sábado, 24 de maio de 2025

ENTREGA DE PREMIOS DO II CONCURSO DE POESÍA PARA 3º E 4º DE ESO

Ola rapazada!

Onte o centro encheuse de emocións coa ceremonia de graduación dos rapaces de segundo de bacharelato. En medio deses preparativos tivemos un momento tamén para celebrar outra ocasión de ledicia, quizás máis íntima e cercana: a entrega de premios e o recitado de poemas do II Concurso de Poesía en todas as linguas do centro aos rapaces de 3º e 4º da ESO.


Aquí vos deixamos os motivos polo que o xurado concedeu os premios e as fotos dos gañadores coa promesa de editar pronto o poemario para disfrutalo xuntos.

LINGUA CASTELÁ

1º PREMIO: Yunaisi Lisset Águila Cano: “No quiero promesas ni grandes discursos”

Por ter creado un poema pausado e reflexivo grazas ás pausas e ao marcado ritmo acentual.

Por amosar de xeito sincero a dor que provoca a separación da persoa amada.

Polo uso da 1ª e 2ª persoas do singular (eu e ti) que se funden na 1ª do plural (nós) na fin do poema e que engaden a idea de esperanza.

Polo uso do paralelismo sintáctico e semántico para remarcar unha mensaxe amorosa sincera e asertiva.




ACCÉSIT: Mara Seco García: “Volar, a Nunca Jamás”

Pola presenza da literatura dentro da literatura.

Pola presenza da dramatización e da ironía.

Pola presenza de imaxes literarias moi ricas baseadas no libro de Barrie Peter Pan, como ese crocodilo que simboliza o tempo que a voz poética non logra apresar.

Pola sinceridade ao amosar a inquedanza ante o paso do tempo e a chegada da vida adulta.


LINGUA GALEGA

1º PREMIO: Sofía Bores Caruncho: “Nocturna”

Pola utilización da voz poética feminina que se laia da ausencia do namorado.

Pola presenza dunha natureza amiga que acompaña a soidade da namorada.

Pola actualización de temas e símbolos propios da literatura galego-portuguesa medieval, como o “amigo” ou o “cervo”, que se mesturan con símiles, epítetos e personificacións que produce ricas imaxes surreais (“lixeiro coma un perfume”, a “calma escura”, a “auga serena”).


ACCÉSIT: María Rivera Fernández: “Un ring”

Pola sincera descrición da adolescencia coma unha etapa na que unha queda bloqueada e moitas veces “noqueada”.

Pola presenza de parellas léxicas, coma “luz/escuridade”, “esforzo/recuperación” ou “indefensa/feliz”, que non só enriquecen a composición cunha mirada sinxela nos sentimentos máis íntimos, senón que ademais definen á perfección a etapa vital na que o futuro comeza a percibirse próximo ao presente.


INGLÉS

1º PREMIO: Antón Corral Rodríguez: “Crystal Butterfly”

Pola presenza, dende o principio do poema, da ironía (“Nature is National Geographic´s IP now!") que loita por denunciar a imposición e, o que é aínda peor, a aceptación por parte da sociedade de que o normativo é o mellor.

Pola presenza de que a natureza e quen de crear beleza moitas veces incomprendida.

Polo desexo de aceptar o froito inesperado sen catalogalo, sen pretensións de formalizado.

Por amosar que a diferenza é riqueza.


ACCÉSIT: Lucía Zi Fernández Castro: “The Beauty of Nature”

Pola presenza dun ritmo marcado grazas ás rimas agudas e ás estruturas paralelísticas.

Por expresar dun xeito maduro a pretensión metafísica da unión da alma coa natureza.

Pola recreación do tópico literario do Beatus ille.


FRANCÉS

1º PREMIO: Lucía Zi Fernández Castro: “L´amour ne desapareît jamais”

Pola celebración da inocencia que amosa a existencia dun amor que sobrevive aos infortunios e que recupera o tópico horaciano Omnia vincit Amor, é dicir, “o amor pódeo todo”.

Pola presenza de metáforas, personificacións e epítetos que crean unha atmosfera positiva de celebración da vida.

Pola presenza dunha natureza feminina (“lúa, noite, estrelas”) que protexe como só o fan as nais.





Ningún comentario:

Publicar un comentario