mércores, 30 de xaneiro de 2019

CELEBRANDO O DÍA DA PAZ CANTANDO AOS MAIORES

Ola rapaces! 
O de onte foi un deses días inesquecibles que de vez en cando acontecen. Fomos ver aos maiores para celebrar o Día Internacional da Paz, que é precisamente hoxe. Recitamos dous poemas. A muralla de Nicolás Guillén e Irmáus de Celso Emilio Ferreiro que din:


Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.

Si é túa a miña noite,

si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,

e tí negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.

Por enriba de tódalas fronteiras,

por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.

Común temos a patria,

común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.

Longa noite de pedra 1962

Tamén lles deixamos o noso simbólico muro, no que precisamente as palabras de Celso Emilio oradan un oco de esperanza.

Pero o prato forte chegou despois: o noso coro. Ben dirixido por Almudena (a quen agradecemos que viñera con toda a familia) e Daniel, axudados por Alberto, o coro do IES Sofía Casanova, que cada vez medra máis en cantidade e calidade, interpretou catro temas. Entre outros Matriarcas de Guadi Galego, Mad World, unha versión de Believer realizada por Lucía Toval e Lucía Hermida. O piano, o violonchelo, a guitarra eléctrica trasladáronse a Domus Vi sen ningún problema. Particularmente, a min encantoume a última canción que non oíra noutras das súas actuacións. Unha de orixe africana que acompañaron con bailes.
Todo gustou moito aos maiores, e houbo quen se emocionou e ata botou algunha bágoa.

Dende a biblioteca queremos darvos as grazas a todos poque coma sempre, SODES XENIAIS.

Por certo, tamén saímos na prensa.

Vémonos.

xoves, 24 de xaneiro de 2019

VOLUNTARIADO DÍA DA PAZ

Ola rapaces!
Polo de agora soamente quero aproveitar está ventá para convocar a todos os nosos voluntarios a unha próxima visita ao xeriatro. Os datos concretos témolos no cartel de abaixo.

O motivo da mesma será a conmemoración do Día Internacional da Paz.
Esperámosvos a todos!

martes, 15 de xaneiro de 2019

NOVA XUNTANZA DOS NOSOS CLUBS

Ola rapaces!
Hoxe, como todos os segundos martes de mes, tivemos xuntanza dos Clubs. O club de Manga vai xenial pero o outro... ¡mi madriña! Hoxe eramos seis máis Emilio e Pilar. Rapaces que está a suceder? Non fomos nós os pioneiros de todo?
Para a vindeira sesión faremos o regaliño do amigo invisible que ten que ser un libro que teñamos pola casa. E comprometémonos a traer, cada un, un invitado ao club. A ver se mellora a cousa...



E iso que a novela de hoxe non podía ser más apaixoante, A princesa prometida do recentemente falecido William Goldman, toda unha marabilla cun fino sentido do humor e unha divertida parodia dos contos de fadas. 
E iso que, ademais, a presentación feita por Sabela Deibe, que pronto colgaremos aquí, foi moi completa e interesante. E fíxoo moi ben, con soltura e graza. Noraboa, Sabela!

E iso que os bocatas estaban ben ricos.
E iso que ata os de Manga amenizaron a velada coas súas cancións xaponesas.
E iso que nos visitou o gran Efrén.
...



Pois iso, que non nos faltedes, rapaces. Esperámosvos a todos o 12 de febreiro con todo un pedazo de clásico da novela romántica... Donas e cabaleiros, quiten o sombreiro, que chega (redobre de tambores)...
Orgullo e prexuízo de Jane Austen.
Dito queda.


venres, 21 de decembro de 2018

A NOSA FELICITACIÓN DE NADAL

Ola rapaces!

Xa cerca do Nadal, queremos celebrar con todos vós esta festa universal. E facémolo coa imaxe da nosa árbore de margaritas. 
Noutras entradas xa falamos do simbolismo destas flores, vencellado ao Día de loita contra a Violencia de Xénero. Quixemos aproveitar o esforzo de tantos de vós deseñando margaritas, escribindo as vosas mensaxes nelas, en catro idiomas. E desgraciadamente aínda hoxe temos que seguir lamentando máis mortes, máis perdas  insubstituíbles.
Por iso cobra máís valor o noso posicionamento e as nosas flores. En realidade, esta árbore é simbólica, non é só unha árbore para a reflexión e  a denuncia, senón tamén para a esperanza. Como di Ana Seco, a nosa vicedirectora. Por esa razón, seguimos plantándonos contra a violencia. Para que non teñamos que dicir, como premonitoriamente vislumbrou Federico García Lorca:






Cuando se hundieron las formas puras bajo el cri cri de las margaritas, comprendí que me habían asesinado.




BO NADAL!







xoves, 20 de decembro de 2018

CELEBRANDO O NADAL COS NOSOS MAIORES

Ola rapaces!
Hoxe tivemos unha nova sesión de voluntariado na que procuramos levar algo de ledicia aos nosos amigos do veciño xeriátrico.
Logo de preparar os textos e as manualidades, fomos visitar aos maiores. Coma sempre, Cinthia exerceu de estupenda presentadora. E logo un grupo de lectoras (María, Sara, Sabela, Irene, Esperanza e Carla) puxeron as súas voces no conto de A Vendora de Fósforos de Hans Christian Andersen, conto triste pero típicamente navideño. 
A continuación, o noso Papa Noel particular (Diego) repartiu agasaios e agarimos. 
Para rematar, o resto do equipo (éramos tantos que non poido citar a todos) entregamos as estrelas feitas por nós en forma de veliñas que querían representar o conto da cerilleira.
Aínda que foi un ratiño moi pequeno o que puidemos estar cos maiores, pagou a pena por ver os seus sorrisos. 
Agradecemos a todos que dedicárades o voso ocupado tempo neste labor. Sodes únicos!

Bo Nadal!  

Vémonos en xaneiro.

martes, 11 de decembro de 2018

NOVA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA

Ola rapaces!
Hoxe tivemos a segunda xuntanza do noso Club de Romántica. Comemos, como vén sendo habitual, cos compañeiros do Club de Manga e ata tivemos a visita de Adrián, un rapaz do IES Concepción Arenal.



Como estamos en plenos exames, a asistencia non foi todo o completa que desexamos, pero o comprendemos. Aínda así, xuntámonos un bo grupiño e decidimos facer unha primeira presentación conxunta dos dous clubs. 



Pola súa parte, María del Pilar falounos da novela romántica de John Green, Buscando a Alaska e púxonos un interesante booktrailer sobre a mesma.



A continuación, Iago Grandal tratou do Manga: Your Name, recomendado outras veces neste blog. Parecéunos moi interesante o feito de que a película precedese ao cómic. Verdadeiramente, trátase dunha obra mestra do anime.
Logo, separámonos os dous grupos e os do Club Xuvenil aproveitamos para facer traballos de voluntariado interno e para dar un repasiño aos exames.
Sorte a todos!
E ánimo coa vindeira lectura, A princesa prometida.

martes, 27 de novembro de 2018

LECTURAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Ola rapaces!
Seguindo coa  nosa entrada anterior, na semana de loita contra a violencia de xénero, agora dende o equipo de biblioteca queremos recomendarvos algunhas lecturas que axuden a reflexionar sobre as consecuencias devastadoras desta lacra.



Aquí a tedes, podédela atopar na mesa onde plantamos as nosas margaritas cos vosos nomes:


  • Machismos: de micro nada.
  • Covardes de María Xosé Porteiro.
  • Persépole de Marjane Satrapi.
  • El diario azul de Carlota de Gemma Lienas.
  • Libro do mal amor. Haikus contra a violencia de xénero.
  • O que sei do silencio de Andrea Maceiras.
  • As horas roubadas de María Solar.
  • Valerosas de Pénélope Bagieu.
  • A Silent Voice de Yoshitoki Oima.
  • Shino no es capaz de decir su propio nombre de Shuzo Oshimi.
  • Pioneiras. Galegas que abriron camiño de Anair Rodríguez.
  • Desgracia de J.M. Coetzee.
  • El color púrpura de Alice Walker.


Boas lecturas para todos!





domingo, 25 de novembro de 2018

25-N. DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Ola rapaces!
Seguro que vos tedes preguntado sobre a estación na que estamos. Como é posible que a punto de rematar novembro e entrar no inverno, florezan tantas margaritas en todos os recunchos do noso instituto?
A resposta atopámola precisamente na data de hoxe, 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. 
Aínda que durante a próxima semana abundaremos sobre as nosas actividades e a floración "margaritil" que nos invade, non queriamos deixar pasar a data precisa para lembrar que somos moitos os que nos plantamos frente a esta sangrante lacra que deixa demasiados mortos: mulleres, nenos, homes, encima da mesa, víctimas con nome e apelidos, cunha vida truncada, máis efímera ca das propias margaritas, persoas que non son meras estatísticas.
Atentos pois ao noso blog onde propoñeremos textos dende a biblioteca que nos axudan a reflexionar sobre este duro asunto, seguindo a estela que mediante o proxecto de diversidade do curso pasado xa traballáramos.
Tamén aproveito para informar que a xuntanza de voluntariado do vindeiro martes, queda aprazada ata novo aviso.
Bo domingo e ata pronto. 

xoves, 22 de novembro de 2018

MES DA CIENCIA EN GALEGO


Ola rapaces!
Este mes de novembro adicado á Ciencia en Galego está a ser moi prolífico en actividades no noso instituto. O alumnado de Bacharelato repartiuse esta semana para asistir a dúas interesantes actividades:


 Desde os departamentos de Filosofía (materia Psicoloxía) e de Ciencias Naturais, programouse a asistencia dun grupo de 2º de BAC á conferencia do científico e divulgador Xurxo Mariño, “A música de mente” que tivo lugar o día 20 no Pazo da Cultura de Narón. Se queredes saber algo máis do tema podedes consultar na biblioteca do centro "Neurociencia para Julia".  Tamén tedes máis información na web do instituto.







Por outra banda, outra parte do alumnado de 2º de BAC viaxou a Santiago de Compostela para asistir a un acto institucional co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. Dito acto contou ademais co relatorio do noso catedrático de Matemáticas Luis Puig Mosquera sobre "As simetrías do Pórtico da Gloria”. Esta actuación enmárcase dentro das actividades do Mes da Ciencia en Galego promovidas polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega coa finalidade de visibilizar a utilidade da lingua galega como instrumento de pescuda e de divulgación científica. 
Este 2018 foi declarado Ano Europeo do Patrimonio Cultural, e se buscou poñer de relevo a cultura científica e a cultura galega como patrimonio cultural europeo. En consonancia con isto, os científicos destacados foron Arquímedes, e o mestre Mateo, arquitecto do Pórtico da Gloria, tal como informa o blog do equipo de dinamización. 
Deixovos outros medios onde atoparedes máis infomación: Portal da Lingua Galega. Portal da Cultura Galega.La Voz de Galicia.



Para rematar aquí podedes atopar libros sobre Ciencia en Galego para traballar, informarvos ou para o voso tempo de lecer.


mércores, 14 de novembro de 2018

CUMBRES BORRASCOSAS

Ola rapaces!
Onte foi a primeira xuntanza do Club de Novela Romántica. Coincidimos na comida cos rapaces do Club Manga que logo marcharon á aula de informática a ter a súa reunión, da que dará conta a correspondente entrada no blog de Manga.



Nós quedámonos con Emilio e case en familia, pois faltaron Daniela e Sara que están nas xornadas de inmersión de inglés. Pero esa intimidade foi propicia para invocar a fantasma de Cathy e falar da súa descomunal paixón por Heathcliff.
Pilar fixo unha presentación, que colgamos aquí, que tiña dúas partes:
  • Un percorrido pola vida e obra desta familia tan peculiar, os Brontë, que deu tantas artistas.
  • Unha análise da novela de Emily Brontë: Cumbres borrascosas, parándonos tamén nas súas versión cinematográficas e musicais.

Non houbo demasiado debate e quedamos emprazados para a seguinte novela de John Green, que non vai ser a que inicialmente falamos de Bajo la misma estrella sino Buscando a Alaska.



Non me esquezo de contar que Vily falounos da preparación da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, día 25 de novembro. Consiste no deseño dunhas margaritas que decorarán todo o centro coa mensaxe de "Plantate fronte a violencia". Seguiremos informando máis adiante desta actividade.



Vídeo da presentación feita por Pilar Berrio, a profesora de Literatura Española.



                                   Tamén nos deixou actividades de lectura.

martes, 6 de novembro de 2018

10 RELATOS DE MEDO, ESPÍRITUS E TERROR

Ola rapaces!
Aproveitando o Samaín que a iniciativa do Equipo de Dinamización Lingüística do centro estamos a celebrar co concurso de cabazas e un magosto, a biblioteca propón unha selección de dez relatos (tamén hai teatro) de medo, espíritus e terror. 



Acompañan a tenebrosa decoración (obra de Vily e Antía, como non) que temos no corredor central. Así que entre caveiras, teas de araña e espigas podedes atopar suxestións coma:




  • Frankenstein de Mary Shelley.
  • Drácula de Bram Stoker.
  • Contos de Edgar Allan Poe.
  • Leyendas de Gustavo Adolfo Bécquer.
  • Don Juan Tenorio de José Zorrilla.
  • A chamada de Cthulhu de Lovecraft.
  • Os vellos non deben namorarse de Castelao.
  • El resplandor de Stephen King.
  • La casa de los espíritus de Isabel Allende.
  • Os barbanzóns. A noite de Samaín de Pepe Carreiro.


Na biblioteca temos moitos máis.



Horripilantes e terroríficas lecturas que desexamos vos deixen sen alento e cheos de pesadelos!



mércores, 31 de outubro de 2018

SAMAÍN CELTA



Ola rapaces!

Hoxe 31 de outubro festa do Samaín, os alumnos de 1º da ESO na nosa biblioteca fixeron presentacións e actividades relacionadas coa festa celta. Con tal motivo algúns viñeron vestidos facendo alusión ó culto aos mortos que era a finalidade desta celebración. Seguiremos informando sobre o concurso de decoración de cabazas e espigas que se vai celebrar na próxima semana no instituto.

  

xoves, 25 de outubro de 2018

SEIS POEMAS GALEGOS DE LORCA

Ola rapaces!
Como sabedes, celebramos o Día Mundial das Bibliotecas do pasado 24 de outubro da man dun dos maiores xenios das nosas letras, Federico García Lorca. Decoramos o centro coas súas palabras tomadas do discurso de inauguración da biblioteca pública de Fuentevaqueros, o seu pobo natal. 
Alguén comentounos que poderíamos aproveitar para difundir os seis poemas galegos que, coa colaboración do ferrolán Eduardo Guerra da Cal, amigo do poeta granadino, éste escribió logo da súa viaxe por terras galegas co teatro universitario A barraca.
Así que  non quixemos desaproveitar a ocasión e fixemos un montaxe cos poemas e algúns debuxos. Estes xa decoran as nosas paredes. E se vos pregontades por que están alí e a que conto ven, pois a resposta é moi sinxela. Porque nos petou.

Bicos.

mércores, 24 de outubro de 2018

DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS. VOLUNTARIADO

Hoxe, 24 de outubro, celébrase en todo o mundo o Día Internacional das Bibliotecas. Teredes visto, rapaces, por todo o instituto os carteis que fixemos para conmemorar esta data. Son fragmentos do discurso de Federico García Lorca na inauguración da biblioteca do seu pobo natal, Fuentevaqueros (Granada). Tedes que lelo con calma, son moi fermosas as súas palabras.

Ademais, o grupo de voluntariado da biblioteca tivo a idea de celebrar esta data coa primeira visita desta tempada ao xeriátrico. Así que hoxe quedamos a xantar xuntos despois das clases, preparamos un cartel conmemorativo, ensaiamos os textos e recortamos corazóns para logo facer a actividade cos anciáns. Agradecemos a Victoria que nos botara unha man e damos a benvida a todos os novos participantes no noso voluntariado.

Os maiores recibíronos con moita ledicia, coma sempre. Logo de explicar un pouco en que consistía a celebración, lemos fragmentos do discurso de Lorca e puxémoslles a cada un unun coraz co seu nome. Vily agasallounos cun fermoso libro-floreiro, feito con esas mans que Deus lle deu. Rematamos cunha lectura de frases literarias célebres.

Esperamos que o disfrutárades, confiamos en que os que non puideron vir por mor das súas moitas ocupacións poidan facelo máis adiante. Agradecemos a todos a vosa colaboración. José Luis ten paciencia cos teus actores, intentaremos non poñer máis visitas coincidendo cos ensaios.

E para todos, FELIZ DÍA DAS BIBLIOTECAS!


mércores, 10 de outubro de 2018

O CLUB DE ROMÁNTICA INICIA A SÚA ANDAINA

Ola rapaces!
O pasado martes comezamos unha nova tempada do noso Club de Lectura xuvenil que xa vai polo seu noveno curso. Como pasa o tempo!
Non quero poñerme sentimental, mais o caso é que este curso si que imos poñernos un pouquiño romanticóns porque convencéronme as Danielas and Company para adicar o noso itinerario lector precisamente á novela romántica. Pero que quede ben clariño dende o principio. Imos ler boas novelas, non cursilerías, eh?
Así que, efectivamente, coa incorporación de algúns pequenos como Toni, Miguel ou Santi, e de grandes como Manuela, iniciamos o club de romántica. Imos ir tamén viaxando no tempo, así que alternaremos textos máis moderniños con auténticos clásicos do xénero.

Polo de pronto tedes que prepararvos para ter grandes emocións con Cumbres borrascosas de Emily Brontë. 



Sei que a proposta foi moi ben recibida e pronto quedaron repartidas as moderacións das sesións.
Así que a ler. Vémonos o vindeiro mes. Estade atentos as novas adquisicións.