martes, 17 de marzo de 2026

OBRADOIRO DE REGUEIFAS NA NOSA BIBLIO

Ola, rapazada!

O pasado xoves 12 de marzo realizamos no centro un obradoiro de regueifa co alumnado de primeiro da ESO da man de Lupe Blanco, unha das voces imprescindibles na expansión actual desta arte tan nosa.

Como sabedes, unha regueifa é un desafío oral improvisado en verso cunha orixe que, debido ao dito carácter oral, se perde na noite dos tempos. Secasí, o nome desta tradición procede do bolo de pan, que se agasallaba nas vodas campesiñas, no canto da típica torta nupcial de cinco pisos. Deste xeito, a forma de comprobar quen das persoas convidadas ao banquete repartía tal molete decidíase seleccionando aquela que fixese gala do maior enxeño ou retranca ao retarse dialecticamente. 


Neste caso, non había ningún doce alén da voz de Lupe Blanco, quen comezou a regueifa, amosando a súa mordacidade. Con esa primeira intervención, meteu ao alumnado no peto. Despois disto, achegou a mecánica para elaborar as composicións, a saber: cuartetas octosilábicas de rima ben asonante ben consonante cunha distribución 8- 8a 8- 8a, normalmente, e a capela. A continuación, foi a quenda do estudantado, o cal, por equipos, tivo que compor un par de estrofas. Finalmente, cada grupo interpretou cadansúas obras e Lupe deu a despedida cantando, como non podía ser doutra maneira. 


Agardamos que o obradoiro fose do agrado de todas e todos vós, e que vos animedes a participar o vindeiro curso, de ser o caso, co adaxo de seguir conservando as nosas tradicións!

Ningún comentario:

Publicar un comentario