sábado, 17 de maio de 2025

ENTREGA DE PREMIOS DO II CONCURSO DE POESÍA

Ola rapazada!

O pasado xoves celebramos na biblioteca a entrega de premios e o recitado dos poemas do noso Concurso de Poesía en todas as linguas do centro, que empeza a consolidarse na segunda edición.

Soamente repartimos os premios na categoría de Bacharelato. Os premiados da ESO terán que esperar un pouquiño máis.

A ceremonia tivo un toque nostálxico ao aproximarse a despedida dos nosos alumnos de segundo de Bac. Os profes estamos moi satisfeitos de que, no balbordo dun curso tan estresante, tiverades un respiro para sacar de vós as vosas sensacións, medos, alegrías, desexos, esperanzas, dubidas... 

Esperamos que a escritura vos acompañe toda a vosa vida.

Como o pasado curso, a nosa intención é publicar no blog os poemas premiados. Aquí vos deixamos as palabras de Dani que expresan o sentir do xurado, así como as fotos dos gañadores, aos que felicitamos de corazón, e as fotos de todos os que vos achegastes por alí.


CASTELÁN:

1º PREMIO: XIÁN MARTÍNEZ ANLLO: "Soy la flor"

Por ter logrado unha estrutura que xoga na primeira estrofa co paralelismo e os encabalgamentos e, na segunda estrofa, coa pausa e a enumeración para crear un ritmo áxil e vivo.

Por ter condensado a esencia do ser nun remedo de composición metafísica juanramoniana.

Por ser capaz de transmitir, dun xeito aparentemente sinxelo, a alegría que causa a conciencia de estar vivo.


ACCÉSIT: LUCÍA FOLGUEIRA “Cuando el frío quema”

Pola riqueza das imaxes. Pola recuperación da antítese frío / lume. Pola presenza dunha natureza que non sempre é acolledora e que reflicte o interior da voz poética.

Pola sinceridade da súa mensaxe que amosa un cambio que aínda non se acepta.



INGLÉS

1º PREMIO: LUCÍA FOLGUEIRA: “Is it better to speak or to die”

Por ter creado un maduro poema de ritmo vivo con marcadas estruturas acentuais que recordan os sonetos de Milton (Soneto 19: “When I consider how my light is spent”).

Por amosar con valentía a necesidade de falar, de expresar con verbas os sentimentos, de deixar saír a dor, aínda que se saiba que se fai dano a quen amamos.  



FRANCÉS

1º PREMIO: CARMEN GESTAL: “Le soleil et la mer”

Por ter creado un ritmo suave grazas ás pausas e ás estruturas paralelísticas.

Pola presenza da natureza amiga que acompaña a voz poética e se identifica cos seus sentimentos amosándose acolledora.

Por ter amosado a inquedanza do devir.



ACCÉSIT: LUCÍA FOLGUEIRA: “La mélancolie”

Pola presenza dos elementos da natureza personificados (a noite e o día, o vento e as sombras).

Pola identificación do corazón como ese lugar que recolle o sufrimento.

Por amosar, de novo, como nos poemas que presentou en castelán e inglés, a necesidade dun cambio  que rompa o sufrimento que provoca unha etapa acabada.

LATÍN

1º PREMIO: CELIA CENDÁN “Aeternum promissum”

Por ter entendido á perfección a importancia da transmisión da cultura clásica.

Por ter creado un texto fermosísimo cheo de referencias clásicas que invitan á lectura, pero non amosan máis do que deben.

Pola utilización dunha 1ª persoa que bascula do “eu” ao “nós” grazas á persoa amada.



Grazas a todos por participar!




Ningún comentario:

Publicar un comentario