mércores, 29 de outubro de 2025

XUNTANZA SOBRE HEARTSTOPPER

Ola rapazada!

Hoxe tivemos a primeira xuntanza coa sección de 3º e 4º da ESO do Club de Novela Gráfica, aínda que por diversas circunstancias, algúns dos seus compoñentes non puideron asistir.


Antón, Miguel, Inés e Mar comentaron a primeira novela de Alice Oseman, que xa vai polo seu quinto volume. Estes cinco volumes témolos á vosa disposición na biblioteca. 

Todos disfrutaron da lectura desta novela, da relación de parella entre Charlie e Nick.  Antón criticou que fora tan idealista e comentou que lle gustaran máis outras obras desta autora. Dani afirmou que un pouco de romanticismo nesta relación é o obxectivo da ilustradora para idealizar a situación tan sensible dos amores adolescentes, máis se son entre rapaces do mesmo sexo.


Raquel e Carlos tamén aportaron as súas opinións e compararon a nula aceptación deste tipo de relación na súa etapa escolar coa tranquilidade e a normalidade actual.

Vémonos na vindeira xuntanza!

sábado, 25 de outubro de 2025

PRIMEIRA XUNTANZA DA SECCIÓN DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapazada!

O pasado mércores, tivemos a primeira xuntanza do grupo de 1º e 2º da ESO do Club de Novela Gráfica. Atopámonos cos rapaces do curso anterior: Sara C., Sara L., Emma, Carolina, Gabriela e Lucas, aos que se sumaron os novos lectores de primeiro: Sergio, Sarah, Vega, Celia, e tamén de segundo como Némesis. 


En canto aos profes, tivemos a sorte de contar con tres novidades: Carlos, profe de Mates; Irene, de Plástica; e Belén, de Galego. 

Limos a novela ¿Y a ti qué te ha pasado? de Jenny Jordahl, obra gañadora do Brage Prize 2020 ao mellor libro infantil e xuvenil. A novela trata dos problemas dunha rapaza chamada Janne á que lle sobran algúns quilos. A súa familia quere axudala a perder peso, pero os problemas de Janne non desaparecen como os quilos. Soamente un compañeiro sabe apreciarla sinceramente, sexa fraca ou gorda. 


Esta historia convida á reflexión sobre os trastornos alimentarios, a diversidade e a amizade. O diálogo e a comprensión familiar e dos amigos é fundamental nestes casos.

Todos os rapaces falaron da súa opinión sobre a novela e, entre todos, sacaron moitas conclusións aplicables ás súas problemáticas persoais. 


Irene axudounos a reflexionar sobre o uso da cor e algúns trazos dos retratos dos personaxes.  

A todos queremos agradecer a súa participación e darlles a nosa benvida! Vémonos na vindeira sesión!

luns, 13 de outubro de 2025

O CLUB DE DEBATE ARRINCA CON FORZA

Ola rapazada!

Durante as dúas últimas semanas, o club de Debate xuntouse para practicar as súas argumentacións por cursos. Debatiron sobre o feito de levar uniforme nos centros escolares. Un rapaz defendía unha postura a favor e o outro argumentaba en contra. Lucía está tomando nota das exposicións de cada un para darlle o seu rol nos debates futuros. 


Lucía xa programou as novas reunións dos martes deste trimestre e que están resumidas neste cartel, que tamén podedes consultar nos corredores e na biblio. 

 
Parabéns polo voso esforzo e moita sorte nos vindeiros debates!