domingo, 24 de marzo de 2019

O VOLUNTARIADO CELEBRA O DÍA DA MULLER

Ola rapaces!
Esta volta todo vai con retraso. Síntoo. Celebramos a nosa xuntanza de voluntariado con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, o día 20 de marzo en vez do 8. E non facemos o resumo da mesma ata agora. Temos tantas cousiñas nestes días, que, como comezara, esta volta todo vai con retraso.
Pero vai, que é o importante.
Imos ao noso. O día 20 o grupo de voluntariado reuniuse para xantar xuntos. Non eramos moitos, por culpa dos exames. Pero en fin... Ensaiamos un poema precioso de Manuel María e fixemos un cartel co tema das estatuas de sal. Esta metáfora, de raíces bíblicas, ocorreuselle a Vily (a quen se non) e a verdade que fala moi ben da evolución do rol da muller dende 80 anos atrás ata o de agora. Nel representabamos tres estatuas de sal, tal como describimos no nosa programación da biblioteca para esta xornada do que vos deixamos unha pequena explicación.

Tentamos centrar a reflexión deste día no traballo feminino e en concreto nos labores asignados socialmente a este rol. Falamos de mulleres traballadoras e con ese termo tradicionalmente referiamonos ás mulleres que traballaban fóra da casa. De xeito que se nos educou na idea que a nosa liberación feminina pasaba por formarnos para exercer un posto de traballo e ter independencia económica. Porén, a realidade foi outra, acadamos os postos de traballo e a independencia económica e comprobamos como recaía en nós boa parte do traballo dentro dos fogares e no coidado dos fillos, enfermos, pais e dependentes en xeral.
En termos de traballo non se recoñece a aportación económica das mulleres do rural e do mar e noutros sectores que traballaron dentro e fóra da casa ao lado dos homes. Nin se remunera ou cuantifica economicamente o traballo dentro do fogar e o cuidado dos fillos... Ese traballo é invisible para os estados pero afórralle moita inversión en sistemas de sostemento social.
Queremos con esta imaxe destacar o tratamento social que ten esta aportación do traballo das mulleres en actividades non remuneradas que as converte en estatuas de sal, facendo invisible o seu traballo.



Deste xeito, o noso mural das "Estatuas de sal" representa:
  • A muller de 80 anos que deixa a escola aos 12 anos, traballa na casa e non gaña ningún salario (esta muller podería ser calqueira das señoras do xeriátrico). O seu rostro non pode verse porque o tapa a estatua da sal. A totalidade do seu traballo é invisible.
  • A muller de 60 anos, viúva, que estudou un pouco máis, traballou na casa sen recoñecemento nin remuneración. Sobrevive cunha pequena pensión do seu home xa falecido. Podemos ver o seu rostro saíndo dun corpo de sal, por pequenos elementos de independencia económica.
  • A muller de 40 anos, puido estudar unha carreira universitaria, traballa fóra da casa e ten traballo remunerado pero as tarefas da casa  seguen a ser sen remuneración, aínda que pode contratar a alguén para facelas. A súa silueta emerxe da estatua de sal porque  unha parte do seu traballo é  visible.
Cando fomos ao xeriátrico, Cynthia presentou as nosas actividades. Logo Alba explicou o cartel. Por último, Alex, Diego, Sara, Pablo, María e Laura leron con gran sentimento o fermoso poema sobre "A muller galega" de Manuel María.
Pero o mellor chegou ao final. E, como soe suceder, sen preparación. Comezamos falar coas señoras acerca da súa experiencia vital e Andrea saíu ao estrado para agradecerlles o seu labor e a súa loita. Coido que a máis de unha escapouselle algunha bágoa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario