Boas, rapazada!
O pasado luns, 15 de decembro tivemos a segunda sesión do club de narrativa xuvenil. Para esta, o alumnado de primeiro de bacharelato leu O crepúsculo e as formigas, escrito por Xosé Luis Méndez Ferrín, un dos autores máis prolíficos da Nova Narrativa Galega, e publicado pola editorial Galaxia en 1961.
A obra componse de once relatos curtos orientados cara a un realismo cru, con personaxes baseados en prototipos reais e acontecementos que rematan cunha sorpresa final. Por tanto, a obra aproxímase ao naturalismo, ás veces, de maneira esaxerada, pois, o autor adoita recrearse na descrición do sórdido e no tratamento da morte, elemento constante por considerarse a fin lóxica e natural do proceso humano. Así, acontece, por exemplo, en "O Suso" ou en "A cabeza fendida", nos que os escenarios axudan a crear o clima de agresividade, así como un ambiente de constante escuridade. Amais, é frecuente a aparición dun narrador-protagonista, que vai adentrando á persoa lectora na historia e subindo o clímax ata finalizar o narrado.
O estudantado destacou a función catafórica da portada, na que as persoas camiñan como formigas en ringleira movidas por forzas cegas que as conducen a finais tráxicos. Alén disto, sinalou as características propias da variedade sintópica empregada na obra (bloque occidental), así como o nivel popular-vulgar e o rexistro coloquial usado polos personaxes dos relatos. Finalmente, fíxose fincapé na presenza da violencia nas relacións humanas, e da infancia perdida, características propias dos autores e das autoras da NNG, e presentes en obras, como Vento ferido (Casares, 1967).
Sen dúbida, o escrito é un referente imprescindible da literatura contemporánea e un dos títulos con que a nosa narrativa se incorporou á modernidade europea daquel momento.
Boa volta ás aulas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario