xoves, 22 de novembro de 2012

A miña visión sobre A volta ao mundo dun forro polar vermello



A volta ao mundo dun forro polar vermello 

Este libro gañou o premio alemán ao Mellor Libro Xuvenil de Divulgación Científica 2009.
O seu autor, Wolfgan Korn, naceu en Lünen, Alemaña, en 1958. Estudou Historia, Ciencias Políticas e Xornalismo. Vive na actualidade en Hannover e colabora como xornalista en revistas e periódicos como Geo e Diezet.
O tema do libro xira arredor da globalización. O narrador, un escritor na procura dun protagonista para o seu próximo libro, atópao cando ve na televisión un inmigrante cun  forro polar vermello. A prenda ten una mancha escura e inmediatamente pensa que ben podería tratarse do seu propio forro polar –vermello tamén e cunha mancha de viño tinto- que el mesmo depositara nun colector de roupas usadas había uns meses.
O escritor xa tiña un fío condutor: un obxecto que podería levarnos arredor do mundo e, desde este momento, a historia do forro polar vermello condúcenos a través da riqueza petroleira de Dubai, os baixos salarios e os altos riscos soportados polas traballadoras na industria téxtil de Bangladesh, a Europa nun dos colectores dun buque de mercancías, cara a África occidental nun dos fardos de roupas usadas e, finalmente, protexendo do frío a un inmigrante africano, navegando nun caiuco a través do Atlántico, ata as illas Canarias.
Máis de setenta persoas permanecen dez días comprimidas, aturando as duras condicións climáticas e sen auga potable. Miguel, o piloto do arrastreiro Alhambra, vai dereito contra a embarcación sen luces de posición, pero observa algo vermello que emite lampos luminosos e corrixe o rumo. Os refuxiados desplómanse extenuados na praia. Un pequeno primeiro plano e o forro polar vemello convértese en símbolo das desigualdades económicas e sociais, do despilfarro dos países ricos industrializados cando, inservible para un escritor do primeiro mundo, convértese nun talismán, nun obxecto máxico co que Adrame e o resto de inmigrantes senegaleses salvan a vida. 

1 comentario:

  1. Gústame moito como analizas o libro, Laura. Penso que os rapaces poden tamén aportar o seu comentario neste blogue. Animádevos! Bicos.
    Socas

    ResponderEliminar