xoves, 5 de xuño de 2014

MICROESCRITURA

Pedimos a Emilio que nos contara a experiencia do Obradoiro de Escritura que dirixe e o fai ao seu estilo:

OBRADOIRO DE (micro)ESCRITURA

Todo texto breve que empeza e ¿acaba? é microescritura. Que sexa literatura é outro cantar, pero no horizonte do Obradoiro (OmE) tal condición aparece xa desde o principio como a súa finalidade natural. No fondo, como Kipling, todos queremos escribir o conto máis fermoso do mundo.
Velaiquí un listado improbable de microxéneros:
  • Titular xornalístico Aforismo Anécdota verídica / sucedido pintoresco
  • Haiku Esquela Discurso político mitineiro Graffiti Greguería
  • Carta de amor Carta de desamor Carta de odio, directamente
  • Nota de suicidio (exemplar, se é de Vila-Matas) Panxoliña
  • Escolio a un texto implícito Chiste verde (ou non) Chiste mariano Xaculatoria
  • Programación Didáctica Post-It para neveira ou lavalouzas
  • Informe do psiquiatra forense de garda Atestado policial Adiviña, adiviñanza
  • Informe do profesor encargado da aula de convivencia Jingle publicitario Caligrama
  • Nome de pía de Agustín Lara (microxénero hápax legomenon)
  • Solicitude de emprego doméstico no taboleiro do súper Message in a bottle
  • Pregunta capciosa / filípica, de polo menos 2 tonantes minutos, con 4 subordinadas, 3 aposicións (unha delas digresiva meramente) e 5 ½ finas ironías do profe de Filosofía
  • Anuncio de bebida isotónica Pesadelo por escrito Epitafio Entrada do D.R.A.E.
  • Entrada do día de San Valentín do mítico Diaaaario adolescente (con ou sen debuxiños de corazóns, smilies, coitelos, faragullas e unicorños rosas)
  • Nota de prensa, sección Ecos de Sociedade Receita de cociña luguesa caseira
  • Instrucións de montaxe dun armario de lavabo Godmorgon con 2 caixóns
  • Declaración de (boas) intencións de Primeiro de Ano Pé de foto
  • e CONTO CURTO


Temos a intención de continuar o ano que vén, pero polo de agora levamos feito:
- algunha pescuda de microxéneros de xornal
- un intento de conto fantástico-humorístico que non callou ( a outra proposta era algo de dark fantasy, pero alguén tiña medo de sufrir pesadelos, e desbotouse)
- variacións sobre o coñecido microrrelato do dinosaurio de Monterroso
- un conto a 4x2 mans algo tolo, e aínda por rematar
- unha pequena obra de teatro aportada por Diego
- fragmentos para lectura e discusión da opus magnum de Pepe, “Leyendas de Jinmei”
- unha dicusión sobre a posible mascota do OmE (un librocán, un gatolibro, un librogatocán, un rato de biblioteca escribidor, …), con suxerencias para dibuxala

Do dito xa se bota de ver que hai máis futuro que presente no OmE, e máis brincadeira que académico currículo tamén. A cousa évos perder o medo a que se lea o que escribides, pasalo ben e ¿mellorar? co tempo.

Emilio dixit.

Ningún comentario:

Publicar un comentario