xoves, 26 de febreiro de 2026

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA NO CONCELLO

Ola, rapazada!

O pasado martes, día 24 de febreiro, o noso instituto foi convidado polo Concello de Ferrol a participar na celebración do Día de Rosalía, conmemorado o 23 de febreiro, coincidindo co 189º aniversario da nosa poeta máis internacional.

O acto institucional incluíu unha conferencia da profesora Ángeles Seoane, quen nos achegou á personalidade e á obra dunha autora que segue a sorprender pola súa modernidade. A xornada completouse coa lectura dalgúns dos seus poemas, acompañada pola música do dúo Rosas, que puxo o broche artístico ao encontro.


A intervención do alumnado abriu o recitado. Participou alumnado de 3º ESO A e B, que deu voz aos poemas I, V e XXXV de Cantares Gallegos, recitados por Lois Martínez, Mariela Vilariño e Noa Seoane e Alicia Jove, respectivamente. Continuouse con "Pelouro que roda", por Xoel Vázquez; "De balde…", por Eyden Vázquez; "Orelas do Mondego", por Sebastián Bulai; "Estranxeira na súa patria", por André García e Inés Ártico; e, por último, "Tecín soia a miña tea", por África Fernández.

A continuación, a corporación municipal e as persoas convidadas tamén recitaron fragmentos de diversos poemas da autora.


E ata aquí a nosa pequena contribución para conmemorar o Día de Rosalía e seguir dando a coñecer unha figura imprescindible da nosa literatura.

Porque Rosalía non é pasado: é voz viva, é conciencia crítica e é emoción que segue a falarnos hoxe.

xoves, 5 de febreiro de 2026

XUNTANZA CO CLUB DE NOVELA GRÁFICA

Ola, rapazada!

Onte tivemos a nosa xuntanza coa sección do tercero e cuarto da ESO do Club de Novela Gráfica. Lemos Alison de Lizzy Stewart, libro recoñecido con moitos recoñecementos según diversos medios. 

A novela retrata como Alison escapa dunha existencia anodina nun pobo costeiro, cun marido que non lle sastisfai, e mergúllase na vida artística do Londres dos anos 80. Defende o criterio das mulleres de elixir o propio rumbo.

Houbo certas discrepancias no comentario. Antón incluso se sentira identificado con Alison. A Miguel tamén lle gustou. A Inés, en cambio, pareceulle que a vida da protagonista non amosaba ningún acontecemento salientable. A Raquel non lle gustaba que a rapaza se deixara levar sempre do criterio dos demáis: o marido, as amigas, o noivo artista...


Irene comentou que lle gustara que mestura os deseños co texto, semellando ás veces a un diario persoal, e outras a un caderno de artista. A Patricia encantoulle como reflicte a vida cotiá dunha rapaza e como mostra os pequenos detalles caseiros nalgunhas páxinas.

Esperamos que gocedes coa próxima aventura!



luns, 2 de febreiro de 2026

O CLUB DE DEBATE DEBUTA NO TORNEO DE DEBATE ACADÉMICO

Boas, rapazada!

Tras meses de traballo, busca de argumentos, evidencias e refutacións, a pasada semana os nosos equipos do Club de Debate debutaron con moita ilusión no Torneo de Debate Académico de Galicia (TDAG) da Fundación Barrié, na Coruña.

Nos días previos, as comidas no anexo da biblioteca mesturáronse cos ensaios dos discursos, as postas en escena, as preguntas sorpresa, os exordios e as improvisacións.


O xoves 29 collemos rumbo á Coruña para batermos en duelo dialéctico contra equipos de gran percorrido no mundo do debate, dos que aprendemos moito, tanto no fondo como na forma.


Por unha banda, Miguel e Lucas (2.º ESO), xunto con Lois, Inés, Eyden, Anxo e Mar (3.º ESO), tiveron que discutir se os deberes eran necesarios para unha mellor aprendizaxe. Por outra, Antón, Martín e María (4.º ESO), con Yunaisi, Noa, Isabel e Hugo (1.º Bac), debateron sobre se os seres humanos somos bos por natureza ou non.

Ambos os dous temas deron lugar a razoamentos moi ben fundamentados e a intercambios de ideas que nos removeron por dentro e nos deixaron con máis dúbidas das que levabamos.


E vós, que pensades? É mellor aprender con ou sen deberes? A bondade nace connosco ou é algo aprendido? Contádenos nos comentarios!

Para rematar, queremos darlles a noraboa a todas as integrantes do club polo seu entusiasmo, a súa implicación e o seu interese pola arte de falar en público. Moitas grazas e a seguir debatendo!

Próxima parada: Parlamento Xove!