mércores, 23 de xaneiro de 2013

As transformacións na literatura:


Ola, poetas:

Na última sesión do Club de Lectura estivemos comentando a novela Dragal. Esta novela trata da transformación dun rapaz, un adolescente de 16 anos, nun dragón. Coa lectura da novela viñeron á miña mente moitos libros que tratan as metamorfoses, que vén sendo o nome grego da palabra "transformacións". Transformarse no  "outro" é algo máis ou menos común na literatura xa que permite a exploración de temas complexos da identidade.

 Aquí están algunhas das transformacións máis memorables da literatura:

1.- A Odisea, de Homero (Canto X): Tras escapar da illa dos lestrigóns, xigantes antropófagos que matan e comen á tripulación de once barcos, Odiseo (Ulises) e os seus homes foxen á illa Eea, onde algúns homes foron enfeitizados por Circe, filla do Sol, que  os convertiu en porcos. Axudado por unhas herbas máxicas dadas por Hermes, Odiseo logra opoñerse a Circe e libera aos sus compañeiros. Ao cumprirse un ano, Odiseo pídelle a Circe que o deixe partir e o axude a chegar á sua patria. Ao que Circe responde que primeiro debe ir á morada de Hades para consultar a alma de Tiresias, adiviño cego.

2.- As metamorfoses, de Ovidio (Libro VI): Aracne (en griego antiguo ἀράχνη, ‘araña’) foi unha gran texedora que alardeou de ser máis habilidosa que a divina Minerva, equivalente romana de Palas Atenea, deusa da artesanía. Minerva, ofendida, entrou en competición con Aracne, pero, segundo conta Ovidio, no puido superala. Ademais, o tema elexido por Aracne, os amores dos deuses, foi ofensivo, e Minerva transformouna nunha araña

3.- O asno de ouro, de Apuleio: é unha asombrosa novela que narra as vicisitudes do xoven Lucio, transformado en asno polas súas afeccións máxicas. A importancia do texto de Lucio Apuleio atópase en dous niveis: a viaxe do encontro consigo mesmo, purificando ao ser humano que hai no interior do asno;  e a crítica mordaz e pícara que o escritor  realiza sobre a sociedade usando de pretexto esta inocente viaxe dun burriño


4.- "O conto do lobo" do Satiricón, de Petronio (cap. XLII): Esta é, que eu saiba, a máis antiga manifestación literaria coñecida en Europa do arquetipo do licántropo, do home lobo, do ser humano transformado en bestia . O interesante é que ten estructura de conto perfecto. 

5.- Divina comedia, de Dante Alighieri (canto XXV): No oitavo círculo do Inferno, Dante e Virxilio transitan pola sétima fosa do Inferno. Alí penan os ladróns sumerxidos  nun inmenso niño de víboras sufrindo horribles metamorfoses e fusións con serpes.

6.- A metamorfose, de Kafka. Trátase dunha novela que relata a vida dun ser humano convertido nun insecto e como esa transformación cambia os seus costumes e as suas relacións co resto da súa familia. Este individuo chámase Gregorio Samsa e vive nunha casa cos seus pais e a súa irmá. 

7.- O soño dunha noite de verán, de William Shakespeare: Durante a boda de Teseo e Hipólita ten lugar unha obra chea de fantasía, soños, amor e maxia que entremezclan as historias de amor de dúas parellas nobres, duns cómicos despreocupados e dun grupo de membros do mundo das fadas. A transformación de Bottom nun burro provén da obra O Asno de Oro de Apuleio que comentamos antes.

8.- O retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde. Conta a historia dun xove, Dorian Grey para quen "o único que vale a pena na vida é a beleza, e a satisfacción dos sentidos". Dorian desexa ser sempre xove. O seu desexo cúmprese, mentras el se mantén coma un  mozo, la figura retratada nun cadro envellece por el. 

9.- Alicia, de Lewis Carroll: Unha nena persegue un coello e cae por un burato. Alí comezan as súas aventuras que todos coñecemos tras beber un líquido que a fai cambiar de tamaño.

10.- O extraño caso do Dr. Jekyll e Mr. Hyde, de R. L. Stevenson. É unha  alegoría moral en forma de historia de misterio. Os dous extremos, o ben e o mal, están convivindo nunha soa persoa, o médico Henry Jekyll, que inventa unha poción capaz de transformalo,
ao comezo, pola súa propia decisión e, despois, incontroladamente, no monstro temible Míster Hyde.


E se me permitides a "boutade" (broma tonta): Os Simpsons - episodio: A Illa do Dr. Hibbert.

Espero que estes comentarios vos animen a ler algunha das obras que aparecen neles. O que máis me gusta dos libros é que me levan a outros libros e me ensinan que hai mil formas de expresar os sentimentos humanos. 


Que teñades un bo día, poetas.

1 comentario:

  1. Desde o meu recanto da biblioteca, soamente podo dicir que encantoume este decálogo de lecturas, que ao fío do Dragal, propoñe Daniel. Libros e máis libros, que máis se pode pedir?

    ResponderEliminar