sábado, 31 de maio de 2025

ENTREGA DE PREMIOS AOS GAÑADORES DE 1º E 2º DE ESO DO II CONCURSO DE POESÍA

Ola rapazada!

Por fin onte rematamos a entrega de premios do II Concurso de Poesía. Tocábanos premiar aos máis pequenos, os rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO. E a biblioteca tornouse de novo unha festa coas palabras recitadas, a emoción contida e os agasallos.

Parabéns a todos os participantes, aos premiados e aos profesores e profesoras que vos animaron a escribir!


Aquí vos deixamos as fotos do momento e as palabras de Dani que condensan o parecer do xurado.

LINGUA CASTELÁ

1º PREMIO: Julia Álvarez Sánchez: “El camino sigue”


Por ter creado un poema que debuxa unha paisaxe onde a voz poética parece balancearse ou saltar á corda.

Pola presenza de imaxes surreais (“Mis sueños brillan como un gran... café”) que amosan a necesidade de xogo pese á seriedade do tema.

Por abordar o tema da inquedanza ante o futuro e o medo ante o erro que se ve amortecido grazas a uns elementos da natureza (“las estrellas”) que iluminan o seu camiño e lle dan seguridade para refirmar a súa autoestima.

1º ACCÉSIT: Jimena Gómez Ramonde: “Mi vida”


Pola utilización dunha voz poética en 1ª persoa que relata un confesión de inseguridades e inquedanzas.

Pola presenza de antíteses (“he viajado a escondidas / por miedo a ser encontrada / he bailado sin miedo de ser buscada”) e paradoxos (“he abrazado la mentira / para poder ser clara”) que reforzan o significado dun sufrimento que xorde ante os celos por ver a persoa amada feliz.

Pola confesión de que a persoa amada é a posuidora da súa existencia e que sen ela só queda o sufrimento.

2º ACCÉSIT: Dayana Inastrillas López: “Una educadora de mi infancia”


Por ter creado un poema con estrutura dramática que fai dialogar a voz poética con nós, amosando sentimentos, recordos e agradecemento e compartindo un anaco de intimidade.

Pola presenza dun retrato logrado con só tres palabras ("Esa chica alta, guapa y divertida") que logra que sintamos curiosidade por coñecer a Rosalía. 

Pola mensaxe de agradecemento sincero e veraz.

LINGUA GALEGA

1º PREMIO: Lucas de la Piñera Ortiz: “Noso vento"

Por ter logrado transmitir dunha maneira aparentemente sinxela (o que é moi difícil en literatura) a sensación do vento.

Pola utilización de hipérbatos, aliteracións e paronomasias para romper o ritmo dos numerosos paralelismos.

Pola personificación da “Natureza” como creadora de vida e a personificación do “Vento” (con maiúscula) como axente necesario para que a “Natureza” produza alimentos e, o que é máis importante, mova os nosos sentimentos.

Ante a ausencia do gañador, o seu profesor Henrique recitou o seu poema.

ACCÉSIT: Carolina Alsina Ferro: “O bosque e o esquío”


Pola creación de un ritmo áxil cargado de musicalidade. Ritmo que se logra coa repetición de estruturas paralelísticas, a utilización do xerundio en lugar de rima nas dúas primeiras estrofas e as palabras agudas nas dúas últimas, de xeito que imita as pandeiretas e invita ao baile.

Pola queixa (“Ai!”) que amosa a preocupación da voz poética polo futuro dunha criatura inocente (representada por un “esquío”) ante as inclemencias do tempo.

Pola elección do tema da natureza para amosar as inquedanzas humanas.

ÁRABE

1º PREMIO: Imane Kassimi Idrissi: “Amor familiar”


Por recoñecer a importancia dos membros da familia, nai, pai, irmá e irmán, identificados respectivamante como “luz, pilar, bálsamo y escudo”.

Pola estrutura aparentemente sinxela que recorda unha oración de “bienaventuranza” e que logra crear ritmo coa simple variación que se logra coa elipse (“La hermana es bálsamo para las heridas, / El hermano, un escudo ante la adversidad.”)

Pola presenza dun léxico positivo (“orgullo, fuerza, sol, amor, felicidad, eternidad”) que supera “el dolor” e “la adversidad”.



Ningún comentario:

Publicar un comentario