domingo, 8 de maio de 2016

MÉRCORES, 11 DE MAIO: PEPE CARREIRO NO SOFÍA

Pepe Carreiro con Lucía e Xoel, introdutores da sesión.
Pepe Carreiro estivo connosco, dentro do conxunto de actividades do "Mes das Letras no Sofía" (18 abril-18 maio). Contoulles aos alumnos de 1º ESO como e por que comezou a debuxar, como preparaba as historias, como se trataban as proporcións, as liñas cinéticas, os globos, como era o proceso de creación dos Bolechas... Mentres  nos explicaba todo isto, íadebuxando. Temos todo gravado e, en canto poidamos, colgaremos o vídeo para que poidades asistir en primeira persoa á súa exposición.


Pulsade nas imaxes para amplialas.
 





Pepe Carreiro con Hugo

Agradecemos a Pepe a súa presenza no Sofía. Non é fácil que un autor/ilustrador coa súa traxectoria profesional se ofreza a dar un taller a alumnos de 1º ESO. Agradecemos a súa xenerosidade e, sobre todo, a súa paciencia: Os que estabamos alí sabemos por que o dicimos.

Graciñas, Pepe.


Lembremos algúns personaxes e obras de Pepe Carreiro.

Recordades a Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa? Seguro que si, medrastes con  eles: Naceron no ano 2000, teñen 16 anos (aínda que non se lles nota)...


E os Barbanzóns? Esa familia celta do castro de Baroña composta por Tara (a nai), Con, Bre e Lerankos (fillos de Tara), Guiness (a nora irlandesa), Bar (o xenro), Son, Baal e Minu (os tres netos de Tara) e o oso Banza. Xa lestes as súas aventuras? Tédelas na biblioteca.


E que hai dos pequenos Barbanzóns? Coñecédes as súas "fazañas"?



E aínda máis, a historia de Galicia contada en clave de humor:


A retirada de Sir John Moore.  Época da invasión napoleónica. Feitos históricos -en clave de humor- que desembocaron na batalla de Elviña. Xerais, 2002. 

Compostela, a historia dunha lenda. Historia de Santiago de Compoetela, desde a suposta descoberta do sepulcro do Apóstolo Santiago até o alzamento militar de 1936. Toxosoutos, 2003.

O amor l'amour (serie Algo así debeu pasar).  Época da invasión napoleónica. Maximina, unha moza aldeá estrambótica para o seu tempo, quere pór en práctica cos seus veciños as refinadas maneiras do galanteo que aprendeu nas novelas libertinas francesas. Moito Conto, 2016.


E agora, con Abraham Carreiro, un xornal  ilustrado que podedes ler en formato dixital: O Papagaio.


Podedes visualizalo na seguinte ligazón: 

Máis sobre a traxectoria profesional.
Pepe Carreiro, ilustrador e guionista de banda deseñada, comezou en 1977 coa banda "O fillo de Breogán" no voceiro A Voz do Pobo. Foi un dos fundadores de Can sen Dono, revista que chegou a dirixir. Colaborou con publicacións como Teima, El Pueblo Gallego, Hoja del Lunes de Vigo, Faro de Vigo, A Peneira, La Voz de Galicia, A Nosa Terra e La CodornizPor toda a súa traxectoria recibiu en 2003 o Premio Ourense de Banda Deseñada. No 2013 recibiu o premio Bo e Xeneroso da AELG.





Ningún comentario:

Publicar un comentario