Ola, rapazada!
O pasado xoves 30 de outubro realizamos unhas lecturas compartidas por mor do Samaín.
Como sabedes, esta festividade de orixe celta é unha celebración liminar, é dicir, nela a fronteira que separa o noso mundo do dos espíritos dilúese. Ou iso crían os nosos antepasados. Debido a isto, estes ofrecían comida e bebida para que a xente e o seu gando sobrevivisen ao frío inverno.
Porén, nós preferimos conmemoralo mediante a lectura de dous relatos de terror: Sobre a morte de Bieito [en Dos arquivos do trasno (Dieste, 1926)] e Antón de Cidrán [ Á lus do candil (Fole, 1953). No primeiro, nárrase a historia dun home que transporta un cadaleito e sente que o morto se move dentro del. Ante esta situación, a súa decisión é permanecer en silencio, malia dubidar se foi unha ilusión ou se realmente ía vivo. No segundo, Antón e o seu compadre van ás festas do San Froilán, en Lugo, e, ao volver á casa por un atallo, Antón ve ao lonxe un enterro. Ao día seguinte, morre dun accidente, polo que se cumpre a crenza de que quen presencia o seu propio enterro en vida, ten próxima a morte.
Para darlle voz a estas dúas narracións, contamos co alumnado de cuarto da ESO (Lucía, María, Myriam, Antón, Laura, Andrea, Nis, Lara, Carmen e Sara), que leu en dúas quendas ambos os dous relatos ao estudantado de primeiro. Alén disto, as sesións pecháronse cun pequeno fragmento de Xabier P. Docampo, titulado "Eu teño medo" e recollido na súa obra Cando petan na porta pola noite (1994).
Agardamos que fose do agrado de todas e todos, e que vos animedes a participar o vindeiro ano co gallo de seguir conservando este tradicional festexo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario