Ola rapazada!
Hoxe tivemos unha xornada especial. Un emotivo encontro entre o noso Club de Novela Gráfica de 1º e 2º de ESO co correspondente Club do IES Saturnino Montojo. O libro lido en común era a versión gráfica da novela Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, ilustrada por Iria Aldegunde.
Aínda que non se coñecían os rapaces, pronto houbo un bo ambiente entre eles no xantar no noso pinar. A continuación ensinámoslles a nosa biblioteca, onde tivemos unha sesión na que lemos o comezo da novela de Xosé Neira Vilas e cada quen puido dar o seu parecer sobre a versión gráfica. Algunhas rapazas leran tamén a propia novela e comentaron que a novela gráfica pareceulles un pouco escasa e, pola semellanza entre os personaxes, algo confusa.
Pero outras rapazas valoraron como as cores mostraban os sentimentos de Balbino, que pasa polo namoramento platónico coa súa mestra, polo sufrimento polo maltrato familiar, e polo acoso do neno rico da aldea.
Isto levounos a lembrar a vida dos nosos maiores nas aldeas, a procurar coñecer o vocabulario do mundo labrego. E penso que moitas de nós sacamos a conclusión de ler a novela e tamén de escribir para desafogarse...
Rematamos a sesión cos regalos e as fotos. Esperamos que o vindeiro curso, poidamos visitar nós o seu instituto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario