luns, 4 de novembro de 2013

OPINIÓN por Andrea Yáñez López

E ti que dis?
Un libro son máis que letras, máis que palabras. Cada libro ten máis historia da que por si mesmo narra. Pódeste acordar de alguén especial ao ver aquel libro que esa persoa che regalara ou che recomendara. Pódeste acordar daquel lugar que tanto che gustara onde compraches ese libro que tes no terceiro andel á dereita de todo. Podes disfrutar abrindo ese libro que volverías ler outras mil veces aínda que só sexa para sentir o pasar rápido das páxinas mentres recordas a súa historia. Que che preste o teu pai ese libro que tanto lle gustara de pequeno e que o seu olor che diga que leva vinte anos calado, e que morre de ganas de contar unha vez máis o que conteñen as súas páxinas. Un libro pode chegar a ser moi importante para algunhas persoas, credes que un e-book podería substituílo? É verdade que o e-book ten infinitas vantaxes: este pequeno obxecto pode levar no seu interior un libro ou unha biblioteca enteira, pero sempre vai pesar os mesmos 170 gramos. Un e-reader permite descargar un libro no momento sen que teñas que molestarte en comprobar en que tenda o venden. Permite axustar o tamaño da letra. Podes encontrar información de maneira rápida para aclarar as túas dúbidas. Un libro descargado é un 30% ou 50% máis barato que unha edición de peto. Un e-book é un libro electrónico que che permite transportar os libros que queiras aos lugares que queiras, cómodo de ler, con acceso a información, que reduce o consumo de papel e tinta. Cómodo, informativo e medianamente ecolóxico. Pero que esta máquina elimine ao libro, iso aínda está por ver. Isto depende de nós. Depende da moita ou pouca importancia que lle poidamos dar ao feito de ser propietarios dun libro, coas súas follas, a súa tinta, as súas historias, as súas imaxes e os recordos que un mesmo poida compartir con el. Poderán substituír as novas tecnoloxías a este tan prezado obxecto nun futuro?

Andrea Yáñez

 Andrea foi alumna do Sofía ata o ano pasado. Actualmente cursa 1º de Física na USC.

1 comentario: