martes, 28 de xaneiro de 2025

OLLOS DE AUGA DE DOMINGO VILLAR. NOVA LECTURA CO CLUB DE NARRATIVA XUVENIL

Ola rapaces!

Onte tivemos xuntanza cos rapaces de Bacharelato do Club de Narrativa Xuvenil. Comezamos coa lectura de Ollos de auga, a primeira novela da saga de Leo Caldas, o inspector de policía de Vigo que inmortalizou Domingo Villar en A praia dos afogados e O último barco.


As lectoras e lectores comentaron que lles está gustando moito a novela. Falamos da personalidade do "patrulleiro das ondas", do contraste entre o seu xeito de traballar e o do seu axudante, o aragonés Rafael Estévez. Comentamos a relación entre o personaxe a a cidade de Vigo e a súa contorna. 


O saxofonista Lois Reigosa aparece morto no seu dúplex da illa de Torregrosa cunha crueldade morbosa. A parella de policías comeza o escrutinio. Quen será o asasino? 

Enterarémonos na vindeira xuntanza no mes de marzo.


 


mércores, 22 de xaneiro de 2025

"EL SEÑOR DE LAS MOSCAS". UNHA NOVA XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

 Ola rapaces! 

Hoxe tivemos unha nova xuntanza do Club de Novela Gráfica co comentario da versión gráfica do clásico do Premio Nobel William Golding El señor de las moscas. Cóntanos o acontecido a uns rapaces que logo dun accidente aéreo quedan nunha illa deserta sen a presenza de adultos. 

Os roles entre eles repártense,  para algúns resulta un xogo, para outros a aventura da súa vida. Coa axuda da caracola distribúen a quenda da palabra, e tratan de organizarse democraticamente pero pronto xorden actitudes violentas.


Os rapaces atopan unha imaxe que lles aterroriza e fantasean cun ser superior ao que chaman a Bestia e ao que culpan da súa maldade. Dani relacionou esta proxección máxica cun sentimento do ser humano de non culpabilizarse a si mesmo e que habita connosco dende o principio dos tempos. 

En xeral, os asistentes mostraron o seu gusto pola obra e a súa versión gráfica. Moitos de vós, especialmente Lara, Carlos, Saúl e Adrián contástesnos as conclusións da súa lectura.

Vémonos na seguinte sesión! 



luns, 20 de xaneiro de 2025

XUNTANZA DE NARRATIVA XUVENIL SOBRE LÚA NOVA

Ola rapaces!

No Club de Narrativa Xuvenil analizamos a novela Lúa Nova de Irene Montero, a escritora ferrolán que visitounos o pasado curso.


As alumnas e alumnos de 1º, 2º e 3º comentaron que vían de maneira moi positiva como a protagonista, a pianista Lúa, desenvolvía a súa vida desde nena con autonomía e como o trato da súa familia favorecía esta independencia en lugar de marcarlle límites asociados á súa discapacidade visual.



Vémonos na vindeira sesión!


xoves, 16 de xaneiro de 2025

XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapaces! 

Comezamos o ano 2025 comentando a novela gráfica Ellas da historietista belga Kid Toussaint co grupo de pequenos de 1º e 2º da ESO. 

As dúas Saras, Carolina,  Dayana, Lucas, Gabriela e Emma falaron da estratexia de Ella para integrarse no seu novo instituto, o Mercury. Estes cambios de peiteado, a diversidade do tinte do seu cabelo expresarán as súas distintas personalidades. Reflicten as súas dúbidas, o desexo de atopar novos amigos, a inquedanza por integrarse no centro... E acabarán causándolle certos problemas.


Os profes comentamos a semellanza desta historia coas dúas películas Inside Out que reflicten como as cores simbolizan certos sentimentos. Falamos tamén de que na adolescencia a rapazada ten nun so día unha morea de cambios emocionais...