xoves, 4 de xuño de 2020

O PROXECTO LÓVA

Ola rapaces!



Comezado xa o mes de xuño deste atípico curso, doume conta de que aínda non falaramos aquí dun proxecto da nosa biblioteca que nos tivo moi atarefados, o proxecto LÓVA (Lá ópera vehículo de aprendizaxe).
Desafortunadamente, debido ao confinamento, non poderemos ver a culminación de dito proxecto, a representación da ópera, para a que xa tiñamos data e lugar. Ía ser a véspera de san Xoan, o 23 de xuño, no teatro Jofre.
En condicións normais, estariamos moi nerviosos cos ensaios e os preparativos. Pero non poderá ser.
Non este curso, pero temos intención de retomar o noso proxecto o vindeiro ano e estrear antes do Nadal.
Algúns preguntaredes que é isto do Proxecto LÓVA. Explícovos. Dende a biblioteca impulsamos un proxecto que consiste na creación e montaxe dunha ópera dentro do currículum.

Este proxecto leva xa moitos anos realizándose en Estados Unidos e algúns países de Europa. Tamén en España, e tamén en Galicia. Está enfocado tanto para Educación Infantil, como Primaria e Secundaria. Na nosa comarca, o IES Punta Candieira de Cedeira foi pioneiro en levalo a cabo en Educación Secundaria. E dende alí, contaxiáronos o entusiasmo e decidimos un grupo de profes, tras facer un curso de formación este verán, animarnos a facelo no noso centro.
Alá por outubro comenzamos o proxecto en 4º A organizando o horario e axustándoo ao currículo de materias como Xeografía e Historia, Filosofía, Relixión, Lingua Castelá.
A resposta dos alumnos foi moi receptiva e axiña comezou o traballo, reflectido todo no blog operacariatides. Alí pode seguirse a formación da compañía de ópera Cariátides, o seu logo (no que nos axudaron moito os compañeiros de 4º B de Educación Plástica). 
A elección do tema e a tese da ópera, o reparto de profesións, a redacción do libreto, a composición da música, o deseño de vestiario e perruquería, os traballos dos escenógrafos e iluminadores, o labor dos documentalistas e relacións públicas, as tarefas de dirección e rexeduría...



Tamén visitamos o teatro Jofre e recibimos axudas de profesionais do espectáculo como o tío de David, Pablo Fernández, que nos falou da súa experiencia como creativo en teatros londinenses.


E tamén estivemos no programa de Radiovoz falando deste proxecto e saímos na portada de La Voz de Galicia.

Bo traballo, rapaces! Aínda que o labor non rematara coa estrea, non foi tempo perdido. Tedes moito aprendido acerca de traballar en grupo, respectar as outras opinións, ilusionarse cun proxecto...
Vémonos o vindeiro curso no que esperamos poder levantar o pano!

Ningún comentario:

Publicar un comentario