sábado, 25 de outubro de 2025

PRIMEIRA XUNTANZA DA SECCIÓN DE NOVELA GRÁFICA

Ola rapazada!

O pasado mércores, tivemos a primeira xuntanza do grupo de 1º e 2º da ESO do Club de Novela Gráfica. Atopámonos cos rapaces do curso anterior: Sara C., Sara L., Emma, Carolina, Gabriela e Lucas, aos que se sumaron os novos lectores de primeiro: Sergio, Sarah, Vega, Celia, e tamén de segundo como Némesis. 


En canto aos profes, tivemos a sorte de contar con tres novidades: Carlos, profe de Mates; Irene, de Plástica; e Belén, de Galego. 

Limos a novela ¿Y a ti qué te ha pasado? de Jenny Jordahl, obra gañadora do Brage Prize 2020 ao mellor libro infantil e xuvenil. A novela trata dos problemas dunha rapaza chamada Janne á que lle sobran algúns quilos. A súa familia quere axudala a perder peso, pero os problemas de Janne non desaparecen como os quilos. Soamente un compañeiro sabe apreciarla sinceramente, sexa fraca ou gorda. 


Esta historia convida á reflexión sobre os trastornos alimentarios, a diversidade e a amizade. O diálogo e a comprensión familiar e dos amigos é fundamental nestes casos.

Todos os rapaces falaron da súa opinión sobre a novela e, entre todos, sacaron moitas conclusións aplicables ás súas problemáticas persoais. 


Irene axudounos a reflexionar sobre o uso da cor e algúns trazos dos retratos dos personaxes.  

A todos queremos agradecer a súa participación e darlles a nosa benvida! Vémonos na vindeira sesión!

Ningún comentario:

Publicar un comentario