martes, 28 de maio de 2013

JOSÉ DOMINGO NA NOSA BIBLIOTECA


Outros falarán do emotivo acto de graduación dos nosos alumnos de 2º de Bacharelato que vivimos o pasado venres (xa vos dixen que a semana estivo requetechea de acontecementos), eu quero agora contarvos acerca dunha visita moi especial que veu á miña casa. José Domingo tivo o detalle de me visitar despois de participar na despedida dos novos bachareis. E non veu coas mans baleiras. Encheu os nosos andeis do seu talento singular. Co seu tímido encanto engaiolounos a min e mais aos meus compañeiros habitantes do mundo do tebeo. O coitado oficinista xaponés convocou ao seu carón aos Simpson, Mortadelo e Filemón, Astérix e Obelix, Val, o tenente Blueberry, Spiderman, Corto Maltés, Estela Prateada, os veciños da 13 Rúa do Percebe, os velliños de Engurras (déixome tantos) ... e todos nós, seres da banda deseñada que, aínda que non nos vexades, somos os reis da biblioteca, démoslle a nosa máis cálida benvida.



Grazas, Jose Do, polos teus agasaios, grazas polas túas dedicatorias, pero sobretodo, grazas por seguir crendo en ti mesmo, por non deixar de soñar, por non botar fóra o teu lapis (a pesares de que algún dos teus profes cho esixise daquela), por seguir activando a túa prodixiosa imaxinación e, así, ser quen de dar vida a seres coma min.


Dedicatoria de José Domingo para a nosa biblio












Foi toda unha honra recibirte na miña casa! O teu vello instituto non foi capaz de esquecerte. Aquel rapaciño é hoxe todo un mestre.


Algúns dos agasaios de José Domingo

Ningún comentario:

Publicar un comentario