martes, 2 de abril de 2019

NA MORTE DE RAFAEL SÁNCHEZ FERLOSIO

Ola rapaces!
Hoxe teño que falar dunha triste noticia, non como as que nos gusta dar neste blog. Pero a vida é así: xunto cos días luminosos e agarimosos temos marexadas e temporais.
Falo da morte dun gran home, dun xenial escritor, dos últimos que ían quedando da xeración dos 50, dentro do que nos libros de texto coñecemos como a novela social. 
Trátase de Rafael Sánchez Ferlosio (1927-2019) fillo de Rafael Sánchez Mazas, escritor español e dunha muller italiana. Naceu en Roma onde pasou a súa infancia e os anos da guerra civil española, onde o seu pai librou por pouco da morte (historia que se novela con gran éxito no libro de Javier Cercas Soldados de Salamina en 2001). Ao rematar a guerra regresou a unha España dividida e destrozada e comezou a escribir. En 1952 publicou o seu primeiro libro, Industrias y andanzas de Alfanhui. Tamén escribiu relatos cortos agrupados en Y el corazón caliente, Dientes, pólvora, Febrero


Pero seguro que polo título que vos soa o seu nome é por El Jarama (Premio Nadal e Premio Nacional da Crítica, 1956), que revolucionou o panorama narrativo ao introducir a técnica do conductivismo na reconstrución dunha excursión estival dun grupo de rapaces e rapazas obreiros durante un domingo do mes de agosto. Parece que non pasa nada en toda a xornada, mais pasa o que ten que pasar, o futuro sen esperanza de toda unha xeración marcada pola guerra e a postguerra.


Despois destes grandes éxitos, o escritor se refuxiu noutros xéneros: o ensaio e o periodismo con títulos como Las semanas del jardín. Campo de Marte, Mientras no cambien los dioses nada ha cambiado. Regresou á narrativa con El testimonio de Yarfoz.
Galardoado e recoñocido na súa ancianidade con grandes premios como o Premio Cervantes do 2004, Premio Nacional das Letras Españolas en 2009, a Medalla de Ouro ao mérito nas Belas Artes en 2015.

Separado amistosamente doutra das grandes da época Carmen Martín Gaite, da que falabamos xustamente hai unha semana no Club de Adultos, agora poden rencontrarse máis alá.
Descanse en paz, mestre de escritores, mestre de pensadores.
Adeus, don Rafael!


Ningún comentario:

Publicar un comentario