mércores, 15 de maio de 2013

A NOSA NOVA XUNTANZA DO CLUB DE LECTURA

Ola rapaces!

Moitas cousiñas na miña casa. Imos por partes.
Onte tivemos a sexta xuntanza do noso Club sobre o cómic Engurras do valencián Paco Roca. Botamos en falta a algúns dos nosos membros máis participativos como Mariana, Bea, Silvia, Dani, Laura, Christian..., pero outras obrigas impedíronlles acompañarnos. Esperámosvos a vindeira xornada.

Miriam e Antía de 2º B axudáronnos coa súa presentación a achegarnos a esta historia sobre o alhzéimer e outras enfermidades dexenerativas. A pesares da dureza do tema, o autor trátao con fino humor e sensibilidade. No posterior debate plasmouse a especial inquedanza que, tras a lectura deste libro de banda deseñada, temos fronte as dificultades da vida cotiá de tantos maiores que nos rodean.
Na xornada de onte tiveron especial presenza os tráilers que sobre a película Engurras proxectamos e que nos deixaron con moitas ganas de mirala. Coido que poidamos mercala para a nosa biblioteca.

Tamén tivo moita acollida o repaso de novidades sobre cómic que nos presentou o auténtico experto do tema, Emilio. E Diego Pereda de 2ºD recomendounos a nova saga de Rick Riordan (o responsable do éxito de Percy Jacson). Esta vez o profesor de mitoloxía indaga no mundo exipcio coas Crónicas de Kane.


Tamén se desvelou o título da nosa lectura final... O libro dos portais, unha recentísima novidade da nosa admirada Laura Gallego (Minotauro, 2013). E por suposto, iso terá lugar no marco da nosa III edición da Festa das tartas literarias que servirá de colofón dun ano de lecturas que esperamos que fora do voso agrado.


Estade pendentes da data. Disfrutade do Día das Letras Galegas da mellor forma posible: lendo en galego.


Soamente dúas palabras para felicitar a todos polas ricas, múltiples e suxestivas iniciativas que dende a Biblioteca, Dinamización Lingüística e Vicedirección, conmemoraron os 150 anos de Cantares Galegos de Rosalía e ao homenaxeado deste ano Roberto Vidal Bolaño. Esperamos informarvos aquí máis adiante das mesmas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario