Hoxe eramos seis máis Emilio e Pilar. Rapaces que está a suceder? Non fomos nós os pioneiros de todo?
Para a vindeira sesión faremos o regaliño do amigo invisible que ten que ser un libro que teñamos pola casa. E comprometémonos a traer, cada un, un invitado ao club. A ver se mellora a cousa...



E iso que a novela de hoxe non podía ser más apaixoante, A princesa prometida do recentemente falecido William Goldman, toda unha marabilla cun fino sentido do humor e unha divertida parodia dos contos de fadas. 
E iso que, ademais, a presentación feita por Sabela Deibe, que pronto colgaremos aquí, foi moi completa e interesante. E fíxoo moi ben, con soltura e graza. Noraboa, Sabela!

E iso que os bocatas estaban ben ricos.
E iso que ata os de Manga amenizaron a velada coas súas cancións xaponesas.
E iso que nos visitou o gran Efrén.
...



Pois iso, que non nos faltedes, rapaces. Esperámosvos a todos o 12 de febreiro con todo un pedazo de clásico da novela romántica... Donas e cabaleiros, quiten o sombreiro, que chega (redobre de tambores)...
Orgullo e prexuízo de Jane Austen.
Dito queda.