xoves, 19 de xuño de 2025

TRÍPTICO DE FINAL DE CURSO

Ola rapazada!

Este ano propuxémonos ser un pouco orixinais no noso tríptico de fin de curso. Xuntamos as recomendacións de lectura dos nosos dous Clubs (Novela Gráfica e Narrativa Xuvenil en galego) coa publicación dos gañadores do II Concurso de Poesía en todas as linguas do centro. 

Este é o resultado. Esperamos que vos guste!

Confiamos en que gocedes do verán e que o vindeiro curso sigades tendo como faro do instituto a nosa biblioteca.



martes, 10 de xuño de 2025

ENCONTRO ENTRE DOUS CLUBS DE LECTURA. VISITA DAS RAPAZAS DO IES SATURNINO MONTOJO

Ola rapazada!


Hoxe tivemos unha xornada especial. Un emotivo encontro entre o noso Club de Novela Gráfica de 1º e 2º de ESO co correspondente Club do IES Saturnino Montojo. O libro lido en común era a versión gráfica da novela Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, ilustrada por Iria Aldegunde.


Aínda que non se coñecían os rapaces, pronto houbo un bo ambiente entre eles no xantar no noso pinar. A continuación ensinámoslles a nosa biblioteca, onde tivemos unha sesión na que lemos o comezo da novela de Xosé Neira Vilas e cada quen puido dar o seu parecer sobre a versión gráfica. Algunhas rapazas leran tamén a propia novela e comentaron que a novela gráfica pareceulles un pouco escasa e, pola semellanza entre os personaxes, algo confusa. 


Pero outras rapazas valoraron como as cores mostraban os sentimentos de Balbino, que pasa polo namoramento platónico coa súa mestra, polo sufrimento polo maltrato familiar, e polo acoso do neno rico da aldea. 


Isto levounos a lembrar a vida dos nosos maiores nas aldeas, a procurar coñecer o vocabulario do mundo labrego. E penso que moitas de nós sacamos a conclusión de ler a novela e tamén de escribir para desafogarse... 

Rematamos a sesión cos regalos e as fotos. Esperamos que o vindeiro curso, poidamos visitar nós o seu instituto.

mércores, 4 de xuño de 2025

XORNADA FINAL DOS CLUBS DE LECTURA. VISITA DE BEA LEMA

Ola rapaces!

Onte celebramos a nosa festa de despedida do Club de Lectura. O tempo permitiunos facer unha comida campestre baixo o pinar, pretiño da cafetería. 

E logo tivemos a ansiada visita de Bea Lema, adiada polo apagamento xeral. Como leramos e comentaramos a súa premiada novela gráfica O corpo de Cristo, falar coa autora resultou moi doado. Contounos paso a paso as súas influencias a partir de textos, debuxos, películas, bordados.. nos dez anos que adicou a esta obra. Tróuxonos tamén algúns dos seus bordados, parte fundamental da súa técnica. 

Falounos da dura enfermidade da súa nai, inspiración da súa obra, e con moito agarimo fíxonos reflexionar sobre as enfermidades mentais e como afrontalas na casa. 


Ensinounos unha curtametraxe inspirada sobre a súa obra que poderá verse en Movistar. Logo fixemos as fotos de lembranza e asinounos varios exemplares da novela.


Foi unha tremenda sorte contar cunha Premio Nacional do Comic na nosa biblio. E estamos moi agradecidos a María Lanza que axudounos a contactar con ela e fixo a presentación.

Realmente non poidemos rematar de mellor modo a tempada na nosa biblioteca!