martes, 21 de decembro de 2021

LECTURA NO NADAL

 Co desexo de despedir o último ano da pandemia e que o novo 2022 veña cheo de boas novas, dexamos aquí unha pequena guía de lectura para este breve periodo vacacional no que podemos sacar un ratiño e ler algún dos libros da nosa bibioteca. Moitos dos que están na presentación xa os tedes visto nas actividades que se propuxeron no primeiro trimestre. 

Desexámosvos a todos un Bo Nadal! e felices lecturas!


BIBLIOTECA IES SOFÍA CASANOVA de Socas

luns, 20 de decembro de 2021

A TRADICIÓN ORAL NO NADAL . VIII CENTENARIO DE AFONSO X. AS CANTIGAS DE SANTA MARÍA

O manifesto da UNESCO, establece entre as misións da biblioteca a preservación e a promoción da cultura local en todas as súas modalidades, prestando unha atención especial á tradición oral. Esta é unha fórmula eficaz de transmisión dos coñecementos para todas as civilizacións ó longo da Historia. Na actualidade, confiamos na nosa capacidade técnica e almacenarmos cantidade de datos en dispositivos, nubes ou elementos que nos permiten gardar e compartir contido moi diverso, pero os instrumentos, programas ou extensións quedan obsoletos en pouco tempo. Seremos quen de conservar todo o que hoxe consideramos importante?
No pasado a narración oral mantivo vivos os contidos de innumerables áreas do coñecemento. Por iso non é nada despreciable a súa eficacia como axente cultural e máis que recomendable a súa preservación como parte do noso patrimonio inmaterial. Mediante contos, romances, lendas, cancións, adiviñas, oracións, esconxuros, refráns, achegaron a nós saberes e experiencias valiosas do pasado para esta sociedade. Poñer en valor estas achegas á nosa cultura da tradición oral é o obxectivo da biblioteca escolar ao longo de todo este curso. Co lema “ As bibliotecas escolares toman a palabra” iniciamos esta andaina, por isto e na medida do posible, tentaremos facer fincapé nas actividades que nos permitan afondar na divulgación dá nosa cultura oral, por distintos medios como a radio escolar, proxecto que estamos poñendo a andar con gran ilusión. 
Esta ocasión do Nadal é perfecta para poder afondar na tradición oral en distintas linguas por medio das panxoliñas. Por este motivo, a nosa árbore de Nadal deste ano quere ser unha homenaxe ás xeracións que nos regalaron estas composicións orais. Como podedes ver no blog das titorías. Ó tempo que quixemos poñer o foco nunha importante figura histórica que se percatou da importancia de recoller e conservar as aportacións orais de distintas linguas e relixións como foi Afonso X, do que celebramos o VIII centenario do seu nacemento. Por esta razón o alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, coa súa profesora Pilar Vázquez, estiveron a traballar nas cantigas.
A arte, a música, a tradición oral foron durante séculos fixando na memoria colectiva dous dos principais misterios que deron orixe ao cristianismo: a Encarnación e a Natividade con grande profusión de motivos na escultura, na pintura , e na música de esceas como a Anunciación, a Adoración dos Reis Magos…
Unha das grandes manifestacións artísticas do noso patrimonio son As cantigas de Santa María , corpus de 427 cantigas elaboradas polo equipo dirixido polo rei Afonso x o Sabio( trobadores, músicos, tradutores, iluminadores,  etc), proxecto que aúna música, ilustración con miniaturas e oralidade na recolleita de múltiplas tradicións orais e escritas ( coleccións de milagres medievais e lendas orais) que narraban as milagres realizadas pola Virxe. Este proxecto tiña como principal motivación espallar o culto mariano na Península. Para iso escolleu o galego portugués , lingua da súa infancia, e variedade lingüística internacional na produción lírica na Idade Media.
O Nadal comezou a ter representación nos Autos dos Reis Magos na Idade Media e aparecen tamén nas Cantigas de Afonso X. Dúas son as cantigas que recollen nas miniaturas estes misterios. A cantiga I na que o rei presenta os gozos da Virxe e aparece a Anunciación, o Nacemento, O anuncio dos pastores e a Adoración dos Reis de oriente; e a cantiga LXXX onde aparece o nacemento da Virxe e o nacemento de Xesús.
Deixamos aquí os vídeos.