O martes 13 de maio, logo de ser adiado o encontro por mor do apagado xeral do 29 de abril, a biblioteca do IES Sofía Casanova de Ferrol contou coa presenza da profesora e autora ourensá Celia Díaz Núñez. O evento, organizado polo Departamento de Lingua Galega e Literatura do centro, en colaboración co Equipo de Biblioteca, o EDLG, o Departamento de Orientación e a Editorial Galaxia, contou coa participación do alumnado de 1ºESO.
A experiencia docente de Celia quedou plasmada neste acto literario co alumnado de 1º de ESO no cal se analizou polo miúdo a obra de teatro Unha estrela para Amina (Galaxia, 2020), galardoada co Premio de Teatro Infantil O Facho 2019.
Partindo dun amplo abano de imaxes de apoio e baixo a ollada da nena protagonista e a súa boneca, Celia Díaz levou á biblioteca do centro a problemática dos conflitos e das migracións forzosas, ademais da amosar ao alumnado as claves da xénese do libro, entre músicas e multiculturalidade.
A xornada matutina, organizada en dúas quendas, foi presentada pola rapazada lectora da obra e concluíu coa sinatura de exemplares por parte da autora ao alumnado de 1º de ESO do IES Sofía Casanova, nun agradable encontro entre a escritora e os seus lectores e lectoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario