Ola rapazada!
O pasado luns 10 de novembro tivemos a xuntanza do club de narrativa xuvenil co alumnado de cuarto de ESO e primeiro de bacharelato no segundo recreo. Durante a dita sesión, comentamos o libro Cartas de inverno (1995) de Agustín Fernández Paz.
Esta obra narra a historia do escritor Xabier Louzao, quen, despois dunha longa estadía en Quebec, volve a Galicia e se atopa coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Porén, alí, na vella vivenda colonial, os dous amigos teñen que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.
O alumnado asistente destacou como o autor se apoia nas ilustracións de Antonio Seijas á hora de contar os feitos, así como a temática de terror, referida ás casas antigas encantadas e aos seres estraños, ao máis puro estilo Edgar Allan Poe ou H.P. Lovecraft, quen é mencionado na propia obra, por certo.
Sen dúbida, unha novela máis que recomendable, se che gusta o suspense, que as túas pulsacións suban e chorrear adrenalina. Goza da súa lectura e pasa un anaco arrepiante!
Vémonos na vindeira xuntanza, na que parolaremos sobre a obra O crepúsculo e as formigas (1961) de Xosé Luis Méndez Ferrín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario