mércores, 17 de decembro de 2025

1984. COMENTAMOS A ADAPTACIÓN GRÁFICA DA NOVELA DE GEORGE ORWELL

Ola rapazada!

Con moito público tivemos hoxe a xuntanza da sección de bacharelato co Club de Novela Gráfica. Comentamos a adaptación do clásico de novela distópica 1984 de George Orwell realizada por Jean Cristhoper Derrien para la editorial Planeta Cómic.


Gustou moito esta novela, tanto o texto como a parte gráfica cos seus xogos en branco e negro e o vermello. Comentamos como as sociedades totalitarias cancelan o seu pasado e controlan ata o pensamento dos seus cidadáns por mor do Gran Irmán. Falamos da relación entre Winston e Julia, esa rapaza potencialmente tan perigosa... 


A partir destes comentarios tratamos de proxectar algunhas ensinanzas para o noso día a día. Desconfiar da manipulación das fakes news, respetar a historia veraz, fomentar a individualidade persoal de cada quen, construir relacions auténticas... Loitar fronte a sistemas que buscan controlar ata a nosa mente e os nosos sentimentos.

Os profes animámosvos a ler a novela completa. Esperemos que quede apuntada nas vosas listas de lecturas! 



martes, 16 de decembro de 2025

ENCONTRO ENTRE CLUBS. VISITAMOS O IES SATURNINO MONTOJO

Ola rapazada!

Hoxe tivemos a visita ao IES Saturnino Montojo. A nosa sección de primeiro e segundo da ESO do Club de Novela Gráfica foi invitada a participar nun encontro sobre o libro A lavandeira de San Simón de Eva Mejuto cos compañeiros do seu Club de Lectura. Coñecíamonos dun primeiro encontro o curso pasado e foi unha ledicia xantar xuntos de novo. 


Entre todos comentamos a dureza da historia que nos conta. A fermosa illa de San Simón, na ría de Vigo, foi moitos anos un lugar de represión. Alí illaban aos perdedores da guerra civil. E as súas familias tiñan que loitar contra a soidade, a vergoña e o odio. 


Os rapaces valoraron a valentía da nai da narradora que, aínda que esconde cal é a verdade a súa filla sobre o seu pai, axuda aos máis desfavorecidos, aos presos da illa, facendo de lavandeira, preparando a empanada, visitando aos posibles amigos do seu home...

Aínda que a historia parécenos moi afastada de nós, en moitas partes do mundo como Palestina, Ucraina é posible que os nenos boten de menos aos seus pais e a violencia continúe a estar presente.

luns, 1 de decembro de 2025

NOVA XUNTANZA DO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapazada!

O pasado mércores 26 de abril, tivemos unha nova xuntanza coa sección de 3º e 4º da ESO do club de Novela Gráfica. Aínda que por mor dos exames houbo algunhas ausencias, a historia gustou moito a Antón e a Miguel. Para o primeiro pasan demasiadas cousas en pouco tempo nesta novela de Tillie Walden: ¿Me estás escuchando? Pero recoñece que esconde unha gran carga de ensinanzas.

Lou e Bea son dúas rapazas que, como si fose unha road movie, cruzan Texas Ambas escapan dos seus fogares por distintos motivos. Atópanse cun mundo un tanto estraño, son perseguidas por oficiais da Oficina de Asistencia en Carretera, seres que a Patricia lle recordan aos homes grises da novela de Momo de Michael Ende. Podemos pensar que simbolizan o pensamento dominante na sociedade. Ambas rapazas se axudan a asumir reciprocamente o seu pasado e afrontan o seu futuro nunha nova "familia" formada por elas mesmas.

Vémonos na seguinte xuntanza!