mércores, 30 de xaneiro de 2019

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ CANTANDO AOS MAIORES

Ola rapaces! 
O de onte foi un deses días inesquecibles que de vez en cando acontecen. Fomos ver aos maiores para celebrar o Día Internacional da Paz, que é precisamente hoxe. Recitamos dous poemas. A muralla de Nicolás Guillén e Irmáus de Celso Emilio Ferreiro que din:


Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.

Si é túa a miña noite,

si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,

e tí negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.

Por enriba de tódalas fronteiras,

por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.

Común temos a patria,

común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.

Longa noite de pedra 1962

Tamén lles deixamos o noso simbólico muro, no que precisamente as palabras de Celso Emilio oradan un oco de esperanza.

Pero o prato forte chegou despois: o noso coro. Ben dirixido por Almudena (a quen agradecemos que viñera con toda a familia) e Daniel, axudados por Alberto, o coro do IES Sofía Casanova, que cada vez medra máis en cantidade e calidade, interpretou catro temas. Entre outros Matriarcas de Guadi Galego, Mad World, unha versión de Believer realizada por Lucía Toval e Lucía Hermida. O piano, o violonchelo, a guitarra eléctrica trasladáronse a Domus Vi sen ningún problema. Particularmente, a min encantoume a última canción que non oíra noutras das súas actuacións. Unha de orixe africana que acompañaron con bailes.
Todo gustou moito aos maiores, e houbo quen se emocionou e ata botou algunha bágoa.

Dende a biblioteca queremos darvos as grazas a todos poque coma sempre, SODES XENIAIS.

Por certo, tamén saímos na prensa.

Vémonos.

1 comentario:

  1. Sodes simplemente INMENSOS, INDELEBLES e uns cantos IN/M máis... Mil grazas por abrir no muro unha porta máxica de compromiso social. Exportable, non si?

    ResponderEliminar