luns, 30 de marzo de 2015

ÁRBORES NO SOFÍA

O día da árbore... Tanto como lle debemos ás árbores, que sería de nós sen elas? No IES Sofía Casanova podedes visitar estes días distintos tipos de árbores vistos desde diferentes disciplinas. Hoxe queremos achegarvos a contribución da Biblioteca a esta conmemoración.

Árbores e bibliotecas. Había tantas posibilidades... Que os libros son de papel, que o papel vén das árbores, que hai itinerarios lectores sobre árbores... E "ler ciencia", porque aí estamos. Foi doado, tanto como relacionar árbore-ciencia, "Árbore da ciencia". E entre as posibilidades escollemos a Árbore da ciencia de Ramón Llull (carteis exposición). Por que, diredes? Por moitos motivos. Algúns:

  • Ramón Llull viviu no século XIII e principios do XIV. Época medieval, a época dos códices. Recordades? Non? Pois mirade este enlace (elaboración dun códice medieval). E ten certo "parecido razoable" con Guillermo de Baskerville, personaxe de... Seguides sen recordar? Outro enlace... Na Biblioteca do Sofía "toleamos" polos códices. Serviron -hai xa dous anos- para rotular a biblioteca con imaxes tiradas dos códices das Cantigas de Santa María (idea dunhas alumnas que están hoxe en 3º ESO). Fixemos -e seguimos a facer- o proxecto "Evolución dos soportes lectores: dos códices á imprenta e da imprenta á era dixital", proxecto que deu pé a varias viaxes culturais: estivemos no arquivo da Catedral de Santiago vendo os códices de cerca (demasiado de cerca, se cadra); e en Oseira; e fomos ver a exposición do gravado no Gaiás... E seguimos traballando, porque a próxima viaxe ao mundo medieval irá polo camiño "De Lago a Santiago" (en elaboración).

  • Ramón Llull concretou na Árbore da ciencia unha clasificación das ciencias en 16 árbores que resulta, a día de hoxe, máis que interesante. Cada unha das 16 árbores de Llull representa unha ciencia (Física, Botánica, Bioloxía, Artes, Antropoloxía, Ética, Política, Astroloxía, Lóxica… ata 16). Vid. imaxe que segue (base: ilustración de 1505; a Árbore da ciencia orixinal é anterior, data de fins XIII-principios XIV).


     

  • E escribía en catalán (tamén en árabe e latín); un sabio mallorquín ligado á corte de Aragón e Mallorca (formado na corte de Xaime I de Aragón, o Conquistador, e protexido do seu fillo Xaime II de Mallorca), contemporáneo de Afonso X o Sabio de Castela (Afonso X estaba casado con Violante de Aragón, filla de Xaime I e irmá de Xaime II), que serve para dar unha imaxe clara do que era o panorama lingüístico na Península Ibérica durante a Idade Media

        Enlace aos carteis da exposición.

Por certo. parece que todo coincide, desde a árbore de Llull saíron distintos itinerarios que conflúen no Camiño de Santiago. E ademais, "cumpren anos"...
  • VII centenario da morte de Llull (morreu no 1315). Peregrinación de Llull a Santiago: na imaxe, Llull ante o apóstolo tal como o ve o seu discípulo Thomas Le Myésier en Breviculum, 1321, Badische Landesbibliothek, IBIS. Vid. nota ao pé. Por certo, Llull, era franciscano e...
  • VIII centenario da peregrinación de Francisco de Asís a Santiago: Exposición San Francisco no Camiño de Santiago: Occidente, o Islam e Terra Santa no tempo de Francisco de Asís, presenza das ordes mendicantes no Camiño de Santiago, cadros do Greco e Zurbarán, esculturas de Salzillo, Xosé Ferreiro e Salvador Carmona, pezas medievais de época de Francisco de Asís procedentes de Inglaterra, Francia, Italia, Terra Santa, Al Andalus e Galicia. Dous peregrinos medievais ilustres entre tantos que percorreron o camiño, pero... Como empezou todo?
  • Exposición: "Camiño. A orixe", na Cidade da Cultura. Desde o punto de partida (ano 820, o eremita Paio acha a tumba e interveñen o bispo Teodomiro e o rei Alfonso II o Casto) ata chegar ao que logo sería Compostela e o fenómeno da peregrinación. Exposición con obras de Durero e Murillo, entre outros.

Pois ben. Nós xa tiñamos previsto facer o camiño desde o Sofía cos trobadores medievais (mirade o site en elaboración "De Lago a Santiago") e percorrer as rúas e espazos da cidade ligados a estes poetas (vid mapa no site). Pero agora, con máis motivo: ademais do roteiro dos trobadores, que nos transportará aos séculos XII, XIII e principios do XIV, temos esas dúas exposicións (a orixe do Camiño (séc. IX) e o Camiño en tempo de Francisco de Asís (séc. XII-XIII) que hai que ver necesariamente. 



Imaxe
Nota.- Ramón Llull foi tamén poeta cortesán, prosista, filósofo, divulgador científico, alquimista, teólogo, eremita, frade franciscano, misioneiro, místico, cruzado, profesor na Universidade de París, viaxeiro incansable... Seguides sen ver -cando menos nalgúns aspectos- "parecidos razoables"? 


1 comentario:

  1. Bravo, Ana! Como trasno dun bosque cheo de follas de papel, súmome a celebración do Día da Árbore,

    ResponderEliminar