xoves, 26 de febreiro de 2026

CELEBRANDO O DÍA DE ROSALÍA NO CONCELLO

Ola, rapazada!

O pasado martes, día 24 de febreiro, o noso instituto foi convidado polo Concello de Ferrol a participar na celebración do Día de Rosalía, conmemorado o 23 de febreiro, coincidindo co 189º aniversario da nosa poeta máis internacional.

O acto institucional incluíu unha conferencia da profesora Ángeles Seoane, quen nos achegou á personalidade e á obra dunha autora que segue a sorprender pola súa modernidade. A xornada completouse coa lectura dalgúns dos seus poemas, acompañada pola música do dúo Rosas, que puxo o broche artístico ao encontro.


A intervención do alumnado abriu o recitado. Participou alumnado de 3º ESO A e B, que deu voz aos poemas I, V e XXXV de Cantares Gallegos, recitados por Lois Martínez, Mariela Vilariño e Noa Seoane e Alicia Jove, respectivamente. Continuouse con "Pelouro que roda", por Xoel Vázquez; "De balde…", por Eyden Vázquez; "Orelas do Mondego", por Sebastián Bulai; "Estranxeira na súa patria", por André García e Inés Ártico; e, por último, "Tecín soia a miña tea", por África Fernández.

A continuación, a corporación municipal e as persoas convidadas tamén recitaron fragmentos de diversos poemas da autora.


E ata aquí a nosa pequena contribución para conmemorar o Día de Rosalía e seguir dando a coñecer unha figura imprescindible da nosa literatura.

Porque Rosalía non é pasado: é voz viva, é conciencia crítica e é emoción que segue a falarnos hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario