O libro de Cometas en el cielo de Khaled Hosseini deu para moito, verdade? Ademais o traballo que fixeron Elisa e Amanda foi moi maduro. Claro, os libros que tratan sentimentos, erros, culpas, arrepentimentos, cariño, abandono... son moi cercanos a nós. Moito máis cercanos se están ambientados, ademais, no mundo real.
Podémonos ver reflectidos en Amir, se somos conscientes de termos portado mal con alguén que queremos, ou, pola contra, sentirnos identicados con Hassan, se é que nos sentimos defraudados algunha vez por quen queriamos moito.
A min paréceme que todos somos un pouco Amir e un pouco Hassan. Moitas veces ao longo da nosa vida nos sentimos molestos pola actitude de alguén en que tiñamos posto moito cariño e, sen embargo, o seguimos querendo. Ou pola contra, portámonos mal ou temos un mal xesto con alguén que nos quere ben.
O principal problema nas relación é a incomunicación. A falta de comunicación entre Amir e Hassan rematou cunha bonita amizade. Do mesmo xeito, Amir só terá unha relación sincera co seu pai Baba cando se faga un mozo e comparta as dificultades dunha nova vida nos Estados Unidos de América. A vida está chea de decisións e ás veces ponse difícil. Este soberbio libro, escrito desde o fondo da alma, ensínanos a non nos encerrar en nós mesmos, senón a compartir as nosas dúbidas, os nosos medos, as inquedanzas, os soños; a contar a verdade (de verdade) sen medo. Porque podedes estar ben seguros de que todos (e penso que tamén todas) somos coma as cometas: só estamos unidos a ti por un delgadísimo fío que hai que saber manexar con moita pericia, soltando e dando ás, pero tamén atraendo e guiando na procura de brisas que nos dirixan. Así é a amizade, poetas. Cultivádea. Non deixedes que se escapen as cometas.
Ah, claro. Déixovos unha breve presentación das fotos da sesión de onte do club de lectura: pizza, refrescos e boa literatura. Mmmmmmm... que rico!
¡Bravo, Dani!
ResponderEliminarNo se puede decir de forma más bella.
Pilar